Granxas integradas en Avícola de Galicia acusan á industria de penalizacións aleatorias nos pagos

Os produtores afectados levan máis de ano e medio de diálogo coa empresa, sen chegar a solucións que resolvan o conflicto. Valoran a adopción de medidas de presión

Granxas integradas en Avícola de Galicia acusan á industria de penalizacións aleatorias nos pagos

Granxa de polos. / Imaxe de arquivo.

Avícola de Galicia, unha empresa do grupo Vall Companys que é unha das principais integradoras de polos de Galicia, ten a unha parte das súas granxas descontentas. O motivo do conflicto radica no sistema de penalizacións posto en marcha pola empresa hai arredor de ano e medio. Este sistema, que valora cuestións relacionadas coa hixiene e o benestar animal, derivou desde a súa posta en marcha en penalizacións importantes para parte das granxas, que os afectados cifran nunha depreciación do entorno do 20%.

As granxas que se declaran afectadas non están en contra do sistema en si, senón da suposta aleatoriedade coa que Avícola de Galicia aplica as bonificacións ou penalizacións. “Por exemplo, se dunha nave saen 10 camións de polos, poden poñerche nun parámetro a máxima puntuación en nove camións e quitarche puntuación nun camión, co cal xa che descontan polo conxunto da nave. Son cuestións que nos parecen aleatorias, xa que nós facemos tódalas producións igual”, explica un dos afectados, que se puxo en contacto con ‘Campo Galego’.

“Outras veces o desconto débese a motivos atribuíbles á propia integradora, que en ocasións retrasa a recollida dos polos máis do debido, xerando problemas nas naves”, engade. Logo de ter dialogado no último ano con Avícola de Galicia en busca de solucións, parte dos afectados están en conversas para valorar medidas de presión. “Temos investimentos moi importantes e unha granxa media de 30.000 polos pode estar deixando de gañar ata 6.000 euros por polada debido ás penalizacións que nos están aplicando”, critican.

Tecnoloxía e manexo
As ganderías tamén cuestionan investimentos tecnolóxicos ás que foron obrigadas, como sondas medidoras de CO2 e amoniaco, “pois non funcionan e gastamos nelas moitos cartos”, sinalan. Un último punto de descontento radica na retirada dos polos e vaciado das naves, pois é unha tarefa na que Avícola de Galicia emprega un mínimo de catro noites por nave -explican os gandeiros-, “cando o normal no sector é facer esa retirada nunha noite ou en dúas, a fin de evitarlle estrés aos animais”, salientan.

‘Campo Galego’ púxose en contacto a pasada semana con Avícola de Galicia para coñecer a súa versión da situación, pero a empresa polo de agora non ofreceu ningunha contestación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información