As granxas de leite galegas perderon 160 millóns polas vendas por baixo dos custes de produción

O Sindicato Labrego valora denunciar os feitos ante a Axencia de Información e Control Alimentarios posto que a situación mantense con contratos con prezos inferiores ós gastos de produción

As granxas de leite galegas perderon 160 millóns polas vendas por baixo dos custes de produción

O Sindicato Labrego Galego alerta de que as granxas de leite galegas deixaron de ingresar preto de 160 millóns de euros (159.596.767 euros), durante o ano 2019, ó vender o leite por debaixo dos custos de produción. A estimación realizada pola organización agraria toma como referencia o Estudo de Custos e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea) do sector lácteo correspondente ó ano 2017, publicado recentemente. No informe fíxase en 39 céntimos o custe medio para producir 1 litro de leite de vaca nunha granxa galega, lonxe dos 32 céntimos de media que recibiron as ganderías de leite en marzo, segundo os datos do último informe do Fondo Español de Garantía Agraria.

Ó ter fixados os custes de produción, que mesmo se incrementaron nos últimos anos, as perdas para os gandeiros galegos supuxeron unha media de máis de 13 millóns de euros por mes, en concreto sitúanse nos 13.299.730 euros.

Ante esta situación, que cualifican de pura extorsión ó non existir a negociación entre as partes e a industria continuar a fixar os prezos por debaixo dos custes de produción, dende o Sindicato Labrego están a estudar a posibilidade de denunciar ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). Mesmo valoran a posibilidade de presentar unha demanda xudicial semellante á que está en marcha contra o cártel do leite.

“A obriga das granxas de vender por debaixo dos custes de produción, feito que certifica o Ecrea, podería facer incorrer en fraude a maioría dos contratos asinados por non cumprir a cláusula dos custes de produción”, informan dende o Sindicato Labrego. Apuntan que o informe conta coa suficiente solvencia e credibilidade, ademais da gravidade que expresan os seus datos, como para denunciar estes feitos diante da Aica por estar as industrias impoñendo uns prezos ruinosos, artificialmente baixos.

300 euros de perdas por vaca

A denuncia diante da Axencia de Información e Control Alimentarios baséase no informe oficial do Ministerio de Agricultura, o Ecrea, realizado pola Subdirección Xeral de Análises, Coordinación e Estatística. No caso galego, analizáronse 64 explotacións de leite. O resultado foi que o custe de produción medio é de case 39 céntimos por litro, sendo o beneficio da actividade negativo, de -3’3 céntimos por litro.

Segundo apunta a organización agraria, as axudas que están a percibir as ganderías é o que as está sostendo, o que faría que conten cun beneficio final de 1 céntimo por litro. “Se quitamos as axudas da ecuación, cada granxa tería unhas perdas de preto de 300 euros por vaca (-299’08 euros)”, explican dende a entidade agraria.

Ademais, denuncian que a día de hoxe todo segue igual, xa que os contratos que a industria está a impoñer para a seguinte campaña marcan uns prezos semellantes aos actuais, moi lonxe dos 39 céntimos de media que custa producir un litro de leite de vaca en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información