Granxa O Cancelo prevé duplicar este ano a produción de Bico de Xeado

O proxecto de posta en valor do leite da Cooperativa Provincial da Coruña ven de abrir un novo punto de venda en Santiago e proximamente sumarán outro en Baiona. Tamén buscan abrir en Madrid.

Granxa O Cancelo prevé duplicar este ano a produción de Bico de Xeado

Bico de Xeado, o proxecto de Granxa O Cancelo de posta en valor do leite galego a través da innovación e o valor engadido, prevé duplicar en 2016 a produción de xeado.

Así o adiantou este mércores o xerente de Granxa O Cancelo, Jesús Otero, durante a inauguración dun novo punto de venda de Bico de Xeado en Santiago de Compostela, na rúa do Vilar número 81.

Esta exitosa iniciativa parte dunha explotación de vacún de leite, Granxa O Cancelo, situada en Miño (A Coruña) e propiedade da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña SCG.

Desde o ano 2011 Granxa O Cancelo comercializa leite fresco pasteurizado e foi no 2012 cando comezou coa elaboración de xeados artesáns. O proceso de expansión fixo preciso ampliar instalacións abrindo un novo obradoiro de xeados artesáns en Arteixo (A Coruña).

Segundo Jesus Otero a idea partiu de que “nun contexto de crise de prezos do leite e perda de valor do mesmo, cremos e apostamos polos nosos produtos e por buscar maior valor engadido ao leite elaborando xeados artesáns de calidade extraordinaria”.

 “Ante a perda de valor do leite, apostamos por elaborar produtos de maior valor engadido”

O piar fundamental é a utilización de materias primas de primeira calidade comezando polo leite fresco procedente exclusivamente de Granxa O Cancelo. Ao leite engádeselle nata, azucre, froita fresca, chocolate, vainilla, licor, iogur, turrón, menta, pistacho, améndoas, e un largo etcétera en función da variedade, mais sempre escollendo os mellores ingredientes. Xunto co bo facer do persoal da Granxa O Cancelo o resultado é un xeado artesán único no mercado.

Nos primeiros anos a distribución destes xeados facíase a través de pequenas tendas de proximidade e na hostalería. No ano 2014 sacaron ao mercado unha imaxe anovada coa marca “Bico de Xeado”, realizaron unha importante expansión chegando a estar en establecementos alén das fronteiras galegas e comezaron a traballar para dispoñer de xeaderías propias.

Este obxectivo logrouse en maio de 2015, coa inauguración da primeira xeadería propia de Bico de Xeado na cidade da Coruña, na avenida da Marina número 21.

Agora toca a quenda da cidade de Santiago, onde o local da rúa do Vilar, un dos puntos máis concorridos da Cidade Vella, pretende non só ser un escaparate para a venda a particulares senón que “tamén nos sirva para chegar a colaboradores no mundo da hostalería que teñan unha visión similar á nosa de coidar o produto e o servizo”, asegura Jesús Otero.

En 2016 prevén duplicar a produción e abrir novos puntos en Baiona e quizás en Madrid

O xerente de Granxa o Cancelo recoñece que “a aceptación que tivo o noso xeado foi sorprendente, máis rápido do que pensabamos”. Deste xeito, en 2015 multiplicaron por tres as vendas de Bico de Xeado, “grazas tanto ao punto de venda que abrimos na Coruña como á foodtruck que situamos en Marineda City”, explica Jesús Otero.

“E este ano pensamos dar tamén un salto importante en canto á venda do produto, dobrando a produción”, avanza.

 Bico de Xeado xa ten en plantilla 20 traballadores e este ano prevé crear ata 10 novos postos

Isto será posible grazas á apertura dun novo punto de venda en Baiona (Pontevedra). Ademais, Jesús Otero adianta que “tamén estamos buscando unha nova apertura na provincia da Coruña e incluso estamos vendo a posibilidade de abrir un punto de venda en Madrid”.

Pero onde máis se reflexa a importancia do proxecto de Granxa O Cancelo é na creación de emprego e na fixación de poboación no rural. “Agora mesmo están en plantilla 20 traballadores, e este ano prevemos crear entre 8 e 10 novos postos de traballo”, explica o xerente de Granxa O Cancelo.

O seu obxectivo a longo prazo: chegar a transformar os 1,2 millóns de litros que produce anualmente Granxa O Cancelo, demostrando deste xeito o gran potencial que ten o leite galego para elaborar produtos de valor engadido e de éxito no mercado como Bico de Xeado.

Novo punto de venda en Santiago

Novo punto de venda en Santiago

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información