Granxas con menos emisións de gases de efecto invernadoiro

Un proxecto europeo, ‘Beef Carbon’, traballa para reducir a pegada de carbono no vacún de carne. En España, a iniciativa está coordinada por Asoprovac e participarán arredor de 120 ganderías

Granxas con menos emisións de gases de efecto invernadoiro

A reducción da pegada de carbono da gandería preséntase como estratéxica para os próximos anos.

A loita contra o cambio climático constituirá previsiblemente un dos pilares da futura Política Agraria Común (PAC), a partir do 2020, polo que a reducción na gandería das emisións de gases de efecto invernadoiro convertirase nun asunto estratéxico. Diversos proxectos comezaron nos últimos anos a traballar con esa liña, un deles o ‘Beef Carbon’, coordinado en España pola Asociación de Productores de Vacuno de Carne (Asoprovac), que implicará a 120 granxas na iniciativa.

O proxecto ‘Beef Carbon’ iniciouse no 2016 e rematará no 2020. O seu obxectivo é implementar unha ferramenta para medir nas condicións españolas as emisións de gases de efecto invernadoiro e impulsar prácticas que reduzan a pegada de carbono das ganderías. “Queremos ter unha imaxe da situación de emisións da gandería en España e implementar prácticas mitigadoras para os distintos sistemas produtivos, tanto de vacas nodrizas como de cebadoiros”, explica a directora técnica de Asoprovac, Matilde Moro.

“Nun principio, o interese das ganderías no proxecto era escaso, pero cada vez é maior. Queren coñecer en que situación están”

O interese das ganderías no proxecto é cada vez maior, segundo valoran desde Asoprovac: “Ao comezo, as granxas non vían claro o interese do proxecto, pero cada vez estanse implicando máis. Queren coñecer en que situación están e van tomando conciencia de que a pegada de carbono será unha cuestión estratéxica”.

Na iniciativa ‘Beef Carbon’ participan asociacións e granxas de Francia, Irlanda, Italia e España. Os obxectivos do proxecto pasan por implicar a 2.000 explotacións no control das emisións e por crear unha rede de 170 granxas innovadoras que produzan unha baixa pegada de carbono. En España, espérase medir as emisións de 120 ganderías e que haxa 10 que implementen innovacións para reducir as súas emisións, a fin de que teñan un efecto demostrativo.

Mellora do manexo
A sostibilidade ambiental das explotacións é unha cuestión que en Asoprovac ligan á sostiblidade económica e social. “Trátase de que as medidas que se implementen para reducir a pegada de carbono teñan un baixo custo ou que mesmo permitan incrementar a eficiencia e rendibilidade da explotación”, subliñan.

“Nos próximos anos desenvolveranse aditivos alimentarios para reducir as emisións de metano”

Un dos aspectos que contribúe a reducir a pegada de carbono por quilo de carne producida é a mellora da eficiencia no manexo. Cuestións como lograr unha maior ganancia de peso diaria, reducir o intervalo entre partos ou mellorar a bioseguridade axudarán non só a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro senón a aumentar a produtividade da granxa.

Outros aspectos nos que se traballa no marco da pegada de carbono é o da xestión dos xurros e o da alimentación. “Sen dúbida, nos próximos anos desenvolveranse aditivos para mellorar a eficacia do rumiante con menores emisións de metano”, pronostica Matilde Moro.

Como obxectivo realista a medio prazo, a iniciativa ‘Beef Carbon’ considera que se pode reducir a pegada de carbono da gandería nun 15% nun prazo de 10 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información