As granxas da Cornisa Cantábrica teñen unha foxa de purín coa metade da capacidade aconsellada

Un estudo conclúe que a posibilidade de almacenamento sitúase en 7 metros cúbicos por animal, en tanto se recomenda ter entre 10 e 14 metros cúbicos. Asturias, a peor con 3,5. Galicia sitúase en 7,7

As granxas da Cornisa Cantábrica teñen unha foxa de purín coa metade da capacidade aconsellada

Fosa de purín.

A capacidade de almacenamento dos xurros nas explotacións lácteas da Cornisa Cantábrica é insuficiente. As granxas dispoñen de fosas que teñen de media unha capacidade de 7 metros cúbicos por unidade de gando maior (UGM), cando se aconsella ter entre 10 e 14 metros cúbicos. A peor comunidade é Asturias, con 3,5 metros cúbicos por UGM. Galicia sitúase en 7,7 e a mellor é Cantabria, con 8,5, segundo un estudo elaborado conxuntamente polos principais centros de investigación agraria da Cornisa, entre eles o de Mabegondo.

A capacidade da foxa preséntase relevante para aproveitar o máximo o nitróxeno dos xurros, pois se se aplica no inverno, en épocas sen crecemento vexetativo, ou en terras sen cultivo, perderase boa parte do nitróxeno. Por iso, os técnicos recomendan contar con fosas que teñen capacidade de almacenamento para 5-6 meses, a fin de que os xurros poidan aplicarse en intres clave, como a preparación do terreo para o millo ou para o cultivo de inverno.

Fosas cubertas
Outra das cuestións que se analizou no estudo foi a porcentaxe de fosas cubertas, que evitan que a auga ocupe o lugar que tería que ocupar o purín. A media da Cornisa é do 62% de fosas cubertas. Galicia sitúase na media (61,6%). A mellor foi o País Vasco, cun 81,8% e no extremo contrario sitúase Cantabria, con só un 48% das fosas cubertas.

O uso da inxección de purín é residual. Só se rexistra nunha porcentaxe pequena no País Vasco

Por dimensión das explotacións, non houbo variacións significativas nin na porcentaxe de fosas cubertas nin na capacidade de almacenamento por animal. As granxas máis pequenas presentan unha capacidade de almacenamento lixeiramente maior, así como un menor porcentaxe de fosas cubertas, pero sen desviarse en ambos casos máis dun 15-20% da media.

Outro aspecto que se analizou no estudo é o uso da inxección de purín na terra, unha tecnoloxía que facilita un maior aproveitamento e reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro. Só un 0,3% de explotacións, todas elas no País Vasco, usa a inxección de xurro.

Tipo de explotacións e xestión do purín. / [Definicións: Explotacións en estrato 1 (menos de 25 toneladas de produción de leite), estrato 2 (25-75), estrato 3 (75-175), estrato 4 (175-325), estrato 5 (325-500), estrato 6 (+ 500 toneladas ano). ]

Tipo de explotacións e xestión do purín. / [Definicións: Explotacións en estrato 1 (menos de 25 toneladas de produción de leite), estrato 2 (25-75), estrato 3 (75-175), estrato 4 (175-325), estrato 5 (325-500), estrato 6 (+ 500 toneladas ano). ]

A estabulación libre, só maioritaria en granxas de máis de 325.000 litros de leite

A análise das instalacións das explotacións lácteas da Cornisa Cantábrica revelou tamén que as ganderías con estabulacións trabadas continúan a ser maioritarias nos estratos baixos de produción, en tanto a estabulación libre é a norma nas explotacións de maior tamaño.

En granxas de maís de 500.000 litros de leite de produción, a estabulación libre rexístrase nun 97%, en tanto nas de 325.000 a 500.000 nun 82%. En ganderías de 175.000 a 325.000 litros, hai empate técnico: un 48% ten estabulación libre e un 52% trabada. Nas explotacións máis pequenas, a estabulación trabada xa supera con máis claridade á libre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información