Gandería Liste SC: exemplo dunha nova xeración formada que toma o relevo no sector lácteo

Javier, veterinario, e Carlos, agrónomo, son dous irmáns do concello coruñés de Trazo que hai seis anos tomaron o relevo na súa gandería familiar. Cóntannos os cambios que foron introducindo e que plans teñen para o futuro

Gandería Liste SC: exemplo dunha nova xeración formada que toma o relevo no sector lácteo

Javier, á esquerda, e Carlos Liste Pose.

Os irmáns Javier e Carlos Liste Pose lideran Gandería Liste SC, unha das explotacións de vacún de leite de referencia na provincia da Coruña. Situada no concello de Trazo, esta gandería familiar conta con máis de 400 animais, dos que 250 son vacas en muxido, e que nos últimos anos acometeu importantes melloras nas instalacións.

Unha mellora continua motivada en gran medida grazas a que o relevo xeracional estivo claro porque os dous querían seguir dedicándose ao negocio familiar. Así, Javier estudou veterinaria en Lugo e agora mesmo compatibiliza o traballo como veterinario e responsable de reprodución co de asesor técnico en Seragro. E Carlos incorporouse plenamente despois de rematar no ano 2012 os seus estudos de enxeñeiro agrónomo. Unha formación especializada que lles está a axudar de forma notable na xestión diaria da granxa.

Ademais dos dous irmáns, en Gandería Liste SC tamén traballan tres empregados (Manuel, Luis e Milka) e o seu pai, Antonio. “O noso pai sempre foi de mellorar e investir continuamente, e arriscou moito máis ca nós para saír adiante tendo moitas menos axudas. A día de hoxe dános liberdade total para tomar decisións e delegou en nós a responsabilidade, algo que non se dá en todas as granxas, e que lle agradecemos moito”, recoñece Javier.

“Temos a sorte de que o noso pai delegou en nós á hora de tomar decisións”

A historia desta gandería foi, como outras moitas, a de pasar nunha xeración dunha economía de subsistencia a unha explotación de centos de animais e altamente tecnificada, con robots que arriman a comida. Así, no ano 1983 contaban con 5 vacas de carne e foi entón cando empezaron a ter tamén algunhas de leite, mercando vacas Holstein en Francia e en Alemaña, a partir das que foron recriando o rabaño. Dende entón o crecemento foi exponencial: unhas 20 vacas en muxido no ano 1991 que se foron multiplicando, o que os levou no 2001 a construír un novo establo con capacidade para 140 animais, que de novo se ampliou no 2011 para 180 cabezas de gando e no 2015 sumou 100 prazas máis.

“A día de hoxe temos un establo para 280 animais pero témolo ocupado con 250 vacas adultas, e é coa cifra que coa que nos vamos quedar polo de agora. Non queremos encher o establo de todo porque baixaríamos o benestar animal e é algo que si se nota nos rendementos e na saúde”, asegura Javier.

Manexo dos cultivos: Menos superficie de millo e máis calidades nas forraxes

A base territorial que traballan en Gandería Liste SC é de algo máis de 110 hectáreas, entre propias e alugadas. O traballo de agricultor lévao principalmente Carlos Liste, que realizou os estudos de enxeñería agrónoma.

Dende a súa incorporación foi introducindo varios cambios no manexo das terras para optimizar os rendementos das forraxes. “Antes o que se facía era botar todo millo en abril e despois todo herba en setembro, pero iso levaba a un gasto moi grande que non se correspondía moitas veces cos rendementos”, explica.

Así, neste anos un dos cambios que introduciu Carlos foi reducir a superficie de millo forraxeiro, sementándoo soamente naquelas parcelas que aseguren un bo rendemento, aínda que o ano veña seco, indo tamén a variedades de ciclos máis longos. “Se antes sementábamos 90 hectáreas, agora botamos 60 e enchemos igual os silos e mesmo melloramos as calidades”, asegura. Como exemplo, a colleita do pasado ano tivo nesta gandería unhas calidades do 34% de materia seca e do 36% de amidón, cortando o millo a 80 centímetros de altura, para aproveitar a parte mais dixestible da planta.

Sementan menos millo e só nas parcelas que garanten bos rendementos

Este ano aínda non comezaron os silos de millo do pasado ano, polo que prevén que nesta campaña sementarán aínda menos superficie, “xa que tampouco se trata de ter o diñeiro inmobilizado nos silos e temos comida de sobra para todo o ano”.

Este cambio permitiulles incrementar a superficie de pradeiras permanentes, que suman 25 hectáreas e que prevén seguir aumentando. Carlos destaca que “temos a sorte de que Galicia é produtora de herba e aínda temos moito que mellorar na xestión das pradeiras para aproveitalas mellor”.

