A inspección veterinaria no mercado de Amio acordou declarar non aptos a algúns dos animais de recría que concurrían á venda. O motivo foi fundamentalmente a falta de madurez dos xatos. Desde Amio xa se advertira hai meses da necesidade de enviar o gando de recría á feira cunha idade mínima de 25 días, a fin de facilitar a súa viaxe cara os cebadoiros do leste español, Cataluña e Aragón principalmente.
Tralo problema que se viviu onte no mercado de Amio, as dúas asociacións de tratantes principais en Galicia -Astragal e Agega- acordaron solicitar de Medio Rural un maior control sobre a idade da recría nas explotacións de orixe, así como medidas para evitar posibles fraudes que na actualidade provocan unha diverxencia entre a idade documentada e a que efectivamente teñen os animais.
Os vogais da Mesa de Prezos de Gando de Abasto, que se reúne semanalmente en Amio coincidindo co mercado, consideran estas medidas imprescindibles e de efecto favorable a medio prazo, pois evitarán que o prezo da recría siga baixando tan notoriamente.
Mesas de Prezos
En canto ás cotizacións semanais decididas nas Mesas de Prezos, na de Ternera Gallega acordouse a repetición de valores, excepto nas femias de Suprema no treito de 161 a 180 quilos, que soben 2 céntimos por razón de axuste técnico.
Na Mesa de Gando de Abasto, o vacún maior baixa 5 céntimos nas canais P, O3 e O1. En becerros carniceiros e gando de recría non houbo cambios.
A asistencia de gando á sesión de onte foi de 2.268 reses, 149 máis que a pasada semana. Houbo 1.849 cabezas de vacún menor (197 máis que na sesión anterior), 220 de vacún mediano (30 menos) e 193 de vacún grande (10 menos).
Máis información
– Táboa completa das cotizacións de Amio (18-IX-2019)