A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galicia xa conta cunha regulación dos alimentos artesáns e caseiros

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o Decreto de Artesanía Alimentaria, que regulará e distinguirá cun distintivo os produtos alimentarios artesáns, distinguindo os que se fan na casa e os elaborados en zonas de montaña. Entrará en vigor no mes de agosto

Galicia xa conta cunha regulación dos alimentos artesáns e caseiros

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o Decreto de artesanía alimentaria que elaborou a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Desta forma, os alimentos artesáns e caseiros galegos disporán dun recoñecemento legal e dunha trazabilidade que lle ofreza garantías ao consumidor, ao igual que xa ocorre noutros países da Unión Europea e noutras comunidades autónomas.

Con esta norma regularanse as condicións técnicas específicas necesarias para a produción artesanal dos produtos alimentarios, que levarán a súa etiqueta certificadora, de “Artesanía Alimentaria de Galicia”, evitando que se poida vender como un alimento como artesanal, “feito na casa” ou “caseiro” de xeito falaz ou incerto.

Arestora estase a traballar no desenvolvemento das normas técnicas específicas para cada sector, un proceso no que a Consellería do Medio Rural xa está a traballar cos interesados e o obxectivo é aprobar primeiro as que teñan maior repercusión en Galicia, polo seu número de profesionais implicados e polo volume de produción.

Distinguiranse en total 16 grupos: os produtos lácteos, cárnicos, produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadaría e confeitaría, entre outros. Cada unha destas actividades terá os seus propios requisitos que irán definidos nesas normas técnicas en que xa traballa a Consellería do Medio Rural xunto cos distintos sectores. O obxectivo é aprobar primeiro aquelas con maior repercusión en Galicia polo seu número de profesionais e volume de produción.

Os produtos caseiros e de montaña terán unha distinción específica dentro do selo Artesanía Alimentaria

Ademais do selo xenérico de “Artesanía Alimentaria”, haberá outros dous produtos artesanais específicos, un deles para os produtos artesanais caseiros ou da casa e outro para os produtos artesáns de montaña, que tamén levarán a súa propia identificación.

Os primeiros serán aqueles obtidos por empresas artesanais alimentarias que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria á que estea ligada a empresa artesanal, é dicir, que coincidan (ou estean vinculados) o produtor e o transformador.

Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña son aqueles elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña” de acordo co que establece o regulamento da Unión Europea.

Obrigas xerais para ter o selo de “Artesanía Alimentaria”

En todo caso, o decreto obriga a que se o produto agroalimentario está incluído no ámbito de protección dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, a norma exixirá que estea acollido a ela.

Ademais, para ser produto artesán establécese como requisito que as materias primas sexan seleccionadas e que non se poidan utilizar potenciadores do sabor, colorantes ou saborizantes artificiais, nin graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco, entre outros aditivos artificiais.

Tampouco se poderán utilizar produtos semielaborados como materia prima, agás en casos excepcionais que se xustificarán na norma técnica correspondente.

Pola contra, admitirase, en cambio, o emprego de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, de acordo co que se indique na norma técnica correspondente.

A maiores, o decreto establecerá que, para garantir a intervención persoal do artesán no proceso, non se admitirán reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto comercial que non sexan as da empresa artesanal elaboradora do produto, nin se admitirá tampouco a utilización de marcas que non sexan dela.

Neste decreto regúlase tamén o rexistro da artesanía alimentaria en que deberán estar inscritas todas as empresas artesanais alimentarias. O rexistro dependerá da Agacal e permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o esforzo da Administración beneficie ás persoas profesionais do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *