Granxa O Cancelo, unha aposta pola innovación e o capital humano

Esta explotación, situada no concello de Miño ven de ser distinguida coma a mellor en produción de Galicia. Ademais, é un referente na xestión do capital humano, comercializa o seu propio leite e elabora xeados coa marca Bico de Xeado, un auténtico éxito comercial.

Granxa O Cancelo, unha aposta pola innovación e o capital humano

Unha explotación láctea rendible e saneada economicamente, coa mellor media de produción por vaca de Galicia en 2014, que cultiva e mesmo vende forraxe e transforma o seu propio leite creando valor engadido e postos de traballo. Nun momento de crise de prezos do leite, esta podería ser a explotación soñada por moitos gandeiros, e existe en Galicia, en concreto no concello coruñés de Miño.

Trátase de Granxa O Cancelo, unha explotación propiedade da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP), que botou a andar no ano 2009 cando a cooperativa decidiu asumir a xestión directa dunha explotación previa tamén de vacún de leite co obxectivo de convertela nun referente para o sector lácteo galego.

Sen embargo, como se encargan de subliñar os seus directivos “no día a día traballamos como unha empresa privada, sendo cada unha das áreas da empresa rendibles por si mesmas”.

Aposta polo capital humano e pola formación e innovación

Isto é posible grazas a un bo manexo do gando “e á calidade humana e profesional dos tres traballadores da explotación”, segundo subliñan dende a dirección. Insisten moito na vocación e na formación do cadro de persoal a través de cursos de formación e visitas a outras explotacións. Tamén teñen uns protocolos e rutinas de traballo establecidas, que permiten que cada persoa saiba o que ten que facer en cada momento.

“Os nosos traballadores están formados e a gusto co seu traballo e transmítenlle confianza e cercanía ás vacas, que deste xeito están máis cómodas e producen máis litros”, destacan dende Granxa O Cancelo.

Traballadores de Granxa O Cancelo cun novo membro da explotación

Traballadores de Granxa O Cancelo cun novo membro da explotación

Ademais, apostan pola estabilidade do persoal e por unha organización do traballo que permita conciliar a vida persoal coa laboral. Así, os traballadores dispoñen de 6 días libres ao mes e 30 días de vacacións ao ano, mentres que os horarios se organizan en dúas quendas: unha primeira dende as 5 mañá ás 3 da tarde, con media hora de descanso para o bocadillo, e a quenda da tarde é desde as 11:30 ás 15:00 e das 17:30 ás 23:00 horas.

Alimentación do gando

Granxa O Cancelo conta cunha cabana de 150 vacas, das que 85 son vacas en lactación e o resto son vacas secas e xovencas. A recría fana nun centro de recría de León, do que é socio a CAP Coruña.

Cultivan un total de 33 hectáreas, nunha zona na que non existe moita presión sobre a terra pero onde o pequeno tamaño das parcelas dificulta a ampliación. Nelas cultivan exclusivamente millo e no inverno sementan chícharo en combinación con outras leguminosas para fixar nitróxeno e aportar materia orgánica. “O chícharo mellora o rendemento do millo e tamén reduce a erosión nas fincas en pendentes” salientan. A boa produción destas terras permítelles a Granxa O Cancelo seren autosuficientes en silo de millo, de xeito que venden unha parte todos os anos.

Elaboran unha ración de 1 kilo de palla, 2 kg de veza, sobre 34 kg de silo de millo, 12 kg de bagazo, 5 kg de colza e 3,5 kg de fariña de millo. Dende fai tempo para o penso realizan a través da Cooperativa Agraria Provincial un peche de compra de materias primas a longo prazo, o último ata xuño de 2016. As vacas de Granxa O Cancelo comen sobre 27 kg de materia seca ao día, cun custo sobre 5 € por vaca e día.

Contan cun carro mesturador propio, o que lles permite facer dous carros diarios cando é necesario. Dende hai tempo fan o carro pola tarde noite “pois as vacas teñen máis dispoñibilidade de comida pola noite”.

Dentro da alimentación, nesta explotación danlle moita importancia ao manexo dos silos e da comida. “Intentamos ser moi coidadosos co manexo dos frontes do silo, que temos cubertos cun tellado para mellorar a súa conservación e evitamos que vaia silo estragado no carro”, aseguran.

A produción de Granxa O Cancelo está nunha media de 42/43 litros por vaca e día, o que os levou a ser distinguidos por FEFRIGA como a explotación galega con maior produción láctea por vaca no 2014. As características do seu leite están nun 3,2-3,3% de graxa e nun 3,3% de proteína.

Vantaxes dos 3 muxidos

Dende hai 5 anos en Granxa O Cancelo fan tres muxidos diarios: ás 5 da mañá, ás 12:30 do mediodía e ás 20:30 horas.

