Gandería A Cernada, a ilusión por continuar transformando leite ecolóxico

Ana Corredoira mamou desde pequena na explotación familiar situada en Palas de Rei un xeito de traballar tradicional, apegado á terra, sustentable e que crea valor engadido. Hoxe é ela a que está á fronte do proxecto, que foi pioneiro, coa idea de vender directamente o leite que produce

Ana Corredoira cunha das súas vacas pardo alpinas

Ana Corredoira cunha das súas vacas pardo alpinas

A Cernada non é unha explotación calquera. Ao coñecer a Ana Corredoira o primeiro do que un se dá conta é do seu amor polas vacas. Os seus pais, Benigno e Carmen, eran desta aldea na se atopa a granxa, en Palas de Rei pero no límite xa con Friol. Na casa non había vacas (Ana é neta de muiñeiros) e Benigno e Carmen fixeron o establo no ano 1989, o mesmo no que naceu Ana.

“Sempre foi un proxecto familiar, eu e o meu irmán Julio medramos na granxa e coa granxa. Incorporámonos no 2012 pero o relevo xeracional efectivo foi trala morte do noso pai no 2014. Os dous sabiamos que non queriamos que isto esmorecera porque este non era un proxecto dos nosos país, era tamén o noso”, razoa.

“A miña única ambición é poder vivir disto con dignidade e poder contratar a máis xente se poido”

Julio non está agora a tempo completo na explotación porque está facendo o doutoramento, pero bota unha man, igual que Adri Frade, a parella de Ana, que é cociñeiro pero axuda nos momentos libres. “Agora xa está enganchado á gandeiría”, bromea Ana.

Aquel establo que hai 30 anos fixeron os pais de Ana segue a ser hoxe o corazón da explotación. “Fixemos melloras e reformas e ampliamos as instalacións coa sala de ordeño e con almacéns pero a base segue a ser a mesma”, explica.

A zona de Palas e de Friol foi pioneira na certificación de leite ecolóxico en Galicia. Na Cernada foron dos primeiros en encetar este camiño (comezaron o proceso de certificación no ano 2000 e obtivérona no ano 2004). Sempre traballaron ao xeito tradicional pero tratando de dar valor ao leite que producían, o mesmo que Ana continúa a facer hoxe.

“A idea de transformar o leite que produciamos foi o punto de inflexión da granxa e marcou o camiño e o obxectivo que hoxe seguimos nós”

Para lograr ese valor engadido os seus pais decidiron poñer en marcha un pequeno obradoiro de 70 metros cadrados a carón da explotación para producir iogur e leite pasteurizado. Ese proceso paralizouse cando faleceu o seu pai no 2014. “Esa idea de transformar o leite que produciamos foi o punto de inflexión da granxa e marcou o camiño e o obxectivo que hoxe seguimos nós”, explica Ana.

As Vacas da Ulloa

Sala de envasado da cooperativa As Vacas da Ulloa

Sala de envasado da cooperativa As Vacas da Ulloa

Ao proxecto sumouse Marta Álvarez, de Granxa Maruxa, situada no concello veciño de Monterroso e que tamén produce leite ecolóxico. Entre as dúas decidiron retomar o proxecto que truncara a morte do pai de Ana e constituiron a cooperativa As Vacas da Ulloa coa idea de transformar e comercializar o leite producido nas dúas granxas.

Ampliaron as instalacións do pequeno obradoiro dos 70 metros cadrados orixinais aos 300 actuais, aproveitando a maquinaria que xa tiñan os pais de Ana e introducindo nova tecnoloxía. A fábrica está lista, cun coidado estético exquisito e un balcón con grandes ventás desde o que se vé todo o proceso, desde o prado e as vacas á propia transformación do leite. Están agora co deseño da marca e a etiquetaxe. “A idea é estar no mercado este ano”, avanza Ana.

