Gandeiros do Deza denuncian ataques “case a diario” dos lobos e piden á Xunta que interveña

Gandeiros do Deza denuncian ataques “case a diario” dos lobos e piden á Xunta que interveña

Xovenca devorada polos lobos onte en Rodeiro

Gandeiros da comarca do Deza denuncian os crecentes ataques de manadas de lobos ao gando vacún, mesmo á plena luz do día. O último foi a pasada tarde, na aldea de Barregallos, no concello de Rodeiro, cando unha manda destes cánidos matou a unha xovenca que pacía nun prado. Trátase do segundo ataque en 15 días á mesma explotación, unha gandería de 70 vacas de leite, propiedade de Carlos Daparte. Dase o caso de que esta gandería tampouco pode sementar millo forraxeiro debido aos ataques do xabarín.

Nesta comarca, ao igual que noutras de Galicia con vocación gandeira, é frecuente facer pastoreo coas vacas secas e coas xovencas durante o día, unha práctica que cada día se está volvendo máis difícil pola presión dos lobos. “O prado no que estaban as xovencas ten muro e un pastor eléctrico, pero os lobos entraron igual”, asegura Carlos Daparte.

O secretario de gandería de UPA, Román Santalla, visitou esta mañá á gandería afectada para amosarlle o seu apoio. Santalla asegurou que “os gandeiros das comarcas do Deza, Tabeirós e Terras de Montes estamos moi preocupados porque últimamente está habendo ataques dos lobos ao gando case a diario, mesmo a plena luz do ía, e iso que calculamos que só se notifican ante a Xunta de Galicia arredor do 25% dos ataques”.

“Está habendo ataques dos lobos a plena luz do día”

Santalla considera que esta situación “ata certo punto era previsible porque hai un aumento clarísimo das mandas de lobos na comarca e estes non teñen que comer, xa que o gando que morre non se pode levar ao monte e o xabarín é unha presa difícil para o lobo nunha zona boscosa e con moito mato coma esta”.

Demándanlle á Xunta que actualice as indemnizacións, contemple o lucro cesante e controle a sobrepoboación de lobos

Ante esta situación, o responsable de gandería de UPA pediulle á Xunta de Galicia, e en concreto á Consellería de Medioambiente, “que pague os danos provocados polos lobos en tempo e forma, sen racanerías nas valoracións, e nun prazo razoable, porque os gandeiros non poden agardar ata dous anos para cobrar a indemnización”.

Ademais, Santalla reclámalle á Administración autonómica que actualice as axudas para que as peritacións se adapten ao valor real do gando -para unha xovenca de menos de 2 anos a indemnizacións establecida é de 871 euros, cando o seu prezo no mercado sole superar os 1.400 euros- e se contemple tamén o pago do lucro cesante. “Non é só a xovenca ou o becerro que se perde polo ataque dos lobos, senón que despois os animais non comen, e é frecuente que haxa abortos nas vacas preñadas do resto do rabaño, así como reabsorcións embrionarias nas que están recén preñadas”, advirte Santalla.

Por último, o responsable de gandería de UPA reclámalle á Xunta que “cos estudos científicos pertinentes, realice medidas de control da poboación de lobos, xa que nestas comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes hai unha clarísima sobrepoboación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información