Gandería O Cantón SC: As vantaxes de producir leite en extensivo en Ourense

Esta gandería de Viana do Bolo aproveitou a alta dispoñibilidade de terra a baixo prezo para extensificar a producir leite con menos custos, en base a pastoreo e silo de herba. Falamos con Antonio Pérez Castro

Gandería O Cantón SC: As vantaxes de producir leite en extensivo en Ourense

Antonio Pérez Castro co seu gando

Gandería O Cantón SC é unha granxa familiar de vacún de leite do concello de Viana do Bolo, na montaña oriental de Ourense, que aproveita as vantaxes da zona, principalmente a dispoñibilidade de moita base territorial a baixo prezo, para reducir os custos de produción e simplificar o manexo.

“A nosa principal vantaxe é que dispoñemos de moita extensión de terreo e a baixo prezo, e nesta zona en concreto o terreo é moi fértil e apto para a gandería, co que podes facer leite en base a pasto e herba sen problema. O lado negativo é que non dispoñemos de man de obra cualificada e sobre todo de empresas de servizos agrarios, polo que extensificar tamén foi a alternativa máis viable que nos quedou”, recoñece Antonio Pérez Castro, propietario desta gandería, unha das 3 de vacún de leite que aínda quedan en Viana do Bolo.

En total en Gandería O Cantón SC dispoñen dunha base territorial dunhas 100 hectáreas para 96 animais. Na granxa traballan Antonio, a súa muller, Marimar, e un empregado, Eliseo.

Alimentación e coidado das forraxes

A base de alimentación é o pasto e o silo de herba. Dispoñen de 25 hectáreas nun radio duns 500 metros arredor do establo, con parcelas de arredor de 1 hectárea polas que o rabaño vai rotando ao longo do ano.

“Están no pasto mañá e noite dende marzo a xullo e dende finais de setembro volven saír polo día a pacer, incluso ata Nadal, pois estes anos os invernos están vindo moi bos para a pradería. E cando non hai pasto saen igualmente a unha parcela 4 ou 5 horas ao día, a non ser que chova ou neve. Iso si, as miñas vacas non saen ao prado a pasear nin para que rillen, senón para que se alimenten ben e dean leite”, precisa Antonio. Presume de que “neste pobo caen catro pingas e xa sae a herba, é un terreo moi fértil e agradecido para o traballo”.

 Están moi contentos cos microsilos de remolacha como alimento para o gando

Ademais do pasto, as vacas en produción reciben no establo unha ración composta por silo de herba, 6 kilos de penso e outros 6 de polpa de remolacha. Cando non hai pasto estes dous ingredientes soben ata os 10 kilos por vaca e día cada un.

O ano pasado, debido á seca empezaron a empregar na ración microsilos de polpa de remolacha, cuns resultados que considera moi positivos: “Aporta moita enerxía e tamén proteína, permitiunos baixar 2 kilos diarios de penso e o prezo tamén é competitivo, a 6 céntimos o quilo postos aquí dende La Bañeza”.

En canto ás vacas secas, a súa alimentación é unicamente en base a pastoreo e silo de herba, ao igual que as xovencas.

Con esta ración a produción media por vaca en Gandería O Cantón é de 30 litros por vaca e día, cunhas calidades medias de 3,2% de proteína e entre 3,5 e 4,1% de graxa, “unha porcentaxe que varía sobre todo pola calor do verán, cando sole baixar”. O leite véndenllo a Lactalis, que mantén unha ruta de recollida polas ganderías que quedan na Limia e nos concellos de Riós, A Mezquita e Viana do Bolo.

Todo o silo de herba fano en bolos, debido sobre todo á falta de empresas de servizos agrícolas na zona. “Antes facíao en trincheira pero decidín deixar o autocargador e meter bolos porque hai un problema grave de man de obra, e aquí non se atopan empresas de servizos agrícolas, mentres que os bolos si que os podemos facer nós. Ademais, hai moitas menos perdas de forraxes e é moito máis cómodo para o manexo”, explica Antonio.

Calidades da herba e manexo das pradeiras

Polo que respecta ás calidades, a proteína bruta do silo de herba sole situarse nunha media do 12%. “É difícil subila porque temos que facer nós todos os traballos e sempre hai herba que se che acaba pasando”, recoñece.