Empezarán pouco a pouco, enfocadas cara o mercado de proximidade, pero coa intención de transformar e comercializar a totalidade do leite producido nas dúas granxas, os 350.000 litros anuais da Cernada e os 175.000 de Granxa Maruxa. Haberá iogures e postres lácteos e pensan tamén en natas e manteigas que lles permitan subministrar a sectores como o da hostalaría ou o da repostaría.

“O proxecto dunha explotación ten que ir máis aló dun prezo puntual que unha industria che poida pagar”

“Sempre vendemos o leite a Puleva pero o proxecto dunha explotación ten que ir máis aló dun prezo puntual que unha industria che poida pagar”, di. “Moita xente dicíanos que cos prezos que hai hoxe estabamos tolas por poñernos a envasar e transformar o leite e parece contraditorio que os que estamos apostando por transformar sexamos os que máis cobramos o leite, os produtores ecolóxicos, cando os máis necesitados nisto son os produtores convencionais”, engade.

Ana foxe de guerras artificiais entre ecolóxico e convencional baseadas no prezo do leite porque di “todo o mundo vé o prezo de hoxe do leite ecolóxico como ouro diante dos ollos e hai moita xente que pensa que nos estamos forrando só por sacar as vacas a pacer pero esas persoas non se lembran de cando cobrabamos o leite ecolóxico a 38 céntimos”, argumenta.

A imaxe bucólica do medio rural

“Máis aló da loucura do proxecto temos os pés na terra porque sabemos o que hai porque nos criamos nisto e mamámolo desde pequenos”, di. Por iso a Ana non lle gusta transmitir unha idea “bucólica” de traballar no rural. “Non se pode extender a imaxe simplemente estética e dun mundo natural porque nos quedamos na punta do iceberg do que é a agricultura e a gandeiría e iso ten consecuencias”, asegura.

Ana nunha se viu traballando noutra cousa que non fora na explotación familiar, da que colleu as rendas con só 25 anos, pero critica o enfoque das campañas institucionais para a incorporación de xente nova ao rural. “Convídase aos mozos e mozas a emprender no rural dando a entender que é doado e que todo son facilidades, pero a realidade é que sería inviable poñer en marcha unha iniciativa coma esta partindo de cero, se non existise xa unha explotación funcionando”, di.

No seu facebook Ana trata de transmitir esa realidade completa. “As granxas estamos abríndonos ao mundo das redes sociais porque se queres que a xente entenda o que fas e por que o fas, tes que contarlle a filosofía coa que traballas”, argumenta.

Unha labor didáctica para concienciar sobre os beneficios de consumir produtos de cercanía e das vantaxes sobre a saúde humana e sobre o medio ambiente da produción ecolóxica. Aínda que de vez en cando tamén aparece unha foto tenra cun becerro ou cunha vaca porque Ana é así e admite que lles dá moito cariño ás súas vacas. “Doulles moito mimo pero tamén o recibo delas. Traballar con animais é unha pasada”, di.

Ana coa táboa periódica que forman os nomes das súas vacas

Ana coa táboa periódica que forman os nomes das súas vacas

Ana ía para médica pero acabou en bióloga. O seu irmán Julio é químico. Dúas persoas de ciencias que por defecto profesional acabaron por aplicar esa bagaxe ás súas vacas. Comezaron a poñerlles ás becerras nomes de elementos químicos e hoxe teñen unha tabla periódica con 30 nomes de vacas que son elementos químicos feminizados. Disproxia foi a primeira, logo viñeron Titania, Litia, Cuprita, Vanadia, Rubidia, Ceolita, Rutila, etc. Tamén están na explotación Mari Curie, Rosalía Franklin ou María Victoria. Unha idea divertida que tamén serve para sobrelevar a rutina da explotación e para fuxir das simples cifras dos crotais. “As nosas vacas non son números, son as nosas socias”, considera.

