Garantido o subministro de penso para todas as granxas galegas

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais asegura o subministro e descarta problemas de abastecemento. En caso do peche temporal por corentena dalgunha fábrica, o sector cubrirá as demandas desas ganderías

Garantido o subministro de penso para todas as granxas galegas

Ante a actual situación excepcional de pandemia global causada polo coronavirus, a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Agafac) anunciou esta mañá que a entrega de pensos compostos nas explotacións gandeiras galegas está garantida. Ao tratarse dun sector esencial para a supervivencia da cabana gandeira estará permitido a circulación de transporte de materias primas e entrega de pensos para a alimentación animal.

Os fabricantes galegos fan tamén un chamamento á tranquilidade ante o aluvión de pedidos solicitados nos últimos días. Informan que dende Agafac, cuxos socios representan o 85% da produción de pensos de Galicia, poden asegurar o subministro de alimentos, de maneira que ningunha explotación gandeira quede desabastecida ou sen cubrir as súas necesidades de alimentación.

De feito, en caso de producirse algún caso positivo confirmado nalgunha fábrica de pensos que supoña o peche por corentena da mesma, o resto do sector ocuparase de forma solidaria de cubrir as necesidades das posibles granxas afectadas. É dicir, naqueles centros que fosen postos en corentena, o sector asumirá o volume de produción da fábrica afectada, garantindo deste xeito a subministración.

Ademais, o sector está a levar a cabo as medidas correctoras específicas recomendadas para evitar a propagación do COVID-19 nos devanditos centros de produción e nas súas rutinas de traballo coa reorganización de quendas e horarios ou a implantación do teletraballo sempre que sexa posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información