Antonio chegou a facer ensaios co ensilado de cereal, pero descartouno porque o obrigaba a roturar o terreo cada ano, “e para nós 10 hectáreas preparalas para a sementeira pódenos levar 15 días”.

Por suposto que tamén chegou a cultivar millo forraxeiro, pero entre o xabarín e a falta de maquinaria para a colleita na zona acabou descartándoo para apostar pola herba. “O último ano que o botei sementei 7 hectáreas e o xabarín só me deixou unha, a pesar de que tiña o pastor eléctrico e o vixiaba. Ademais, o ensilado tiñamos que facelo nós e supúñanos moito lío”, explica.

Desta forma, a herba acabouse convertendo na mellor alternativa para este gandeiro: barata e con poucas preocupacións. “Só anovo algunhas pradeiras ao ano, con raigrás italiano e inglés, pero a maioría son pradeiras naturais. Ademais, co pastoreo as vacas duran moito máis, cunha media de algo máis de 4 partos por vaca e algunhas que incluso chegaron a 12”, destaca.

Pero Antonio é un gandeiro inquieto e recoñece que lle gustaría facer un ensaio de cultivo de alfalfa, porque cre que se pode dar ben na zona.

Venda de recría a Portugal: unha vía de ingresos complementaria

Das 96 vacas do rabaño de Gandería O Cantón SC só 41 están en muxido debido a que nos últimos dous anos renovou case o 80% da cabana e os seus efectos aínda se están a notar.

“A mostra é que temos unha porcentaxe de primeirizas do 96%. Pero nunha situación normal, e a iso imos, debería ter entre 60 e 70 vacas en muxido sobre un rabaño de 100 cabezas. De feito, as camas de area que teño no establo son para ese número”, matiza.

 “Non insemino con carne en Frisona porque a vaca reséntese”

Á hora de inseminar, Antonio emprega só seme convencional e nunca insemina con carne, porque considera que “a vaca reséntese”. “Levo dende o ano 1988 facendo inseminacións e en vacas frisoas se se insemina con carne, dáme igual a raza, os partos son máis complicados”, advirte.

Ademais, a venda de xovencas é unha importante fonte de ingresos para esta gandería, especialmente pola demanda de gandeiros de Portugal, que veñen mercar animais a esta zona.

Xenética e acoplamentos

En canto ao tipo de vaca que busca cos acoplamentos Antonio busca principalmente boas patas e boas ubres. “Hoxe en día case todas as vacas son boas en canto a produción de leite, polo que busco máis ben que sexan resistentes e que non teñan mamites”, afirma.

Chegou a ter un touro para as becerras e para as vacas repetidoras pero acabou descartándoo “porque non vía cando as collía e logo había xovencas que chegaban ao parto sen corpo suficiente, por non falar dos problemas que daba o touro, tanto coas vacas dos veciños como para manexalo, a pesar e que o cambiaba cada tres anos”.

Futuro: Paso a ecolóxico

En canto ao futuro da súa gandería, Antonio ten previsto solicitar a conversión a ecolóxico. “Unicamente teríamos que cambiar o penso, porque abono químico e herbicidas practicamente non os empregamos”, asegura.

Non obstante, matiza que a súa intención é seguir apostando pola raza Holstein e seguir coidando a xenética, “porque creo que non é contraditorio estar en ecolóxico e ter unha alta xenética, producindo o máximo posible neste sistema”.

En canto ao futuro da gandería na provincia de Ourense considera que “temos unha das mellores zonas de Galicia para producir leite como A Limia, ou zonas como as da Peroxa ou de Celanova, onde podería haber grandes explotacións gandeiras”.

Sen embargo, advirte de que “hai un desleixo cara o campo por parte de toda a sociedade, a xente non lle quere e non quere traballar aquí”. “En Ourense non hai ese arraigo que hai cara á gandería que si existe en Lugo, A Coruña ou no Deza. E dos poucos que traballamos no sector, a maioría dedícase á carne porque é moito máis cómodo, pero dependen moito das subvencións, polo que o día que teñan que producir a baixo custo sen axudas temo que pechen moitas explotacións”, advirte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información