O problema da man de obra

Na explotación traballan neste momento a tempo completo Ana e dous empregados. Julio e Adri botan unha man e Carmen, a nai de Ana, tivo un accidente na granxa e está xa xubilada. O máis difícil, di, é organizar o traballo na explotación. “A man de obra é unha necesidade hoxe nas granxas e vai ser un problema a curto prazo”, afirma. Son empregos que requiren estabilidade e formación, que é algo que non existe hoxe, considera. “No último ano tiven 4 persoas distintas, que tés que formar e acostumarte a ellas. Cando estás cómoda con ese traballador marcha porque lle sae outra cousa e abandona o sector. As condicións son as mesmas e o salario equiparable pero a xente non quere traballar no rural”, conta.

“A man de obra é unha necesidade xa hoxe nas granxas e vai ser un problema a curto prazo”

“Ese problema de falla de persoal vaise agravar aínda máis e non teño nin idea de como se vai abordar. Podemos botarlle a culpa á falla de relevo xeracional pero aquí hai relevo xeracional e temos igual ese problema”, reflexiona.

“Eu entro antes ca os meus traballadores e saio máis tarde ca eles e moitas veces non poido librar para que eles descansen. Os servizos de substitución están moi saturados tamén”, explica. “Pero nós somos unha xeración que valora a calidade de vida e o tempo libre. Os nosos pais non lle daban tanta importancia a iso. Pero ao final eu non poido marchar daquí 3 ou 4 días, niso as cousas non cambiaron tanto”, compara.

Sen intermediarios

Empregan palla para as camas con carbonato como secante

Empregan palla para as camas con carbonato como secante

“En todo o que fago, se podo, traballo directamente cos produtores”, explica Ana. A palla mércalla a un produtor de León que lla trae directamente á explotación, a alfalfa ven de Villanueva del Campo, en Zamora, igual que o cereal, que merca directamente a unha cooperativa de agricultores de Fuentesaúco e moe logo ela na explotación. “Non é un ataque aos intermediarios, porque ás veces os intermediarios son necesarios, pero cando son prescindibles é moi sá a relación directa”, aclara. Pretende deste xeito “maximizar o rendemento de cada parte e fomentar o mesmo que eu pretendo para min”, engade.

A palla úsana para as camas exclusivamente e puntualmente ás veces tamén para a alimentación das vacas secas e na transición das becerras pequenas. Pero di que “para mercar palla en ecolóxico hai que ir vela ao prado porque senón podes traer no medio moitas adventicias”.

Encaman dúas veces ao día usando carbonato como secante. “O problema das camas orgánicas é a mamite, así que procuramos tela o máis seca posible”, explica.

Como únicos abonos para as terras empregan xurro e esterco. “O esterco alimenta moito a terra, é unha pasada ver a evolución das terras en canto introduces o esterco”, asegura. A maiores, unicamente encalan.

Estabilizar a ración e as calidades do leite

Na Cernada producen a forraxe de herba que empregan na explotación e botan tamén entre 9 e 10 hectáreas de millo con rotación cada 4 ou 5 anos para renovar as pradeiras. “O millo utilizámolo como cultivo intermedio e axuda no control das malas herbas”, argumenta.

A alimentación do rabaño de produción é a base de pastoreo diurno (só no verán dormen tamén fóra) por un tema de man de obra e polas propias condicións das parcelas. “Estamos no fondo do val e arrastra moita auga e no inverno encharca moito”, explica Ana.

Contan con carro mesturador propio co que facer o aporte de ración en granxa cando as vacas volven do pasto. “Hai que rachar a idea de que a vaca ecolóxica ten que estar morta de fame”, afirma. A ración en inverno sen pasto para as vacas de produción é de 15 quilos de silo de millo, 8,5 de silo de herba, 2,6 de alfalfa e 6 de fariña. O resto do ano, cando hai pasto, da ración desaparece a alfalfa e baixa o cereal e a leguminosa.

