Gandaría Ambrosini: 41 litros de media por vaca cun 4,29% de graxa

Gandaría Ambrosini é unha granxa familiar do norte Italia que logra altas producións por vaca e altas calidades do leite. Christopher Ferri, xerente da granxa, explicou nas últimas xornadas de Africor Lugo como as novas tecnoloxías e o uso de protocolos lles están axudando a avanzar

Gandaría Ambrosini: 41 litros de media por vaca cun 4,29% de graxa

Christopher Ambrosini, segundo pola esquerda, xunto aos seus tres curmáns, que traballan na Società Agricola Ambrosini

Unha media de produción de 41 quilos por vaca e día, unhas calidades do leite de 4,29% de graxa e 3,42% de proteína e un reconto de céculas somáticas de tan só 84.000. O que sería a aspiración de todo gandeiro están a logralo en Società Agrícola Ambrosini, unha granxa familiar da provincia de Cremona, no norte de Italia, grazas ao emprego das novas tecnoloxías e á implantación de protocolos para o manexo do gando.

A experiencia desta granxa foi presentada por videoconferencia polo seu xerente, o mozo Christopher Ferri, nas últimas xornadas de AFRICOR Lugo. Nun país no que a leite se paga polos sólidos lácteos -o prezo medio en febreiro roldaba os 0,39 euros o litro- para a súa potente industria queixeira e nunha provincia como Cremona, na que terra agrícola alcanza prezos moi elevados -entre 60.000 e 70.000 euros a hectárea para compra e sobre 1.000 euros para aluguer- os gandeiros deben ser moi profesionais para sacar o máximo rendemento forraxeiro á terra e lograr elevadas producións de leite e altas calidades.

No caso da Società Agricola Ambrosini contan cun rabaño de 1230 animais de raza Holstein, das que 530 son vacas en produción. A súa base territorial repártese nun 52% en propiedade e un 48% son terras arrendadas. Ademais, apostaron polas enerxías renovables como fonte complementaria de ingresos: unha planta de biogás de 250 kw que aproveita o xurro e unha planta fotovoltaica de 200 Kw con paneis situadas no teito das cortes. A gandaría é completamente familiar e nela traballan 4 persoas: Christopher e os seus tres primos.

Importantes cambios en 2 anos

A chegada do relevo xeracional tamén supuxo un novo enfoque na xestión da granxa, cunha aposta clara polo emprego das novas tecnoloxías e a implantación de protocolos.

Partían en xaneiro de 2016 de 380 vacas en muxido, cunha media de 28 kg de media por cabeza/día en dous munguidos, e unhas calidades do 4,04% de graxa e 3,42% de proteínas. O reconto de células somáticas situábase por entón en 203.000.

4 anos despois de implantar os cambios a granxa aumentou en tamaño -530 vacas en lactación- pero sobre todo en termos de produción e calidades: pasaron a 3 muxidos e a súa produción media elevouse en xaneiro deste ano a 41 kg de media por cabeza/día, cun 4,29% de graxa e un 3,42% de proteína. O RCS baixou a menos da metade: 84 000 células somáticas.

Ración das vacas en muxidura: RACION ITALIA AMBROSINI

Esta procucción lógrana cunha ración composta por 48 quilos de materia húmida, cuxos principais compoñentes son 28 quilos de silo de millo, 6,2 de silo de herba e ao redor de 11,5 quilos de penso. O custo desta ración é de 6,51 euros diarios por vaca en lactación.

As vacas secas están en cubículos e pasan a cama de palla durante o preparto, tanto as vacas adultas como as xovencas.

Ración de vacas secas:  RACION ITALIA AMBROSINI secs

Ración das xovencas en preparto: 

RACION ITALIA AMBROSINI preparto

Para as vacas secas a ración componse de 8 quilos de silo de millo, 3,9 de silo de herba, 4 de feno seco, outros 4 quilos de palla, 0.8 quilos de fariña de soia e correctores. O custo baixa a 1,79 euros por vaca e día.

En preparto engaden á ración de vacas secas máis fariña de soia, para aumentar a inxesta de proteína, e copos de millo.

terneras ambrosini italia

Manexo da recría

En canto á recría, en Granxa Ambrosini cumpren cuns protocolos para o manexo e a ración en cada etapa de desenvolvemento do animal, o que redundou nunha mellora da produtividade do rabaño:

-Desde os 0 aos 56 días: as becerras están en casetas individuais e reciben leite materinazado (cun 18% de graxa e un 23,5% de proteína) en dúas tomas. Teñen tamén un cubo con auga fresca e outro con penso de iniciación.

-Dos 57 aos 120 días de vida: Destetan aos dous meses, cando pasan a compartimentos múltiples en grupos de 10. A alimentación é a base de penso de iniciación e TMR composta por feno, fariña e copos de millo, fariña de soia e vitaminas e minerais.

