Grandes adegas galegas empezan a apostar pola viticultura de precisión

Expertos reunidos en Monforte nunha xornada organizada pola EVEGA sinalan que a aplicación de sensores e drons concentrarase nas novas plantacións de viñedo, de maior tamaño. Fan un chamamento a mellorar as técnicas de viticultura.

Publicidade
Grandes adegas galegas empezan a apostar pola viticultura de precisión

Dron sobrevoando un viñedo. Autor: ejempla.com

Galicia é unha das zonas do mundo con maior variabilidade nos seus viñedos. É dicir, con maiores diferenzas de rendemento e calidade da uva dentro dunha mesma parcela debido ás diferenzas de fertilidade e profundidade do chan e condicións orográficas e climatolóxicas.

Unha das vías para reducir as perdas económicas que provocan estas diferenzas é a chamada viticultura de precisión, consisten na utilización das novas tecnoloxías (fundamentalmente sensores na viña, estacións meteorolóxicas e imaxes por satélite ou por drons) para facer unha radiografía desas diferenzas e realizar tratamentos selectivos para cada zona da parcela.

Para coñecer os últimos avances en viticultura de precisión e as posibilidaes de aplicación en Galicia celebrouse onte en Monforte de Lemos a “Xornada sobre Viticultura de Precisión: Na procura do equilibrio entre Só, Clima e Planta”. Organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), congregou a expertos e a máis de cen asistentes no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal.

A xornada comezou co relatorio de José Antonio Rubio Cano, xefe da unidade de Cultivos de Leñosas e Hortícolas da Junta de Castilla y León, unha das comunidades con máis implantación da viticultura de precisión.

José Antonio Rubio resumiu a nova técnica en “utilizar as novas tecnoloxías para tratar diferente o que é diferente dentro da viña, o que permite aforrar custos en fertilizantes e tratamentos e elaborar a uva de maneira distinta en función de cada parte da finca”.

“Cando máis grande sexa a parcela máis se abarata a aplicación da viticultura de precisión”

O representante da Junta de Castilla y León recoñeceu que “canto máis grande sexa a parcela máis se abarata a instalación de sistemas de sensores e de teledetección”.

“O obxectivo é facer máis rendible a viña mediante o aforro de custos, de ata 4 céntimos por quilo, e quitándolle o maior beneficio á uva que se produce a través dunha diferenciación”, subliñou.

“Avanzamos moito en enotecnia e comercialización pero pouco en técnicas de cultivo”

Pola súa banda, o profesor da Universidade de Vigo, José Manuel García Queijeiro, centrou o seu relatorio nas potencialidades e os problemas detectados da aplicación da viticultura de precisión en Galicia.

Queijeiro lembrou que “o bo viño faise na viña”. Neste sentido, lamentou que mentres o sector galego do viño realizou un gran avance no últimos trinta anos en modernización das adegas -enotecnia- e en comercialización, con todo a viticultura, as prácticas culturais (poda, fertilización, sistemas de condución, manexo da vexetación…etc) do cultivo da viña, seguen sendo unha materia pendente.

A este respecto, o profesor da Universidade de Vigo lembrou que a viticultura de precisión xurdiu a comezos dos anos 80 nas grandes plantacións de viñedos en Australia para optimizar os rendementos e chegou a Galicia no ano 2008, a través dun proxecto na DO Rías Baixas financiado pola Xunta.

“A aplicación en Galicia limitarase aos grandes viñedos”

En canto ao potencial de aplicación da viticultura de precisión en Galicia, José Manuel García Queijeiro destacou que “estamos ante unha das zonas con máis variabilidade” da viña pero prognosticou que a aplicación destas novas tecnoloxías limitarase ás grandes plantacións.

Imaxe da xornada

Imaxe da xornada

“Nos viñedos pequenos os viticultores coñecen ben a variabilidade e non necesitan estas tecnoloxías. Onde máis mercado pode ter a viticultura de precisión é nas novas plantacións, con viñedos de maior tamaño que, en bastantes casos antes eran monte”, asegurou.

Ademais prognosticou que os servizos de viticultura de precisión terán cada vez prezos máis alcanzables pola competencia do mercado.

Experiencias de viticultura de precisión en Galicia

A xornada concluíu cunha mesa redonda de técnicos de distintas adegas de Galicia: Martín Códax, Viña Costeira, Viña Godeval e Vía Romana. Algunhas delas xa utilizan esta técnica e todas contan con viñedos de tamaño mediano ou grande.

José Luís, da Oficina Comarcal do Barco e asesor técnico de Viña Godeval, sinalou que “nos viñedos pequenos vexo difícil aplicar a curto prazo os sistemas de sensores e estacións meteorolóxicas da viticultura de precisión”.

