Gandeiría da Morena SC, recuperando a morfoloxía tradicional da rubia galega

Ángel Santos está á fronte dunha explotación de carne no concello de Friol, con 70 cabezas que cría cun sistema semiextensivo, condicionado pola falta de concentración parcelaria e no que busca un tipo de animal "coma os de antes"

Ángel Santos, xunto ás súas vacas nun prado preto da casa

Ángel Santos, xunto ás súas vacas nun prado preto da casa, no lugar de Bidueiro

“Na rubia galega perdeuse moita altura e moito ubre nos últimos anos. Quérense xatos culóns pero canto máis cu menos ubre e menos leite. Eu trato de recuperar nos meus animais esa morfoloxía das vacas rubias de antes”, di Ángel Santos. Os animais da súa explotación, Gandeiría da Morena, de Friol, son dos que todos os anos pasean polas rúas da cidade de Lugo durante o San Froilán no desfile de gando organizado por Expolugo.

“Tamén se está perdendo a xenética da rubia galega”, asegura. “Na nosa casa sempre houbo vacas de carne e eu aínda teño algunha desas vacas de antes, máis corpulentas, coa cornamenta cara arriba e que dá leite máis que dabondo para que mamen dous xatos”, conta.

Esa xenética xa a herdou dos seus avós e da súa nai María Obdulia, agora xa xubilada logo dun accidente cun dos animais da casa que a piques estivo de custarlle a vida. No 2013 incorporouse Ángel, que é quen atende hoxe a explotación.

Unha das vacas da explotación

Unha das vacas da explotación

“Sempre houbo rubias na casa, nunca houbo outra raza”, di. No 2002 construíron unha cuadra nova que segue sendo a que usa hoxe pero as súas vacas saen todos os días a pacer e só volven durmir ao establo para que mamen os xatos, que quedan sempre na casa. “As fincas nesta zona son pequenas e están desperdigadas e teño que andar todos os días pola estrada coas vacas, non podo andar movendo tamén os xatos. Se tiveramos parcelaria sería outra cousa, pero non a hai”, quéixase.

“Estase perdendo a xenética da rubia galega, que eran vacas máis altas, coa cornamenta cara arriba e con máis produción de leite. Hoxe quérense xatos culóns pero canto máis cu menos ubre”

En Nodar, onde se atopa esta explotación, igual que noutras moitas parroquias de Friol, non hai concentración parcelaria, uns procesos longos e custosos que en moitas ocasións non son operativos porque se eternizan no tempo. Por iso, para facilitar a mobilidade de terras, o Concello de Friol ten aprobada unha liña de axudas coa que subvenciona os gastos notariais dos cambios de fincas e parcelas rústicas entre veciños, unhas permutas que tampouco pagan impostos autonómicos.

Sistema semiextensivo

As vacas veñen durmir todos os días ao establo para que mamen os xatos

O establo foi construído no ano 2002

As condicións da superficie agraria da que dispón condiciona o manexo da explotación e a maioría das decisións que toma no día a día Ángel.  “Se tivera parcelaria tería as vacas sempre fóra e os xatos con elas e daríame moito menos traballo. Así boto horas andando polas pistas coas vacas”, lamenta. “Non muxo, pero é como se muxira, porque teño que metelas todos os días e botarlles os becerros a mamar pola mañá e pola noite”, explica.

“Ás 5 da tarde vounas buscar, ás 6 están no establo. Dou de mamar aos becerros e logo de comer ás vacas, que xa quedan a durmir na cuadra. Pola mañá dou de mamar outra vez e ás 10 bótoas para fóra, só quedan na corte se hai moita invernía ou neva. Despois lavo o establo, límpoo todos os días”, conta.

As vacas veñen todos os días durmir á casa para que mamen os xatos, que non son destetados e maman até que saen da explotación con entre 8 e 10 meses de idade

Os xatos non saen nunca fóra e iso que recoñece que “para as neumonías conviña que polo menos os dous primeiros meses estiveran fóra coas nais”. “É unha cuadra bastante pechada e aínda que lle puxen chimenea no teito á nave e mellorou moito, algunha baixa sempre teño de diarrea ou neumonía”, admite. “Agora desde fai dous anos o que fago tamén é vacinar ás nais e funciona ben. Vacínoas aos seis meses de preñadas para que encalostren ben”, explica.

Ángel non desteta os xatos, que manan até que os vende

Os xatos maman até que son vendidos

Os becerros cando nacen están durante os primeiros 15 días de vida na parideira coa nai, á que logo lle bota o xato a mamar dúas veces ao día, cando as vacas regresan do pasto pola tarde e á mañá antes de voltar para a pradeira. “Eu non desteto, os xatos maman até que os mando, entre os 8 e os 10 meses, sexa na nai ou noutra vaca. Aguántoos moitas veces para que me mamen noutra vaca porque teño reprodutoras con moita produción de leite”, conta.

Arrima ás recén paridas outro xato máis grande doutra vaca para aproveitar deste xeito o exceso de produción de leite que o becerro pequeno non é capaz de mamar nas primeiras semanas

“O problema da rubia é que dá moito leite cando pare e o xato non llo dá mamado todo e logo acurta ao leite cando o becerro medra e mamaría máis do que produce a nai”, razoa. Da maneira que fai Ángel, arrimando outro xato máis grande doutra vaca ás recén paridas, consegue aproveitar o exceso de leite que o seu propio becerro non mama nas primeiras semanas de lactación e regular mellor a produción de leite no ubre.