Ración por cada grupo de 10 tenreiras:

racion terneras ambrosini italia

-Desde os 4 aos 9 meses: As tenreiras pasan a compartimentos múltiples en grupos de 15/20 animais e reciben a ración TMR de tenreiras, sen penso starter.

-Desde os 10 meses e até 60 días antes do parto as xovencas pasan a outras instalacións onde seguen en cama quente. Cando están preñadas pasan a unha nave con cubículos. Son alimentadas coa seguinte ración: 12 quilos de silo de millo, 2 kg de palla, outros 2 de feno, 5 kg de silo de herba e 1,7 quilos de fariña de soia.

racion novillas ambrosini italia

Implantación de novas tecnoloxías e de protocolos

Christopher Ferri móstrase convencido de que a creación e implantación de protocolos para o manexo e alimentación do gando foi clave para a mellora que experimentaron. “Creo que a organización do traballo é clave para o bo funcionamento da granxa. E neste sentido é clave contar con protocolos e que se cumpran” subliña.

Son 5 as áreas nas que implantaron protocolos, axudándose das novas tecnoloxías: xestión/organización do traballo; reprodución, terapéuticos, de vacinación e de podoloxía.

1) Programas de xestión e organización:

En Gandaría Ambrosini contan cos seguintes programas que lles están servindo de moita axuda para implantar os protocolos:

-DeLaval Alpro: que lles permite realizar un control de produción único. Controlan tamén a produción de 0-30 días e a rutina de muxido.

-DTM: Permítelles controlar a xestión xeral, calculando canto lles está custando a ración, a eficiencia da alimentación, e o índice de ingresos sobre custos fixos. Tamén lles permite calcular o custo da ración para cada grupo de animais.

-Allflex Sense Hub: É un programa que controla o celo, o estado de saúde dos animais (vacas e tenreiras), a consistencia da rutina grupal de rumia, así como a hiperventilación en períodos de calor.

-DC 305: É un programa que lles axuda na introdución, consulta e procesamento dos múltiples datos que se xeran na explotación. É dicir, axúdalles a elaborar estatísticas con todos os datos e así poder tomar decisións cos técnicos que asesoran á granxa.

2) Protocolos de reprodución: Double ov-synch, Re-synch, Ov-synch e Ov-synch prid

3) Protocolos terapueuticos postparto:

Todos os luns e xoves realizan un control de todas as vacas tras o parto (0-20 días):

-Control de cetose mediante a proba de tira ouriña

-Conrol de metrite, por medio do moco vaxinal

-Avaliación da consistencia das feces

-Temperatura

-Seguimento continuo de inxesta e rumia co sistema Sense Hub

Antes de tomar unha decisión terapéutica consúltanse todos estes datos.

4) Control do estrés por calor:

O estrés por calor é un problema para as gandarías de vacún de leite nesta rexión do norte de Italia, con veráns moi calorosos e cunha elevada humidade.

Para mitigar os seus efectos nos últimos anos instalaron un circuíto de ventilación e desde 2019 implantaron protocolos de mollado forzado das vacas mediante aspersores.

“Estes cambios permitiron que a producicón por vaca e día no verán aumentase en 1,5 litros, mellorando tamén notablemente a taxa de preñez”, destaca Christopher Ferri.

vacas ambrosini italia lombardia 3

Obxectivos de Gandaría Ambrosini:

Para cada ano nesta gandaría márcanse uns obxectivos para mellorar a rendibilidade da granxa. Así, para 2019 marcáronse como obxectivos e lográrono un RCS por baixo de 150.000; reducir ao 5% a incidencia de Staphilococcus Aureus; reducir o uso de antibióticos e seguir formando ao persoal.

Para este ano as metas desta granxa italiana son:

-Redución da porcentaxe de vacas baleiras a 200 dlact
-Mellorar a calidade do leite
-Mellorar na xestión da recría
-Reestruturación de cubículos, suprimindo as colchonetas de goma
-Elaboración dunha organigrama
-Formación do persoal
-Seguir reducindo o uso de antibióticos, realizando secado selectivo
-Seguir mantendo o reconto de células somáticas por baixo de 150000
-Manter o limiar de S. aureus por baixo do 5%
-Reducir a incidencia das mastite clínicas a menos do 5%

E a máis longo prazo os obxectivos que se marcan en Gandaría Ambrosini son:

-Chegar a 700 vacas en lactación

-Mellorar a tendencia xenética do rabaño

-Coñecer de forma máis precisa os custos e ingresos da recría

-Formación e diálogo co persoal, para mellorar a súa motivación

-Transmitir a onde queren chegar e por que queren facelo

-Traballar na explotación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información