As ganderías que fan xenotipado xa teñen de media uns 400 puntos máis de ICO e a súa xenética progresa máis por vía femia

O xenotipado das becerras está a estenderse nas explotacións máis profesionais para acelerar a mellora xenética do rabaño. Resumo do relatorio de José Antonio Jiménez, responsable do departamento técnico de Conafe nas xornadas celebradas en Mouriscade

As ganderías que fan xenotipado xa teñen de media uns 400 puntos máis de ICO e a súa xenética progresa máis por vía femia

Becerras en Casa Pozo, unha das ganderías de referencia en xenética en Galicia

As ganderías de vacún de leite que realizan xenotipado das súas becerras están a alcanzar de media uns 400 puntos de máis de ICO que aquelas que non o realizan, o que supón unha importante mellora do valor xenético do rabaño e da competitividade da explotación.

Ademais, as ganderías que xenotipan as súas tenreiras obteñen máis progreso xenético hoxe por vía femia que por vía macho, o cal nunca ocorrera previamente, xa que o habitual ata agora era que fora por vía da selección de touros.

Así se desprende de diversos estudos realizados pola Confederación Nacional de Frisoa Española (Conafe) e cuxos resultados foron expostos a pasada semana en Finca Mouriscade (Lalín-Pontevedra) nunhas xornadas sobre podoloxía en vacún de leite.

Neste sentido, José Antonio Jiménez, responsable do departamento técnico de Conafe, explicou as claves da aplicación práctica do xenotipado en granxa, unha técnica que se empezou a utilizar en España no ano 2014 e que, a pesar da crise de prezos no sector, non para de medrar. “De feito, en abril de 2017 en Conafe xa acumulamos o dobre de probas que no mesmo mes do ano pasado”, destaca José Antonio Jiménez.

O punto de partida é que a técnica do xenotipado permite coñecer mellor o valor xenético do animal, cunha fiabilidade moito maior que a que achega o índice de pedigrí. O custo do xenotipado en España está neste momento en 35 euros, aínda que para os gandeiros non socios de CONAFE o prezo sobe a 55 euros.

En que se nota o diferencial de progreso xenético das ganderías que realizan xenotipado?

CONAFE_XENOTIPADO_2

Para coñecer como repercute efectivamente o xenotipado no progreso xenético dunha gandería medido en ICO, Conafe realizou un estudo para Cataluña -a comounidade na que máis está implantada esta técnica- no que comparou 225 ganderías de vacún de leite que non realizaron esta proba fronte ás explotacións que polo menos desde o 2014 están xenotipando máis do 25% da súa recría.

“Os resultados mostran que ata o 2011 o diferencial era duns 250 puntos ICO, a partir do 2011 o progreso xenético incrementouse en todas as ganderías en boa medida debido ao uso de touros xenómicos e que a partir de 2015 as ganderías que xenotipan incrementan o seu diferencial ata alcanzar os 3.256 puntos ICO, fronte aos 2.666 do resto, é dicir case 600 puntos máis”, explica José Antonio Jiménez.

Nas ganderías con xenotipado o maior progreso xenético é por vía femia

Outro dato para destacar é que as ganderías que xenotipan as súas becerras obteñen máis progreso xenético hoxe por vía femia que por vía touro, cuxa achega por suposto segue sendo importante.

“Coas mesmas ganderías da análise anterior comparouse o progreso xenético debido aos touros e o debido á mellora das vacas e o resultado é que en 2016, cando naceron as primeiras fillas desas tenreiras, dos 600 puntos de mellora xenética, 400 xa foron por vía femia e só 200 por vía touro”, explica o técnico de Conafe.

CONAFE_XENOTIPADO_1

Outro estudo sobre o resultado da recría xenómica comparou o nivel xenético das tenreiras nadas e das que chegan a ser nais nas ganderías con recría xenómica fronte ás 200 ganderías top de Conafe. “Os resultados -explica José Antonio Jiménez- mostran que nestas ganderías top que non xenotipan non se realiza ningunha selección das xovencas, xa que o nivel xenético das nadas e das que chegan a ser nais de becerras é moi similar, só hai 7 puntos de ICO de diferenza”. “Sen embargo, nas ganderías que si están xenotipando xa se empezan a observar diferenzas de ata 79 puntos de ICO, debidas á selección que realizan os gandeiros en base á información xenómica”, destaca o técnico de Conafe.

Pero, ¿Como se traduce isto en diñeiro? Pois se se ten en conta que cada punto de ICO supón entre 8 e 15 céntimos máis por vaca, estariamos a falar de que as femias nadas en 2016 deberían achegar a esa gandería unha rendibilidade a maiores duns 150 euros máis.

A que idade realizar o xenotipado?

Para o gandeiro que ten capacidade de decidir e pode desprenderse de parte da recría, o xenotipado das becerras débese realizar entre os 1 e os 3 meses.

Se a gandería precisa recriar todo, desde Conafe recomendan realizar o xenotipado entre os 6 e os 10 meses e posteriormente buscar o touro máis adecuado para a descendencia (seme sexado, seme convencional ou inseminación con razas cárnicas). Sempre utilizando un programa de axustes que permita corrixir os puntos débiles da xovenca, evitar recesivos e limitar o incremento da consanguinidade.

Como valoran esta técnica os gandeiros que a empezaron a aplicar en 2014?

Conafe realizou unha enquisa entre os gandeiros que empezaron a realizar xenotipado no ano 2014 para coñecer que están a facer a día de hoxe.

As respostas que ofreceron foron catro:

-Realizan transplante de embrións das mellores tenreiras xenómicas como doantes ou mediante contratos con centros de inseminación.

-Usan seme sexado coas mellores xatas, seme convencional no resto e seme de carne coas peores.

-Utilizan a información de Beta Caseína para descartar vacas a inseminar con Holstein.

-Utilizan a información de recesivos para axustar.

Conafe preguntou tamén a estes gandeiros se se corresponde a predición xenómica destas tenreiras coa realidade.

“As respostas foron que en xeral si, sobre todo en leite, ubres, sólidos e tipo,e que as tenreiras con boa proba xenómica terminan sendo as mellores vacas; con produción e conformación, e tamén as mellores nais”, destaca José Antonio Jiménez.

Con xa tres xeracións de tenreiras genotipadas e paridas en España, xa hai casos como unha gandería catalá na que o 35% do seu rabaño procede dunha soa vaca, nun período de catro anos e extraendo embrións.

En definitiva, do mesmo xeito que os touros xenómicos, o xenotipado das tenreiras estase consolidado como unha técnica máis para mellorar de forma máis rápida a xenética dos rabaños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información