Gandeiría Rego SC, aposta clara pola xenómica e as calidades do leite

Esta explotación de Láncara ten xenotipados todos os seus animais e usa esa información para a toma de decisións e a mellora da cabana, establecendo o punto de corte para a recría en 3.200 puntos ICO

Fernando, na nave de produción da gandeiría

Fernando, na nave de produción da gandeiría, ubicada na parroquia de Armeá de Arriba

Os irmáns Fernando e Pedro Rego manteñen unha gandeiría familiar en Armeá de Arriba, no concello de Láncara, que leva anos traballando na mellora xenética. Fernando compatibiliza o traballo na explotación co que realiza en Africor levando o Programa de Acoplamentos. Aproveitamos para falar con el sobre os avances en xenómica.

“A primeira proba á recría que tiñamos na nosa explotación fíxemola no ano 2016 e hoxe temos todos os animais do establo xenotipados”, explica. “Para poder tomar algunha decisión tes que xenotipar todo e logo escoller, non ten sentido xenotipar unhas vacas si e outras non, porque non se debería traballar con valores, senón con porcentaxes, por exemplo, escollendo o 80% dos mellores animais e en base a iso establecer o punto de corte. O nivel aquí poñémolo en 3.200 puntos, pero noutra granxa pode estar en 2.800 en función do nivel medio da explotación”, argumenta Fernando.

Está entre as mellores explotacións da provincia de Lugo tendo en conta a análise combinada de produción, morfoloxía e xenética

Gandeiría Rego xenotipa todas as becerras que nacen para decidir con que tipo de seme son inseminadas. “O punto de corte para nós son 3.200 puntos ICO. A partir de aí poñemos sexado e por debaixo de 3.000 poñemos cruce aínda que sexan xovencas. No caso das vacas adultas, só poñemos frisón se son moi boas”, conta.

Nesta explotación levan moitos anos apostando pola mellora xenética e contan cun rabaño cunha calificación media de 83 e 2.500 puntos ICO de promedio. Estes valores servíronlle a Gandeiría Rego para entrar varios anos no podio das granxas leiteiras da provincia de Lugo na proba combinada de Africor. “Levamos moitos anos traballando na xenética. En 1989 tivemos un baleiro sanitario e trouxéranse vacas de Francia e a partir desa base fomos seleccionando e mellorando”, explica Fernando.

As calidades, o prioritario

No ano 1989 tiveron un baleiro sanitario e importaron vacas de Francia

No ano 1989 tiveron un baleiro sanitario e importaron vacas de Francia

Pero malia ao alto nivel xenético desta explotación, tanto para Fernando como para Pedro é un feito que consideran como unha ferramenta ao servizo da produción e dos obxectivos cara aos que enfocan a granxa. “Levamos varios anos en Entrepinares e priorizamos a obtención de calidades. Temos vacas MB que inseminamos de cruce. Fixámonos pouco na calificación, miramos sobre todo calidades, o noso obxectivo é a rendibilidade e a prioridade actual para nós son a graxa e a proteína”, afirman.

A media da lactación normalizada do último ano foi de 12.500 litros con altos niveis de graxa e proteína

Móvense en porcentaxes do 3,50 de proteína e entre o 3,85 e o 4% de graxa con 12.500 litros de media de produción na última lactación normalizada. Contan cun robot de muxido VMS de Delaval no que logran medias de 42 litros por vaca e día facendo arredor de 2,6 ou 2,7 muxiduras por animal, aínda que é algo que tampouco os obsesiona. “O noso obxectivo non é incrementar a media de muxidos, porque se con 2,5 logras 42 litros, para que queremos muxir máis ás vacas? Hai que muxir 3 veces ás vacas que dan moito leite, as outras non é necesario”, argumenta Fernando.

Das vacas trabadas ao robot de muxido

No 2012 dixeron unha nave de produción nova e agora ampliaron para a recría

No 2012 fixeron unha nave de produción nova e agora ampliaron para a recría

Gandeiría Rego SC é unha explotación leiteira familiar de moitos anos que ten garantida a súa continuidade grazas á incorporación dos dous irmáns, Fernando e Pedro. Até o 2006 os titulares eran os seus pais, Antonio e Olga, que comezaron a producir leite en 1975 nunha corte coas vacas atadas e muxíndoas mediante cántara. No 1989 incorporaron un circuito de muxido e no 2003 pasaron ao sistema canadense.

