“As ganderías pequenas manteñen a vida nas aldeas, e iso non o fan as grandes explotacións”

Alberto Rivera García é titular de Granxa Riveira, unha gandería de vacún de leite en Cambás no Concello de Aranga. Cóntanos como manexa a súa explotación e como ve o futuro do sector lácteo en Galicia.

“As ganderías pequenas manteñen a vida nas aldeas, e iso non o fan as grandes explotacións”

Alberte Rivera Blanco na súa gandería.

O val de Cambás, no concello de Aranga, é unha das zonas con maior actividade gandeira da provincia da Coruña. Unhas 50 ganderías de vacún de leite mantéñense activas nesta parroquia, o que se traduce nunha paisaxe coidada, en postos de traballo e en nenos e nenas nas aldeas.

Alberto Rivera García é un destes gandeiros que manteñen vivo o rural de Cambás. Afirma con convicción que “aquí estas ganderías de tamaño pequeno e mediano son tamén 50 familias que viven aquí e que crean postos de traballo”. “Pola contra, as grandes explotacións de centos e incluso miles de vacas que se nos queren impor non creo que non aportarán nada ao tecido social do rural e tampouco suporían maior calidade de vida”, subliña.

Como tantas outras ganderías familiares de Galicia, Granxa Riveira experimentou un salto de xigante nos últimos 30 anos: de 40 vacas en muxido no ano 1995, pasou a 50 no ano 2000 cando Alberto se incorporou, e a 120 animais no ano 2010 ata acadar as 180 vacas en muxido coas que conta na actualidade, unha cifra na que prevén estabilizarse.

“Como granxa familiar creo que chegamos ao noso tope e agora quizás sexa o momento de mellorar certas cousas de manexo. Por exemplo, vexo que no futuro a man de obra vai ser un problema, polo que quero automatizar máis os procesos cunha amamantadora, un robot arrimador e igual tamén sala de muxido robotizada ou con robot”, asegura.

Un tractor con pala, a única maquinaria da explotación

Neste momento traballan na explotación 4 persoas: Alberto; a súa muller, Ángeles; a súa nai, Carmen, e máis un empregado, Abel. É unha das poucas ganderías galegas -o 5% segundo os datos dos expertos- que están nun grupo de xestión, neste caso no da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, o que lles permitiu mellorar a rendibilidade nos últimos anos.

“Creo que a xestión é o máis importante nunha granxa. Estamos na CAP dende o ano 1990 e iso permitiunos saber onde fallamos e onde podemos gañar máis cartos. Tamén estares nun grupo de xestión permite que te compares con outras granxas e ter claro cales son os investimentos realmente necesarios”, destaca.

Ademais, a súa gandería é socia da cooperativa Cusoviame, da que, entre outros, bota man dos servizos de substitución para dispor de tempo libre, e tamén forma parte dunha CUMA para facer os traballos agrícolas.

“Isto permítenos simplificar e centrarnos no traballo como gandeiros dentro da explotación”, explica Alberto. Un dato moi revelador é que a única maquinaria coa que conta esta gandería é un tractor con pala para o traballo diario.

Produción e manexo do gando

A produción anual en 2017 desta gandería foi duns 2,1 millóns de litros, que lle venden a Central Lechera Asturiana. A media é de 35 litros por vaca, cunha porcentaxe de graxa de 3,9 e 3,4 de proteína.

Estas producións conséguense cunha ración de 25 kilos de silo de herba, 28 kg de silo de millo, 9,5 de concentrado, 1 kg de palla e 10 kg de bagazo de cervexa. “O bagazo mellora bastante o sabor e o recendo da comida e en mesturas secas axuda a mesturar e apórtalle un ulido que non tería”, subliña.