Ceba as vacas de desvelle

vaca2Gandeiría da Morena ten unhas 70 cabezas marcadas por Acruga e toda a súa produción véndea como Ternera Gallega Suprema. Ademais dos entre 40 e 50 xatos que manda todos os anos a sacrificar ao matadeiro, vende entre 15 e 20 animais para vida todos os anos. “As femias vendo moitas para vida e os machos igual”, di, o que supón unha importante fonte de ingresos para a explotación.

Tamén ceba as vacas de desvelle, aínda que é un proceso que leva moito tempo. “Algunha teño que tela máis dun ano engordando. Engraxa antes unha vaca pinta que para de dar leite ca unha rubia. Lévalles máis tempo ás rubias e canto máis culonas son, máis tempo tardan en coller graxa veteada”, explica.

Non programa os partos

Desde a súa incorporación no 2013 Ángel aumentou ao número de animais nunhas 10 reprodutoras, pero asegura que “isto non está para correr, porque o prezo da carne está baixo e o gasóleo e o penso están caros e non paran de subir”, quéixase.

“Se non existisen as axudas da PAC máis da metade das explotacións de carne teriamos que pechar, eu o primeiro”

“Non pode ser que valera máis un xato fai 20 anos ca hoxe”, argumenta. “É certo que non tiña que existir a PAC, o que tiña é que valer o produto o seu, pero se non houbera as axudas da PAC moitos teriamos que vender todo e pechar. Polo menos máis da metade das explotacións de carne teriamos que pechar, eu o primeiro”, engade.

“Vendo desde hai 24 anos ao mesmo tratante, Ganados Milucho. Vendo por quilo, pero non teño estipulado un prezo fixo para todo o ano, o que me paga fluctúa en función de como estea o mercado”. explica. “Eu non programo os partos, aínda que de vender nunha época ou noutra hai moita diferenza, pero os cartos fan falta todos os meses”, xustifica.

Concentrar as fincas, clave para aumentar a rendibilidade desta gandeiría

vacas rubia galega

A dispersión das fincas obrígao a mover as vacas todos os días pola estrada

A base da alimentación nesta explotación, ademais do pasto, é a forraxe de silo de herba, a herba seca e o concentrado. “Non boto millo, tráigoo en fariña e dóullelo así ás vacas. Os becerros teñen o penso e a herba seca sempre de sobra e a fariña de millo é sobre todo para as vacas”, explica.

“Era bo probar a botar millo, para as vacas é bo e para os xatos nos últimos dous meses tamén. Comprado sae moi caro, 40 quilos cústanme 15 euros”, conta. Pero para que lle fose rendible sementar millo precisaría concentrar as fincas, di novamente. “Só 35 hectáreas concentradas producíanme máis que agora as 50 que teño e para o manexo sería moito máis doado”, asegura.

A explotación de Ángel está no lugar de Bidueiro, onde hai explotacións tanto de leite como de carne. Dispón dunha superficie de 50 hectáreas de terreo, 10 delas alugadas e a finca máis lonxe que ten está a 5 quilómetros. Fai dúas cortas de herba para silo nalgunhas das parcelas e outras déixaas para herba seca. “Ás vacas doulles silo todo o ano e fago uns 300 rolos de herba seca para os xatos”, explica.

Nas pradeiras bota raigrass e tamén semente propia. “A semente que colleito eu dura máis que a outra”, di. Seméntaa por enriba das pradeiras antes de botar o purín. “Sería convinte renovar as fincas cada 5 anos, e se botara millo xa te obrigaba a iso”, argumenta.

Toura e Linda, as ‘misses’ da casa

Angel Santos2“Ao metelas todos os días, son moi mansas”, di Ángel mentres se achega a Toura. É unha das vacas emblema da Gandeiría da Morena. Mercouna no 2015 e custoulle 6.000 euros. “Igual que o prezo dos xatos está baixo, o das vacas de vida está polas nubes”, di.

Toura foi Miss Galicia xa no 2016 e no 2017 sucedeuna Linda, outra das vacas desta explotación. Xuntas tiran do carro do país todos os anos polas rúas de Lugo e neste 2019 foron tamén ao Desfile de Carros de Chantada. Ángel acode tamén con elas a concursos como o de Expolugo ou o que se celebra en Friol. “Ir aos concursos dache visibilidade e axúdache a vender para vida, pero non vou a máis por falta de tempo”, di.

“A xenética éo todo nunha explotación de carne, igual que nunha de leite, e a xestión do touro é unha das cousas máis complicadas nunha gandeiría deste tamaño”

Gandeiría da Morena ten touro propio e case sempre é deste xeito como Ángel empreña ás vacas da explotación. “Bótolles case sempre o meu touro pero algunha vez algunha vaca que me interesa insemínoa con seme mercado dalgún touro que me gusta”, explica.

O touro da casa cámbiao cada 5 anos para evitar problemas de consanguinidade. “A xestión do touro é unha das cousas máis complicadas dunha explotación de carne deste tamaño”, asegura. “A xenética éo todo nunha explotación de carne, igual que nunha de leite, e o touro é algo fundamental, é unha peza clave nunha explotación de rubia galega, porque se saca xatos moi grandes e tes moitas cesáreas é un problemón”, afirma Ángel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información