Ganxabar, unha década de experiencia na recría en común

Coñecemos o sistema de traballo e os protocolos que se aplican no centro de xovencas creado en Mazaricos por un grupo de 8 explotacións. As instalacións manexan na actualidade arredor de 1.000 animais

Ganxabar, unha década de experiencia na recría en común

Patio exterior da nave de recría de Ganxabar.

A recría dos animais é con frecuencia o patiño feo nas explotacións. Ás xatas quédanlles as peores instalacións e tampouco a atención e a alimentación son ás veces as óptimas, pois priorízase o traballo cos animais en produción. Hai unha década, oito explotacións de Barcala-Xallas que xa xestionaban unha cooperativa de maquinaria (Cuma) en común, decidiron crear un centro de recría conxunto co obxectivo de mellorar a cría das xovencas.

Aquela experiencia, que leva o nome de Ganxabar, vén de cumprir unha década de traballo ben feito, na que se foron acadando os obxectivos marcados. O xerente do grupo, Adrián Cundíns, explicou o sistema de traballo e protocolos que aplica o centro nunha recente xornada do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Resumimos a súa intervención.

O centro de recría Ganxabar, ubicado en Mazaricos, forma parte do proxecto conxunto de 8 explotacións da comarca, que tamén xestionan en conxunto unha Cuma e o cultivo de forraxes e alimentación do gando. As granxas dispoñen de 1.300 vacas en muxidura e contan con 720 hectáreas de terras. O centro de recría, pola súa banda, manexa uns 1.000 animais na actualidade.

Obxectivos
A insuficiencia de recría e a carencia de instalacións levou ás granxas a iniciar no 2006 a recría en conxunto, nunhas instalacións que custaron preto de dous millóns de euros e que ocupan unhas 5 hectáreas. A idea era mellorar o manexo dos animais e a eficiencia da recría. Como obxectivos principais, marcarónse tres criterios:

– Cubrir á xovenca con 12 meses, fronte ós 16 meses de media en que se viña facendo.

– Acadar ó ano de vida 420 quilos de peso e 135 centímetros de altura á cruz.

– Conseguir o parto con 22 meses e máis de 600 quilos de peso.

A día de hoxe, preto do 90% dos animais cumpren os tres obxectivos, o que permite abaratar os custos da recría e poñer os animais a producir no menor tempo posible.

Sistema de traballo
O sistema de traballo cos animais de recría, que se foi afinando coa experiencia, segue os seguintes pasos:

1) Recepción dos animais

Ata a segunda semana de vida, as xatas permanecen nas granxas, seguindo un protocolo de encalostrado. O centro de recría adoita facer a recollida un día á semana. Os animais, antes da entrada nas instalacións, son sometidos a un control de Bvd e paratuberculose. Faiselles despois un control do estado físico no intre da entrada.

xatas centro recría 2 apaisada

Desde a súa chegada, sobre as 2 semanas de vida, ata a séptima/oitava semana, os animais permanecen en boxes individuais, onde reciben tres tomas diarias de leite en biberón.

“A boa alimentación nesta fase é fundamental para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento dos animais”, explica Adríán Cundíns. “Se teñen aquí retrasos, van sufrir máis problemas de enfermidades en fases futuras”.

Os animais destétanse con 90 quilos de peso e cando xa consumen mais de 1quilo de concentrado ó día. Durante unha semana máis permanecen no box, á fin de que se acostumen á nova alimentación. “Cando os pasabamos á zona de grupos no intre do destete, viamos que unha semana despois os animais pesaban menos. Non era que gañasen peso, perdíano polo dobre stress de competir cos demais animais e de perder o leite”, lembra Adrián Cundíns.

terneras centro recría apaisada

2) Zona de destete por grupos (2-4 meses)

Confórmanse grupos de 8-10 becerras para evitar un exceso de competencia. Introdúcese o sistema de cornadizas, pero mantense unha zona sen el para ofrecer alternativas en tanto os animais non aprenden a usalas. O alimento é a base de granulado e raigrás.
 

3) Zona de adaptación (4-5 meses)

Os animais móvense a outra nave, en lotes de 6 animais, e comezan a alimentarse coa ración do carro Unifeed. “É un dos periodos delicados, pois son frecuentes casos de diarreas e acidose. Tamén é o intre de maiores problemas respiratorios”, repasa o xerente do centro. “A clave está en ter un bo desenvolvemento nas primeiras fases”.

4) Nave principal de recría (5 meses ata a xestación confirmada)

Os lotes configúranse en función da idade e do estado fisiolóxico, aportándoselles unha alimentación específica para cada fase. Hai tres racións distintas, a primeira alta en enerxía e proteína, que os animais precisan para acelerar e lograr un bo desenrolo; unha seguinte cunha baixada de enerxía para evitar engraxamento dos tecidos mamarios, e unha última mais rica en fibra.

nave interior centro recría apaisada

Fase 1
Dos 5 ós 8 meses, as xovencas están en lotes de 45 animais, con 600 metros cadrados dispoñibles, con cama quente de casca de piñeiro e acceso tamén a patio exterior. As cornadizas están adaptadas ó tamaño das xovencas, a fin de facilitar o manexo.

Fase 2
Dos 8 ós 12 meses, hai unha redución da enerxía, de cara a evitar un excesivo engraxamento. “É unha das fases nas que menos manexo se fai dos animais, polo que é cando pode haber máis descoidos, con animais que queden atrasados ou que teñan problemas de coxeiras que non se detecten”, explica Adrián Cundíns.

Durante esta etapa, os animais están en lotes de 60 e teñen uns 1.000 metros cadrados dispoñibles.

Adrián Cundíns, á dereita, no Encontro do Clube de Xóvenes Gandeiros.

Adrián Cundíns, á dereita, no Encontro do Clube de Xóvenes Gandeiros.

Fase 3
Desde que cumpren un ano ata que teñen a xestación confirmada, as xovencas teñen unha ración con maior cantidade de fibra. Permíteselles acceso continuo ó patio exterior e hai un control visual dos celos, sen podómetro. Configúranse lotes de 50 animais, que teñen unha revisión semanal por parte dun técnico.

As inseminacións fanse con seme sexado as dúas primeiras veces, de xeito que se acada un 95% de femias nos partos. Tamén se traballa de xeito puntual con embrións.

5) Nave de adaptación para a saída

As xovencas pasan a unha nave de cubículos, similar á que terán nas granxas, co obxectivo de que se adapten a ese sistema.

Protocolos de traballo
Tres persoas ocúpanse cada día da atención ó centro de recría en horario de 7 a 22 horas. Co obxectivo de lograr a maior eficiencia, repártese o traballo semanal en tarefas específicas para cada día da semana. Vacinación, recollida de animais, movemento de lotes, control reprodutivo ou mantemento das instalacións (encamados, desencamados, etc.) son tarefas programadas de xeito sistematizado que se adoitan concentrar nun ou dous días da semana.

Conclusións

O centro de recría permitiu que as granxas mellorasen a eficiencia da recría, á vez que aumentaban as vacas en muxido sen medrar en instalacións. O custo da recría sitúase en 2,45 euros ó día e estase a lograr que unha maioría dos animais teñan o parto cada vez mais preto dos 22 meses, de xeito que se abaratan os custos da recría e se logra un bo desenvolvemento dos animais para a súa entrada en produción o antes posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información