Gandería Quintián, un exemplo de venda directa do leite

Visitamos a Gandería Quintián, en O Páramo (Lugo), que vende directamente ao consumidor unha parte do seu leite. Están moi satisfeitos coa súa aposta de saltarse intermediarios na que cren que está o futuro das explotacións lácteas galegas. O seu obxectivo é chegar a transformar tamén o leite na explotación

Gandería Quintián, un exemplo de venda directa do leite

Julio e Chelo co leite que venden baixo "Gandería Quintián"

Na parroquia de Friolfe, no concello lugués de O Páramo, atópase Gandería Quintián, unha explotación gandeira familiar que leva máis de 40 anos producindo leite e que, dende o ano 2010, tamén vende directamente o seu leite ao consumidor.

O matrimonio formado por Julio López e Chelo López amosan orgullosos a súa explotación, na que intentan coidar todos os detalles, e tamén a fermosa paisaxe agraria que rodea a explotación, sabedores de que o cliente de “Gandería Quintián” merca tamén un modo de producir, unha calidade e unha paisaxe, algo no que as ganderías galegas teñen un gran potencial.

Cansos de que a industria lles pagase o leite “a desprezo”, empezaron a buscar referentes en España de venda directa do leite, e no ano 2006 realizaron unha viaxe a Elizondo, en Navarra, para ver as primeiras máquinas expendedoras de leite do Estado. “Vimos que as explotacións alí apostan pola diversificación, elaborando queixos, callada, venden directamente o leite e tamén teñen casa de turismo rural, e pareceunos que ese é o futuro”, asegura Julio.

De volta a Galicia decidiron poñer en marcha o seu proxecto, partindo da realidade da súa explotación: 65 vacas en muxido, 40 xovencas e 50 hectáreas de superficie. Obtiveron o rexistro sanitario e, tras un lento e complexo proceso burocrático, o 20 de novembro de 2010 inauguraron a súa primeira máquina expendedora de leite en Sarria.

Venden directamente o 30% por cento do seu leite e o obxectivo é chegar ao 100%

Sen embargo, durante todo o proceso, decatáronse da alta demanda que había no sector da hostalaría e da restauración de leite fresco, envasado na propia explotación e sen conservantes nin aditivos. Deste xeito, a día de hoxe, a maioría das súas vendas son a restaurantes, pastelerías e tendas de barrio, de Lugo capital e de arredores.

“Tamén empezamos a vender en Madrid, onde a nosa botella de 1,5 litros se vende a 2,5 € e cliente demándao cada vez máis, pero o que nos frea a exportar é o custo dos portes, xa que se trata dun produto que ten que estar en frío”, asegura Julio.

Neste momento venden directamente uns 20.000 litros mensuais baixo a súa marca “Gandería Quintián” e o lema “O leite de Sempre”, o que supón o 30% da produción da explotación.

 “O futuro das explotacións lácteas galegas pasa por diversificar e transformar o seu produto”

Venden o seu leite fundamentalmente en botella de 1,5 litros, aínda que tamén teñen un formato de bolsa, adaptado para obradoiros e pastelerías. O reparto do leite do día efectúao nunha furgoneta de luns a venres un empregado que contrataron.

Aínda que como subliña Chelo “o camiño non foi fácil, porque tivemos que ir creando escola nós mesmos e as axudas da Administración vanse para as grandes industrias e non para proxectos pequenos coma o noso”, a día de hoxe amósanse moi satisfeitos coa súa iniciativa.

“Aos nosos clientes ofrecémoslle un prezo fixo a un ano vista, e iso é unha garantía tanto para eles como para nós, que non sufrimos as oscilacións bruscas do mercado”, destaca Julio. Unha relación comercial que lles garante estabilidade de prezos e que impide tamén que o leite sexa utilizado polas tendas como produto reclamo.

“Ademais, vemos valorado o leite que producimos por parte dos nosos clientes, cos que temos unha relación de transparencia, tanto a través das redes sociais como coas visitas que recibimos cada semana”, engade Chelo.