As vacas en produción están en camas de area

As vacas en produción están en camas de area e a nave conta con pasillos amplos

Pedro incorporouse á explotación no 2006 e no 2011 sumouse Fernando e constituíron a actual SC. Un ano despois construían a nave de produción actual, de estrutura metálica tipo invernadoiro, pensada para estabulación libre (con pasillos amplos de 5,70 e 4,50 metros e camas de area) e robot de muxido. “Pasamos directamente de establo trabado a robot”, lembra Pedro, que traballa a tempo completo na gandeiría, que atende coa axuda de Fernando e dun empregado que teñen contratado.

Na actualidade esta explotación ten 64 vacas en produción e 152 cabezas totais, sumando 10 vacas secas (4 están engordándoas para vendelas) e 71 animais entre becerras e xovencas. A grande cantidade de recría obrigounos a ampliar as súas instalacións cunha nave nova de 60 metros de longo por 15 de ancho a carón da nave de produción para acoller á recría.

A venda de recría, unha fonte de ingresos

Engordan as vacas de desvelle para obter mellor prezo por elas

Tamén engordan as vacas de desvelle para obter mellor prezo por elas

Desde o ano 2017 fan a recría na explotación. Antes cebaban os becerros machos na casa e mandaban as femias ao centro de recría Anoca, en Castro de Rei, propiedade da súa irmá Carmen. “Fai tres anos deixamos de cebar os xatos e aproveitamos as instalacións para a recría, pero agora xa non nos collían”, xustifican.

“As vacas dúrannos bastante, cada vez máis, temos vacas de 7 partos dando moito leite e moitas veces facemos descartes por falta de sitio”, indica Fernando. “As últimas 15 vacas que saíron ao matadoiro acumulaban 3,7 partos de promedio cun intervalo entre partos de 414 días e unha produción vitalicia media de 51.200 litros. Para min ese é un dato moi importante”, engade.

Cobren o reemprazo necesario para a explotación poñendo sexado ás mellores xovencas e usan seme de carne no resto dos animais

“Ao ter unha taxa de reposición baixa outra parte dos nosos ingresos veñen pola venda de animais para vida”, di. En 2019 venderon 33 xatas a outras explotacións. Pero o da venda de recría é un mercado que fluctúa (ten relación tamén co prezo do leite que hai en cada momento) e non sempre hai a mesma facilidade para dar saída ao exceso de recría.

“Este ano pasado houbo venda de xovencas, pero igual outro ano non hai e co robot estás moi limitado para asumilas ti”, argumenta Fernando. Por iso agora mesmo están poñendo entre o 60 e o 70% das doses de seme de carne.

Desinfección dos boxes das becerras

Pedro é quen coida das becerras

Pedro é quen coida das becerras

O traballo coas becerras é cousa de Pedro. “Damos leite tres veces ao día o primeiro mes ou mes e medio, tanto leite de vaca como leite maternizado mercado, e o que facemos é desinfectar os boxes cada vez que se desteta un animal. Evitas moitos problemas e ese tempo gáñalo despois cando vas dar o leite”, asegura.

Desde o destete, que fan entre os dous meses e medio e os tres meses, até o lote de inseminación a crianza é en grupo con cama de viruta de madeira. A alimentación é a base de mestura seca feita pola cooperativa Aira. “Inseminamos a partir dos 15 meses, non antes, entre outras cousas motivado tamén polo exceso de recría que temos”, explica Fernando.

A partir do momento no que están preñadas, as xovencas comparten ración coas vacas secas. “Facemos unha ración con herba seca, pienso e morea ou nalgúns casos con rolos de silo de herba seco”, conta.

Ás becerras danlles tres tomas de leite ao día e as vacas de desvelle engórdanas durante 5 ou 6 meses antes de mandalas ao matadoiro

Dispoñen de carro propio, co que fan tamén a ración para as vacas de produción, que varía entre os 32 e 35 quilos de silo de millo, entre 8 e 11 quilos de silo de herba, 6 quilos de penso (máis os 5 quilos de media de punteo do robot) e medio quilo de herba seca só nalgúns momentos do ano.