“Hai que rachar a idea de que a vaca ecolóxica ten que estar morta de fame”

Ana recoñece que “o millo en ecolóxico non ten moitos adeptos pero a nós funciónanos, pero é certo que o que a un lle funciona ao veciño non lle vale”, di. “O que facemos é racionar o silo de millo para que nos dure todo o ano e variar deste xeito o menos posible a ración, porque a alimentación en ecolóxico xa é dabondo variable por culpa do pasto e para nós, pensando en transformar, é fundamental estandarizar o máis posible a ración e as calidades do leite”, explica.

Para iso afirma que “a analítica é clave e eu son unha obsesionada diso, porque é moi importante para estabilizar de cara a transformación, estivemos traballando moito niso no último ano, en estabilizar a ración, porque estamos preparándonos para envasar e para iso hai que ser esixentes co tanque, non en produción, senón en calidades, e en ecolóxico é difícil estabilizar as calidades do leite”, recoñece Ana.

Dúas razas: parda alpina e frisona

recriaDas 7 vacas coas que comezaron os seus pais no ano 1987, na Cernada hai hoxe 106 cabezas, con 56 vacas en muxidura. “Temos dúas razas, parda alpina e frisona. As parda alpina son minoría no rabaño, trouxemos 6 no ano 2013 e hoxe son 20, pero son dominantes”, explica. Non fan cruzamentos. “Estamos centrándonos nas razas puras porque penso que con dúas razas soas os cruzamentos saen ben nas F1 pero logo perden, teriamos que introducir algunha raza máis para poder facelos”, considera.

Teñen un touro para as primeirizas e logo fan inseminación. “Levamos dous anos facendo acoplamentos buscando proteina e dureza de patas”, explica. “Tivemos que controlar a recría porque se nos disparaba, hoxe poñemos o 40% de carne”, engade, pero “a venda de carne é un complemento para a explotación, priorizamos a produción de leite, así que non buscamos xatos grandes, buscamos partos doados”.

Recoñece que até o de agora “non había unha estratexia de recría ben definida na explotación” e tan pendente está Ana das súas vacas que di fachendosa “os celos non se me escapa un”. Leva peor outras cousas: “cústame moito descartar unha vaca, non me gusta nada esa palabra”, asegura. Na Cernada hai vacas de 8 e 9 partos. “Temos animais con traxectoria, como digo eu, e moitas son frisonas, que pola miña experiencia poido dicir que se adaptan ben ao pastoreo e ao ecolóxico, non teñen ningún problema”, considera.

Ataques do lobo

O lugar onde se atopa a explotación é unha zona con presenza do lobo. “Lobo na zona de Friol hai moito e témolo visto. E os peches que temos son básicos”, recoñece. Contan cunha mastina “pero está arredor da granxa sempre porque lle demos tantos aloumiños de pequena que queda con nós e non queda coas vacas”, confesa.

Súplena con outro tipo de animais. “Temos dous burros que nos axudan como guardiáns das vacas secas e as xovencas”, explica Ana. Estes dous lotes pastorean as parcelas máis alonxadas da granxa, a uns 4 quilómetros de distancia. “Cando hai algo raro os burros xuntan as vacas e están alerta”, conta.

Até o momento foron safando. “Afortunadamente só tivemos 1 ataque de lobo fai 2 anos e atacou a un animal que estaba enfermo, que tiña pneumonía”, di.

Ana está onde quere estar, traballando no rural nun proxecto que a ilusiona. Pero a mentalidade segue a ser maioritariamente outra. “Cando acabei de estudar e volvín para aquí a xente interpretaba que viña muxir vacas porque non atopara traballo”, lembra. Pero é todo o contrario. “eu necesito isto, é algo que elixín”, di.

A decoración da nave da recría resume a filosofía do proxecto das Cernadas

A decoración da nave da recría resume a filosofía da Cernada, vacas felices e un proxecto sustentable

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información