Gandeiros defenden a necesidade de ofertar condicións atractivas para o persoal asalariado

Ofertar condicións salariais e de horarios máis atractivas e mellorar a capacitación dos gandeiros para exercer como xefes da súa empresa. Estas foron algunhas das conclusións da xornada formativa organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza

Gandeiros defenden a necesidade de ofertar condicións atractivas para o persoal asalariado

Xornada sobre xestión de persoal nas ganderías de vacún de leite.

Ofertar condicións salariais e de horarios máis atractivas e mellorar a capacitación dos gandeiros para exercer como xefes da súa empresa. Estas foron algunhas das conclusións da xornada formativa organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza a pasada semana en Lugo.

A xornada, na que participaron 25 gandeiras e gandeiras, centrouse no traballo asalariado nas granxas de vacún de leite. “Na Galiza cada vez son máis as granxas familiares que teñen necesidade de atopar man de obra asalariada, ben porque teñen demasiado traballo ao aumentar o rabaño e/ou porque as persoas maiores da familia xa van abandonando a actividade, e tamén porque os gandeiros/as queren traballar menos e ter máis tempo libre”, explica Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza.

Cada vez son máis as ganderías que ofrecen postos de traballo asalariados

Neste sentido, gran parte das ganderías galegas xa contan cunha persoa contratada ou están pensando en contratar unha. Sen embargo, a oferta do mercado laboral é moi limitada, debido tanto ao estigmatizado que está este traballo socialmente, unha imaxe negativa que en moitos casos non se corresponde coa realidade, como á falta de implicación das Administracións á hora de poñer en valor e ofrecer formación para este sector que ten unha crecente demanda traballadores.

A este respecto, nesta xornada formativa os gandeiros debateron sobre a relación entre obreiro e empregador, os salarios e as condicións de traballo que se ofrecen, as vías para atopar traballadores ou as estratexias para motivar ao persoal asalariado.

“É preciso cambiar a mentalidade e pasar de ser gandeiro/a con criados/as a ser xefe dun asalariado/a”

Como conclusións xerais, Xan Pouliquen destaca que “por unha parte, o traballo de obreiro en granxa esta moi estigmatizado, o que fai que non sexa tan doado atopar xente que queira facelo. Por iso, debemos ofertar condicións máis atractivas”. “En todo caso -engade-, tamén faría falta unhas campañas de formación e de cambio de imaxe sobre este traballo”.

Unha segunda conclusión foi que “moitos gandeiros/as tenden a procurar outra persoa coma eles, aínda que sexa de forma inconsciente. Deste xeito, nunca estarán contentos cos traballadores que contraten. É preciso, por tanto, adoptar unha nova visión, e pasar de ser gandeiro/a con criados/as a ser xefe dun asalariado/a”.

Neste sentido, Xan Pouliquen recoñece que “ser xefe non é doado, polo que unha das conclusións é que hai que aprender ese novo oficio da granxa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información