Pola contra, Martín Códax é unha das adegas galegas con maior implantación dos sistemas informáticos desta nova técnica, en concreto, de voos tripulados antes do envero para obter fotografías cos distintos estados de maduración e vigor dos viñedos. Miguel Tobío, técnico da cooperativa, explicou que o están aplicando tanto nas máis de 100 hectáreas de viñedos propios que teñen en Rías Baixas e en Monterrei, con viñedos grandes de nova plantación, como nas máis de 400 hectáreas de viñedos dos socios, nese caso pequenas parcelas diseminadas.

Martín Códax: “Os nosos enólogos están encantados coa viticultura de precisión”

“Estamos máis envorcados na clasificación dos viñedos para a vendima a través de viticultura de precisión e con resultados moi satisfactorios, sobre todo para os enólogos, xa que lles permite separar a uva dunha mesma parcela que presenta variabilidade de chan e vigor da planta”, destacou Miguel Tobío.

“Permítenos diferenciar a uva e elaborar viños de máis calidade”, concluíu.

Susana, técnica de Viña Costeira, sinalou que tamén están a aplicar os sistemas de viticultura de precisión, neste caso mediante sensores e estacións meteorolóxicas nas 50 hectáreas de viñedos propios que plantou a cooperativa do Ribeiro. Tamén comezaron este ano a contratar voos con drons na época do envero para determinar o vigor da viña. “E toda esta información é custosa”, subliñou

Por último, Óscar, técnico de Vía Romana, unha adega da Ribeira Sacra que conta con 14 hectáreas propias e 70 de viticultores socios, avanzou que están en proxecto para instalar 4 estacións meteorolóxicas, dúas en Vía Romana e outras dúas en Terriña, outra adega do grupo.

Recoñeceu que no Ribeira Sacra existe unha gran variabilidade nos viñedos, pero que de momento as súas prioridades céntranse en convencer aos viticultores para realizar podas en verde e en reducir e optimizar os tratamentos fitosanitarios.

Vía Romana: “De momento os nosos esforzos concéntranse en realizar podas en verde e reducir tratamentos”

Como innovación, destacou a realización este ano, a modo experimental, de ataques fúnxicos á vide para conseguir máis potencial fenólico, unha experiencia con resultados “de momento, moi positivos”.

Imaxe do estado de vigordo viñedo de Martín Códax en Monterei. Autor. Martín Códax

Imaxe do estado de vigordo viñedo de Martín Códax en Monterei. Autor. Martín Códax

A importancia de realizar análises previas do chan de plantación

Na quenda de preguntas, varios asistentes chamaron a atención sobre o feito de que para reducir a variabilidade, e antes de poñerse a instalar os sistemas tecnolóxicos da viticultura de precisión, deberíase realizar unha completa analítica do chan da parcela no que se vai a plantar ou replantar o viñedo para coñecer as variacións de fertilización, profundidade, exposición ao sol…etc e así poder elixir os portainjertos e as variedades máis adecuadas.

Así mesmo, reclamaron que os prazos das axudas da administración para plantar viñedos se reaxusten para permitir realizar estas analíticas.

Por último, entre os asistentes atopábanse alumnos de Formación Profesional en Vitivinicultura que fixeron un chamamento ás adegas a que contraten técnicos para profesionalizar o sector.

Últimos avance tecnolóxicos en Galicia

Na xornada, tamén participaron representantes de dúas entidades galegas que están a liderar a extensión da viticultura de precisión en Galicia: Jorge Seoane Brandariz, da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e Eugenia Comesaña e Déborah Franco, da empresa Monet Viticultura.

Brandariz explicou que a solución máis estendida a día de hoxe son as redes de sensores inalámbricos WSN, de fácil instalación, que permiten un acceso remoto á información do estado da viña desde o móbil e cuxo custo cada vez é máis alcanzable.

A última innovación son drones e robots terrestres con sensores

En canto aos aparellos que se empregan para detectar e predicir enfermidades fúngicas, e o estado da viña en xeral, o representante do ITG citou os biosensores, nanosensores, cámaras hiperespectrais. A última innovación son drons e robots terrestres que embarcan aos sensores para monitorear o estado do viñedo.

Pola súa banda, desde Monet Viticultura expuxeron a oferta de produtos da súa empresa, a primeira galega especializada en viticultura de precisión ,e resumiron o obxectivo desta nova técnica en “obter máis uva sa”. Para iso, a través das novas tecnoloxías conseguen e procesan un gran volume de información sobre o estado da parcela que permite automatizar e mellorar a toma de decisións.

Os servizos aos seus clientes inclúen unha aplicación informática que posibilita desde prever as principais enfermidades fúngicas (mildiu, botritis, oidio e black rot), para o que establece un código de cores cunha previsión de 4 días, ata a xestión do caderno de explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información