Nas pradeiras temporais sementan unha mestura ao 50% de raigrás híbrido e de raigrás inglés, para ter un rendemento tanto en cantidade como en calidade proteica e evitar que espigue cedo. A dose que empregan é de 50 kilos de semente por hectárea para asegurar unha boa implantación e densidade. Iso si, aproveitan só o primeiro corte para optimizar as calidades, que no pasado ano foron dun 32% de materia seca e dun 18% de proteína.

Para o penso pechan coa empresa Progando o prezo das materias primas a un ano, logrando situar o custo entre 205 e 210 euros a tonelada.

Con este menú de alimentos elaboran varias racións: unha para as vacas en pico de lactación, con 33 kilos de silo de millo, 11 kilos de silo de herba e 12 de penso, e outra para as vacas de baixa produción, con 23 kilos de silo de millo, 11 de herba e 12 de penso. Tamén fan ración específica para as vacas secas, para que cheguen ao parto sen engraxamento. Componse de 9 kilos de silo de millo, 5 kilos de palla, 2,5 kilos de penso e 0,5 kilos de núcleo.

“Recriar as xovencas con pasto abarata custos e mellora a súa saúde”

Con esta alimentación logran en dous muxidos unha media de 39 litros por vaca, cun promedio de 3,65 de graxa e un 3,45 de proteína, un leite que lle venden a Nestlé. Javier Liste recoñece que “ás veces saímos algo penalizados polas calidades pero neste momento cos prezos que percibimos compensa manter a produción alta”.

A ración failla o carro mesturador da CUMA da que forman parte xunto a outras 6 ganderías de Trazo, coas que comparten outra maquinaria de uso pouco frecuente, o que lles permite baixar os custos de produción.

Coa mesma filosofía de baixar gastos, en Gandería Liste SC recrían as xovencas en base a pastoreo. “Temos alugada unha finca de 12 hectáreas, que temos parcelada, e na que temos unhas 45 xovencas en pastoreo dende os 15 meses ata o oitavo mes de preñez, cando as traemos para o establo. A parte do pasto tamén lle damos silo de millo e penso, e cando non hai pasto ou a climatoloxía non o permite engadímoslle á ración silo de herba. Non só baixamos custos senón que tamén vemos que ao estar no pasto as xovencas desarrollan máis, son más robustas e chegan mellor ao parto”, explica Carlos.

GANDERIA_LISTE_SC_VACAS_1

Xenética e cambios nos acoplamentos

E se Carlos se ocupa do campo, o traballo de reprodución e de veterinaria lévao principalmente Javier. Por bioseguridade non compran animais e os touros que buscan para os acoplamentos non solen ser os top dos catálogos: “Buscamos que sexan positivos en calidades do leite, en rasgos de saúde e en patas e ubres”, resume Javier.

Ata agora empregaban seme sexado só nas xovencas, razas de carne nas vacas a partir do terceiro parto e seme convencional no resto. Iso si, traballan nun 90% con touros xenómicos.

Pero un dos cambios que ten previsto introducir Javier na súa gandería é poñer tamén seme sexado en vacas seleccionadas de primeiro e segundo parto. “Desta forma espero mellorar a selección xenética do rabaño, lograr que as mellores vacas duren máis partos e aumentar os ingresos pola venda de becerros de razas cárnicas, que neste momento representan xa arredor do 24% das inseminacións”, explica.

En canto ao criterio que utilizan en Gandería Liste para descartar vacas é sinxelo: “A vaca que sexa problemática véndese e a que estea por debaixo da media de produción do establo non se insemina, a non ser que sexa primeriza, e aprovéitaselle o leite ata que baixe aos 25 litros, e logo véndese”, resume.

Futuro: Seguir mellorando no manexo das pradeiras e novos investimentos

En canto ao futuro, tanto Javier como Carlos están convencidos de que a medio prazo a mellora dos rendementos na gandería virá por seguir mellorando o manexo e a calidade das forraxes, así como ampliar base territorial, pero non tanto por aumentar o número de vacas en muxido.

Prevén contruír unha nave para a recría

Prevén contruír unha nave para a recría

A medio ou curto prazo os seus plans son construír unha nave para a recría. “Debido á falta de espazo, entre os 3 e os 12 meses enviamos as becerras a un centro de recría en León. Pero queremos facela nós aquí porque temos persoal, temos forraxes suficientes e tamén por un tema de bioseguridade”, explica Javier.

Outra obra que van realizar nestes meses é cubrir a fosa de xurro, 1.400 metros cadrados que ao estar cubertos repercutirá na calidade fertilizante do xurro. E para o próximo ano teñen tamén previsto solicitar un plan de mellora para cubrir a esterqueira.

En definitiva, en Gandería Liste SC miran cara o futuro con optimismo confiados nas vantaxes que lles ofrece o seu entorno, na capacidade e implicación do persoal contratado e na súa formación e ilusión por ser cada día mellores gandeiros e agricultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información