Galicia terá que devolver máis de 750.000 euros á UE por deficiencias en concesión de axudas agrícolas

A corte europea considera que os controis feitos pola Xunta para outorgar esas subvencións durante os exercicios 2008 e 2009 eran deficientes. Os sindicatos agrarios amósanse preocupados pola decisión e a conselleira do Medio Rural recorda que "foi unha infracción cometida polo Goberno Bipartito".

Galicia terá que devolver máis de 750.000 euros á UE por deficiencias en concesión de axudas agrícolas

O Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) informou onte de que desestimou un recurso interposto polo Goberno España relativo a determinadas axudas agrícolas a explotacións gandeiras que beneficiaran a Galicia.

O Tribunal, con sede en Luxemburgo, sinalou que en 2013 a Comisión Europea (CE) excluíu do financiamento comunitario determinados gastos dos Estados membros con cargo á sección Garantía do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola (FEOGA), ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Excluíase así dese financiamento a algúns gastos efectuados pola Xunta de Galicia de axuda por indemnizaciones compensatorias das desvantaxes naturais do programa de desenvolvemento rural 2007-2013 de Galicia.

Esa axuda deuse con cargo aos exercicios económicos de 2008 e 2009, aplicando unha corrección financeira a prezo fixado do 5%, por un importe de 1,17 millóns de euros, dos que 757.968,97 euros correspondían ao concepto ‘desvantaxes naturais’, unha cantidade que o Goberno terá que reingresar ás arcas comunitarias.

O Goberno de España interpuxo en outubro de 2013 un recurso de anulación parcial contra esa decisión e impugnou esa corrección por entender que a decisión da CE respecto ás desvantaxes naturais infrinxía as normas de dereito comunitarias.

Deficiencias nos controis sobre número de animais e respecto á carga gandeira

A corte europea sinala que a CE, tras investigar o caso, concluíu que os controis feitos en Galicia tiñan deficiencias e insistiu en recontar os animais das explotacións e en respectar a carga gandeira como valor medio de todo o ano. Ambos os dous son criterios ou obrigas a cumprir para poder recibir axudas por desvantaxes naturais.

A CE considerou tamén que non poder controlar a diario a carga gandeira e que houbese de aceptarse unha media anual, “non” significaba “que o beneficiario non tivese que cumprir de xeito constante as súas obrigas a ese respecto”, di a sentenza.

España contestou a decisión da CE por consideran que non favorecía a utilización racional dos pastos das zonas con dificultades naturais e de sistemas respectuosos co medio.

O Tribunal Xeral indicou hoxe que esas medidas “son axudas por superficie” e que iso “non” exclúe de entrada a necesidade de efectuar controis sobre o terreo, xa que o Dereito da UE non considera exclusión ningunha a ese respecto”.

España sostiña que non era necesario o reconto de animais porque as axudas de superficie non se basean no número de cabezas de gando, senón no mantemento dunha carga gandeira que poida asegurar unha determinada utilización da superficie forraxeira na explotación.
O tribunal tamén precisou que as superficies polas que se percibían esas axudas nas zonas de montaña e nas zonas distintas das de montaña podían albergar explotacións de gando vacún, ovino-caprino ou equino, e que estaba xustificado pedir un control dos animais sobre o terreo.

Tamén destacou que non se facer controis sobre o terreo o día da inspección é un incumprimento por parte de España das normas sobre controis desas explotacións nas superficies polas que se percibiron as axudas que foron obxecto da corrección.

A mesma corte sinalou que contra esta sentenza se pode interpoñer un recurso de casación ante o Tribunal de Xustiza no prazo de dous meses, contado a partir da súa notificación, e que ese recurso está limitado ás cuestións de Dereito.

Os sindicatos agrarios móstranse preocupados e a conselleira doMedio Rural recorda que a infracción se produciu durante o Goberno Bipartito

A este respecto, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, lamentou esta decisión do Tribunal de Xustiza da UE, pero lamentou que “o trato diferenciado que este Goberno pide a Bruxelas para conceder as axudas agrarias, logo en España non se aplica”.

En concreto, advertiu de que “o problema non é da cantidade de axudas, xa que cada ano imos dispoñer de 5.000 millóns da UE en axudas agrícolas para España”. Non obstante, criticou que “á hora da repartición o Goberno Central decidiu que non sexa entre os 400.000 agricultores profesionais, senón entre o millón que ese propietario de terreos agrícolas, ou que en Galicia o goberno da Xunta decidiu renunciar” á posibilidade de establecer un pagamento diferenciado” “nas axudas da PAC para as primeiras 25 hectáreas das explotacións agrarias”.

Pola súa banda, Lara Barros, do Sindicato Labrego Galego, recordou que “o novo Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia está suspendido pola Comisión Europea por deficiencias na súa elaboración por parte da Consellería do Medio Rural”, algo que, alertou, “pon en perigo as axudas dos plans de incorporación de novos agricultores e gandeiros”.

Ambas as dúas organizacións agrarias realizaron esta valoración en Santiago de Compostela tras reunirse coa dirección de Podemos en Galicia, un partido, que trasladou o seu apoio á manifestación convocada en Santiago pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego para estes venres.

Pola súa banda, a conselleria do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana recordou que a devolución de axudas que confirma a sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza “é por unha acción daXunta de Galicia durante os anos 2008 e 2009, durante o Goberno Bipartito,”.

Podes descargar aquí a sentenza completa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información