Ás vacas de desvelle danlles silo de millo e penso para engordalas antes de vendelas. “Non o facemos con todas, se é unha vaca que está tocada das patas mandámola directamente ao matadoiro, pero se está ben engordámola. Fanlles falta entre 5 e 6 meses normalmente, pero todas as que cebamos acaban entre os 400 e os 500 quilos/canal”, explican.

Toma de datos individualizada de cada finca

Gandeiría Rego manexa unha superficie de 25 hectáreas e merca a maiores outras 15 hectáreas de millo. “Levamos xa moitos anos mercando aos mesmos, son dúas gandeirías daquí ao lado”, contan. Nas súas 25 hectáreas botaron este ano 5 a millo e 7 a sorgo.

Botaron 7 hectáreas de sorgo nas fincas máis castigadas polo xabarín cunha produción en quilos máis alta que a que obtiñan co millo

“O sorgo foi para botar en fincas onde nos atacaba moito o xabarín, moitas delas a carón do río”, indica Fernando. “É o segundo ano que o botamos e a produción en quilos é un pouco máis alta que a de millo en comparación ás producións anteriores de millo nesas mesmas fincas, pero son só 2 anos de análise, habería que coller un periodo máis amplo, 10 anos polo menos, para ter datos máis fiables”, aclara. Fernando leva un control individualizado das producións de cada finca, tanto nas que botan millo como nas de herba e agora nas de sorgo e grazas a iso pode sacar conclusións.

Boa parte do traballo agrícola fano eles mesmos. “O único polo que pagamos é por picar o millo e por facer os rolos de herba. Antes encargabamos todo pero agora mercamos maquinaria e facémolo nós. Non sei se compensa ou non, seguramente se fas números estrictamente económicos en tan poucas hectáreas non compensa, pero o problema é que tes que depender doutros e esperar por todo”, argumentan.

Prefiren ensilar a herba en rolos porque gastan pouca na ración e a conservación do silo é mellor que na pila

O ensilado de herba prefiren facelo en rolos. “A conservación é moito mellor porque abres silo novo todos os días. Comezamos facendo rolos para o verán, porque como gastamos pouca herba na ración o da pila púñasenos malo, pero agora facémolo todo en rolos. Menos enrolar, o resto dos traballos facémolos todos nós (segamos, xuntamos, encintamos), polo que tampouco nos sae excesivamente caro”, xustifican. No 2018 fixeron un total de 662 rolos de silo de herba e no 2019 620.

“Moitas veces hai problemas de fertilidade nas granxas que non están relacionados coa consanguinidade”

Gandeiría Rego usa touros xenómicos de Xenética Fontao na maioría dos casos

Gandeiría Rego usa touros xenómicos de Xenética Fontao na maioría dos casos

Fernando leva traballando desde o ano 2006 como técnico do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo, no que hai incorporadas un total de 430 explotacións. “É algo que lles aporta comodidade ás gandeirías, porque saben que o están facendo ben e que están evitando a consanguinidade permitíndolles ademais tomar decisións individualizadas para cada granxa en función do que queira o gandeiro, aínda que case todo o mundo quere máis ou menos o mesmo porque case todas as explotacións buscan leite, calidades e ubres e patas”, detalla Fernando.

Un total de 430 explotacións fan uso neste momento do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo

“A consanguinidade é difícil de medir pero en Africor curámonos en saúde traballando cun dato moi baixo, 1,56% no noso programa informático traballando con 6 xeracións, que pode equivaler a un 4% de Conafe”, explica. “Pero hai moitas veces problemas de fertilidade nas explotacións que non están relacionados con iso”, engade.

Poñen cruce en máis do 60% das inseminacións

Sóbralles recría e poñen cruce en máis do 60% das inseminacións

Fernando insemina todas as súas vacas da Gandeiría Rego con touros xenómicos. “Só uso touros xenómicos e a maior parte, diría que un 90%, son de Xenética Fontao. De fóra collo só algunha dose de seme sexado de vez en cando”, conta. Arion, Sanxurxo, Salvame ou Donsimon son algúns dos xenómicos actuais que está empregando esta explotación de Láncara neste momento con bos resultados.

Tamén implantan algún embrión do programa de Xenética Fontao. “Temos unha becerra que é a número 21 de España con 4.684 de ICO. Foi unha vaca feita na casa decendente de embrións de Fontao. A avoa, MACA, saíu dun embrión e leva en 3 partos 47.000 litros producidos”, detalla Fernando.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información