“A vantaxe que ten os tres muxidos é un aumento da produción entre un 12 e un 15%, que nos compensa economicamente. Tamén melloramos a saúde das vacas”, aseguran dende a dirección.

Recoñecen que “os inconvenientes que poderíamos ter serían os horarios e as quendas de traballo e rotación de persoal”, pero salientan que “témolo resolto porque temos estabilidade laboral”.

Coidado do benestar animal e da mellora xenética

Un aspecto que explica o éxito de Granxa O Cancelo é o coidado do benestar animal. Así, nesta explotación fan as camas do gando 3 veces ao día, encaman con material novo unha vez á semana e pican tamén unha vez á semana. Coidan tamén a comodidade das vacas secas, con suficientes cubículos para evitar a competencia entre elas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Muxindo as vacas

Ademais, fan sobre 8/10 arrimados de comida ao día, intensificándoos pola tarde, nas últimas horas. Para o verán dispoñen dun sistema de ventilación e de aspersores de auga automáticos para que as vacas sufran o menor estrés por calor posible.

En canto á xenética, consideran que “é moi importante, pero máis crucial é o manexo e a alimentación das vacas”.

Aínda así coidan tamén este aspecto, escollendo cada ano 2 ou 3 touros de entre os dez ou quince mellores por ICO para facer acoplamentos coas vacas. En xovencas solen utilizar seme sexado e tamén están empezando a comprar embrións para mellorar o rabaño.

Obxectivo: mellorar a lonxevidade e a fertilidade

Un dos aspectos nos que dende Granxa O Cancelo consideran que teñen máis marxe de mellora é na fertilidade e na lonxevidade. Actualmente esta explotación móvese nun intervalo entre partos de 410 a 415 días vaca/ano e a primeira inseminación é aos 78 días.

En canto á lonxevidade, están nunha media de 2,8 partos por vaca.

Unha vantaxe desta explotación para mellorar estes dous caracteres é que contan cunha porcentaxe de recría sobre vacas adultas bastante alto e ademais venden bastantes animais para vida, o que lles permite renovar o rabaño de forma máis rápida.

Comercializan do leite e elaboración propia de xeado, un auténtico éxito comercial

O outro aspecto innovador de Granxa O Cancelo é a súa aposta pola transformación do leite. Dos arredor de 3.800 litros diarios de leite que producen están a transformar arredor do 20%, unha porcentaxe que prevén ir incrementando nos próximos meses. O 80% restante véndenllo a Leite Celta, cos que asinaron un contrato ata setembro por 305 euros / tonelada máis IVE e calidades.

O 20% do leite que transforman permítelles crear 8 postos de traballo, dos que 2 son en fábrica e 6 en vendas. Por unha parte, distribúen leite pasteurizado tanto en máquinas expendedoras como mediante venda directa a hostalaría e a tendas. Tamén están a elaborar xeados coa marca “Bico de Xeado”, “unha liña de negocio moi positiva -recoñecen- na que temos unha enorme capacidade de crecemento”. A maior parte dos clientes de Bico de Xeado son restaurantes e tendas e este ano abriron unha xeadería propia na Coruña e tamén dispoñen dunha furgoneta móbil. Ademais, venden nalgúns puntos da cidade de Madrid.

Perspectivas de futuro

En canto ás perspectivas de futuro, den Granxa O Cancelo teñen previsto seguir apostando pola transformación do seu leite, aínda que con cambios.

Así, recoñecen que “as máquinas expendedoras non están a funcionar como esperabamos”, e onde si seguirán apostando co leite pasteurizado é na hostalería e en tendas pequenas en formatos de botella de 1,5 litros e de bolsas de 25 litros .

Pero onde teñen depositadas as maiores expectativas é nos xeados, “xa que teñen unha gran aceptación polos clientes e deixan valor engadido”. Deste xeito teñen previsto seguir abrindo xeaderías propias “e no futuro expandirnos fóra de Galicia”.

En canto á cabana gandeira non teñen previsto incrementala a curto prazo “porque temos un contrato de alugamento por 6 anos máis e esta explotación xa está equilibrada”.

Non obstante, en Granxa O Cancelo recoñecen que “no futuro gustaríanos levar o nivel de eficiencia e de manexo que logramos acadar aquí a unha granxa máis grande nunha zona na que non haxa moita presión sobre a terra”.

“Altius, citius, fortius” (Máis alto, máis veloz, máis forte), o lema olímpico tamén se pode aplicar para acadar explotacións, coma esta, cada vez máis rendibles, con máis valor engadido e máis sustentables.

Cun novo membro da granxa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información