De cara ao futuro, o obxectivo de Gandería Quintián é vender directamente a totalidade da súa produción. “Agora temos previsto servir a novos clientes, co que aumentaremos a venda directa ao 50% do que producimos e, a medida que aumentemos as vendas e se somos capaces de quitar ao mercado un produto elaborado, mesmo barallamos reducir a nosa capacidade de produción para comercializar todo o noso leite sen venderllo á industria”, asegura

Leite natural con máis proteína e Omega 3

QUINTIAN_05_standar

Chelo na envasadora de leite.

En canto ao proceso de transformación, decidiron optar pola pasteurización. “Primeiro barallamos a idea de homoxeneizar o leite, porque senón fai máis tona e queda no vaso, pero decidimos non lle tocar para que vaia de xeito natural, con toda a proteína”, afirma Julio.

Deste xeito, unha vez muxidas as vacas, o leite pasa do tanque de frío á pasteurizadora, unha máquina que o somete a unha temperatura de 73 º C durante uns segundos e a continuación volve ser arrefriado ata baixar dos 4 º C, condición na que pode permanecer ata sete días.

O leite pasteurizado non precisa ser fervido, xa que a pasteurización elimina as bacterias e patóxenos que puidera ter, pero sen alterar as súas propiedades e o seu valor nutritivo.

E todo cumprindo a normativa sanitaria: “Analizamos o leite no LIGAL e temos clase A tanto en bacterioloxía como en células somáticas” , asegura Julio.

En canto á composición físico-química, o leite de Gandería Quintián está por riba da media en proteína, nun 3,3; en graxa por debaixo do 3,7 e ten un alto contido en Omega 3.

Isto é posible grazas a unha alimentación baseada nos forraxes producidos na explotación: unhas 15 hectáreas a millo e o resto pradeiras de raigrás. Tamén plantan un cultivo de inverno: raigrás e veza, ou veza e avea.

“Se algunha tenda utiliza o noso leite como produto reclamo, retirámolo”

“E tamén procuramos non meter nada na ración que lle poda dar mal sabor ou unha mala calidade ao leite e por iso utilizamos semente de liño que lle da máis Omega 3 e un mellor sabor”, explica Julio.

Os clientes valoran estas cualidades do leite de Gandería Quintián. Así, Chelo destaca que “na hostalaría valoran o rendemento e a crema que fai nos cafés; en pastelería agradecen que o noso leite ferve antes e que non teña conservantes nin aditivos”. “Ademais -engade- aínda que o requenten tampouco se lles queima”.

A mellor explotación por xenética de Galicia

Gandería Quintián tamén é un referente a nivel de xenética Frisona. Proba diso é que ven de ser distinguida por FEFRIGA como a mellor explotación de Galicia por GICO de menos de 75 vacas durante o ano 2014.

E é que para Julio, ademais dun factor de competitividade, a xenética tamén é unha afección, situando a súa gandería nos primeiros postos nos últimos anos tanto a nivel galego como español.

A clave estivo en “recorrer aos mellores touros, tanto de Xenética Fontao como do estranxeiro, e en medrar ao longo destes anos sempre con xenética propia da explotación”.

Un coidado da xenética que, segundo Julio, “busca ter vacas con boa saúde, duradeiras, rendibles e que dean leite de boa calidade”. E iso acompáñase dun manexo sen forzar aos animais, cunha produción media diaria de 32 litros, e uns 10.000 litros por lactación, “por debaixo da súa capacidade por xenética”.

“A clave está en como vendemos o que producimos”

Xenética, coidado do manexo e boa alimentación e venda directa son as bases sobre as que se asenta a rendibilidade de Gandería Quintián. E esta última é na que menos se avanzou nas explotacións lácteas galegas.

Julio e Chelo teñen claro que “coa desaparición das cotas, as explotacións familiares ou apostamos por diversificar e pechar o ciclo ou ímolo ter moi complicado, porque nin temos base territorial nin estamos preparados para ir cara macroexplotacións lácteas de miles de cabezas de gando”.

“A clave non está na cantidade que produzamos, senón en como vendemos o que producimos”, conclúe Julio López.

Julio e Chelo, orgullosos do leite das súas vacas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información