Gandeiros do Deza comezan a ensilar o millo para salvalo da seca e dos xabaríns

Gandeiros do Deza comezan a ensilar o millo para salvalo da seca e dos xabaríns

Ensilando o millo este martes no Deza

Gandeiros do Deza e de Tabeirós comezaron este martes a ensilar o millo, con máis de quince días de antelación sobre a data prevista e sen que aínda estea cumplido, para salvar o que queda de colleita da forte seca e dos crecentes ataques dos xabaríns.

Ante esta situación, Unións Agrarias volve denunciar a “praga de xabaríns que está a estragar os cultivos na comarca, primeiro o millo de cedo que se sementa para espiga e agora o millo forraxeiro”. UUAA considera que “hai centos de porcas paridas, e neste caso os desastres son moito maiores pois estragan a eito leiras enteiras de millo”, unha situación da que responsabiliza á Consellería de Medioambiente por non ter autorizado máis batidas con anterioridade.

Unións pide á Xunta axudas para a alimentación do gando

Deste xeito, a organización agraria estima que entre o 7 e o 10% da colleita de millo na comarca perdeuse polos danos dos xabaríns, ao que lle habería que engadir a forte mingua provocada pola seca: un 50% menos que o ano pasado nas fincas con terras máis lixeiras e entre un 30 e un 40% nas de terras con maior profundidade.

Ante esta situación, e dado que o millo é a principal forraxe que producen os gandeiros para a alimentación das súas vacas, UUAA pide á Consellería do Medio Rural un plan de axudas para a alimentación do gando. “Neste momento a gran maioría dos gandeiros están abastecéndose con alimento procedente de Castela, con sobrecostes moi importantes, ao tempo que cobran polo leite os prezos máis baixos que se recordan”, advirten dende a organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información