A gandería ecolóxica precisa máis formación e apostar pola exportación

Formación, exportación e redución de custos, claves para o futuro da gandería ecolóxica en Galicia. Estas son algunhas das conclusións da III Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que se celebrou este pasado venres e sábado en Friol (Lugo).

A gandería ecolóxica precisa máis formación e apostar pola exportación

Vacún de leite en ecolóxico da gandería Burgo de Negral, en Friol.

A produción de carne, leite ou ovos en ecolóxico ten un gran potencial de crecemento en Galicia, pero precísase máis formación dos agricultores e gandeiros, apostar pola exportación e por reducir os custos de produción, alimentando o gando en base aos pastos, forraxes e cereais producidos na propia explotación ou no seu entorno.

Estas son algunhas das conclusións da III Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que se celebrou o pasado venres e sábado en Friol (Lugo) e que se centrou nesta edición na gandería de produción ecolóxica en Galicia.

O incremento da asistencia de público, con máis de cen persoas inscritas, dá mostra do crecente interese entre os profesionais do agro por un sector que nos últimos anos ven medrando a un ritmo de dous díxitos anuais e con perspectivas de continuar esta tendencia a medio prazo.

“No vacún de carne faltan industrias implicadas para exportar fóra de Galicia”

Neste sentido, Manuel María Cancio, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ofreceu algúns datos que amosan o importante incremento do número de produtores certificados nos dous últimos anos, especialmente da provincia de Lugo.

En concreto en Galicia xa hai máis de 156 ganderías de vacún de carne en ecolóxico; máis de 90 de vacún de leite, 31 de ovino, 12 de caprino, 17 en avicultura de carne, 13 en ovos ou 42 en apicultura. “Moitas delas, sobre todo en vacún de leite e de carne, aínda están en conversión, polo que o incremento do volume de negocio notarase sobre todo a partir do 2018”, matizou Cancio.

En canto ao futuro, o técnico do Craega asegurou que nos debates sobre o novo regulamento da agricultura ecolóxica da Unión Europea “hai coincidencia en incrementar por riba do 60% a porcentaxe de materia seca da ración do gando que é producida na propia explotación”, así como que os cereais dos pensos sexan producidos nun entorno cercano, aínda que de momento só son propostas.

Como principais eivas, Manuel María Cancio destacou que “falta en vacún de carne que haxa industrias implicadas e tamén demanda dos consumidores, para exportar a carne fóra de Galicia”, e que isto repercuta nos gandeiros, que actualmente non perciben un prezo maior dos becerros por estar en ecolóxico.

A existencia de períodos de conversión distintos segundo a Comunidade Autónoma para o vacún de leite (2 anos no caso de Galicia pero ano e medio en Asturias), foi tamén un dos temas que tamén se planteou por parte do público na sesión de preguntas.

“Preocúpame o mal que se manexa o pastoreo en vacún de leite en ecolóxico”

Precisamente, o consultor Yann Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza SL., un referente en España en asesoramento na produción de leite ecolóxico, amosou a súa preocupación polas granxas que se veñen incorporando dende o 2015.

“Estanse metendo en ecolóxico granxas en crise, con moito endebedamento e que pasaron a ecolóxico como unha táboa de salvación polos maiores prezos -no entorno dos 0,48 euros o litro- e polas axudas agroambientais, pero sen embargo non por que pasen a eco lles vai ir ben”, advertiu.

 Pouliquen: “A unha gandería en crise, por pasarse a ecolóxico non lle ten que ir ben”

Igualmente, Yann Pouliquen incidiu na necesidade de maior formación aos gandeiros, especialmente en materia de pastoreo, a base da alimentación do gando. “Preocúpame que a xente meta as vacas no prado coa herba subida, ou ver sobrepastoreo, ou que nos prados haxa moito agrostis ou ver pradeiras moi pouco tupidas”, asegurou.

Neste sentido, recomendou que “os gandeiros en ecolóxico se obsesionen por reducir os custos, con pouco concentrado e aproveitando ben o pasto, porque con iso si que hai futuro”. “Do contrario, -advertiu- unha vez que acaben as axudas agroambientais, entre un 20 e un 30% das ganderías de leite en ecolóxico poderían darse de baixa”.

Leche Celta: “Vexo moita estabilidade nos prezos en ecolóxico nos próximos 5 ou 6 anos”

José Ángel Rivas, de Casa Codesal ; Guillermo Martínez, de Casa Grande Xanceda, e José González, de Leche Celta

José Ángel Rivas, de Casa Codesal ; Guillermo Martínez, de Casa Grande Xanceda, e José González, de Leche Celta

Na reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes tamén se abordaron nunha mesa redonda as perspectivas da produción de leite ecolóxico en Galicia por parte da industria láctea.

Así, Guillermo Martínez, de Casa Grande de Xanceda puxo en valor as fortalezas de Galicia para este sector, “fundamentalmente polo noso potencial para pastoreo e pola previsión de incremento da demanda durante os próximos anos”. “Ademais -subliñou-, debemos seguir apostando por elaborar produtos de máis valor engadido”.

“En Francia o 2,3% do leite que se produce xa é ecolóxico, en España só o 0,18%”

Sen embargo, tamén chamou a atención sobre as ameazas que se albiscan, “como a importación de leite ecolóxico dende outros países da Unión Europea, aos que lles sería fácil vir vender a España a través das súas canles de comercialización”, en referencia a Francia e Alemaña, ou a dispoñibilidade de terras en Galicia e a competencia coas plantacións de eucalipto.

Como dato para convidar ao optimismo no sector lembrou que “mentres en Francia o 2,3% do leite que se produce xa é ecolóxico, en España aínda estamos no 0,18%”. “Se o incremento natural do consumo de leite bio é o mesmo que no resto de Europa dentro de pouco precisaremos moito máis leite ecolóxico”, concluíu Guillermo Martínez.

Pola súa parte, José González, xefe de compras de Leche Celta SL, unha das grandes industrias que xunto a Lactalis está a adquirir leite ecolóxico, salientou que a aposta da súa empresa por este sector “é para quedarnos, non estamos de paso”.

Neste sentido, lembrou que “hai unha forte demanda de leite ecolóxico en España e a nivel internacional e vexo moita estabilidade nos seus prezos nos próximos 5 ou 6 anos”.

Visita a ganderías en ecolóxico

Ademais, a III Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrou tamén unha mesa redonda de ganderías e comercializadores de carne, onde se puxo de manifesto que a comercialización ata o momento é no ámbito local é unha comercialización directa por parte dos propios gandeiros e sen que o selo de ecolóxico supoña un valor engadido para boa parte dos seus consumidores. Algo que si sucede nos clientes de fóra de Galicia, pero a falta de produción suficiente e de industrias implicadas fai que o sector de vacún de carne ecolóxico non acabe de despegar.

Por último, na xornada do sábado a Sociedade Galega de Pastos organizou unha visita a ganderías que xa están certificadas polo Craega. Foron Casa Codesal e Burgo de Negral, en produción de leite; Cabuxa Natur, de caprino; Traloagro, en avicultura e vacún de carne e Granxa Arqueixal, un referente en produción e transformación de leite vacún.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información