Manexo da base territorial

As forraxes propias son producidas nunha base territorial de 75 hectáreas: 55 ha en propiedade e unhas 20 alugadas. Nelas sementan 50 ha a millo e 75 a herba. “Seméntase case o 80% do que se recolle de millo a herba, cunha mestura de raigrás italiano raigrás inglés, e o resto a pastos permanentes. Non me gusta deixar a terra núa no inverno porque hai zonas pendentes e é preferible ter unha capa vexetal para evitar a erosión”, explica Alberto.

Nesta zona alta e de terras máis frías a sementeira do millo realízase máis tarde, e tamén a colleita, polo que optan por ciclos curtos de entre 250 e 300. Logran unha media de rendementos de 35 a 40 toneladas de materia húmida por hectárea, pero recoñece que “o ano 2017 foi excepcional e cheguei ás 45 toneladas, cun 34% de amidón”.

A boa climatoloxía nesta zona o pasado ano tamén lles permitiu recoller dous cortes de herba, cun 15% de proteína e un 30% de materia seca.

Están a inseminar coa raza Angus pola maior facilidade de parto

En canto á xenética, Alberto asegura que á hora de elixir aos touros para os acoplamentos “buscamos máis que nada caracteres funcionais, de ubres e patas, pero sobre todo que sexan touros equilibrados, sen defectos”.

Concorda en que é preciso seguir avanzando na mellora xenética do rabaño, “pero progresando de forma eficiente”. Así, limita o xenotipado soamente ás becerras que considera que están por riba da media para sacar embrións. “Véxoo como un gasto demasiado alto para facelo a todas e que non é imprescindible”, afirma.

O 70% das xovencas con inseminadas con seme sexado e o 40% das vacas con carne, sobre todo con Angus e Limousin. “Probamos con Angus porque os partos son moi fáciles e son animais con poucos problemas dende que nacen. O prezo á venda pode haber diferencia de 50 euros menos con respecto ao Limousin, pero tes unha porcentaxe moi inferior de problemas de partos”, explica.

Tres xeracións de Granxa Riveira

Futuro: “Gustaríame que os meus fillos seguiran coa gandería, pero tamén os dos veciños”

En canto ao futuro do sector lácteo, Alberto Rivera está convencido de que “en Galicia hai capacidade para producir moito máis leite e con máis granxas”.

“O problema -advirte- é que a Administración leva facendo mal o traballo dende hai moitos anos e van desaparecer moitas ganderías. Vai haber moitas menos granxas, máis intensivas e máis grandes, pero con menos postos de traballo e menos xente nas aldeas”.

No seu caso, di que “gustaríame ver o futuro dos meus fillos aquí, e tamén os do resto dos veciños, porque é un traballo no que organizando o tempo podes chegar a ter un nivel de vida bo, con días libres e vacacións”.

Pero para iso, Alberto considera imprescindible que “os propios gandeiros e gandeiras lle deamos valor ao noso traballo para que o resto da sociedade tamén nos perciba de forma positiva”. “Aportamos moitas cousas positivas á sociedade e grazas a nós mantéñense vivas as aldeas, unha cultura e unha paisaxe únicas”, conclúe.

2 ideas sobre ““As ganderías pequenas manteñen a vida nas aldeas, e iso non o fan as grandes explotacións”

  1. Lidia

    En qué momento unha ganadería con 180 vacas é pequena?
    Pensas de verdade que a túa actividade está axudando á paisaxe?
    Ti mesmo es consciente de que queres unha maior mecanización no proceso. Iso conleva menos man de obra e menos xente traballando. Se a túa actividade precisa de 75 ha. Cantas deixas para os demais habitantes da aldea?
    A paisaxe fórmase co equilibrio nunha producción sostible. A túa producción é intensiva, a cal destrúe a paisaxe.
    Está ben que defendas o teu punto de vista, pero cuns razoamentos verosímiles.

    Contestar
  2. JPA

    Hei de recoñecer que a min o titular tamén me enganou… Se 180 vacas é pequena ou mediana explotación entón que é grande?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información