Galicia pecha o último ano cun aumento da produción de leite do 2,3%

Os prezos sitúanse en decembro na comunidade en 32,2 céntimos e continúan a ser os máis baixos da España peninsular

Galicia pecha o último ano cun aumento da produción de leite do 2,3%

Os prezos do leite en Galicia seguen á cola de España.

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de pechar os datos da campaña láctea 2017. No conxunto de España, a produción de leite aumentou un 1,9% e superou por primeira vez os 7 millóns de toneladas. En Galicia, as entregas situáronse en 2.660.000 toneladas, un 2,3% máis que o ano anterior, co cal a comunidade mantén o 38% do leite producido a nivel de todo o Estado.

O dato negativo do informe do Fega chega novamente dos prezos do leite en decembro, nos que Galicia segue á cola da España peninsular, con 32,2 céntimos por litro de media (+0,2 céntimos en relación a novembro). A media do conxunto de España está en 33,4 céntimos (-0,1 céntimos con novembro) e se atendemos ás comunidades veciñas, Asturias está en 35,4 céntimos e Castilla y León en 33,8 céntimos.

Outro dato a destacar no informe é o das calidades do leite, pois Galicia lidera a porcentaxe de materia graxa (3,96%), fronte á media estatal de 3,83%. En proteína, a comunidade está na media española, 3,36%.

Número de explotacións
A evolución do número de explotacións mantivo no 2017 a tendencia á baixa de anos anteriores. Quedan no conxunto de España 14.517 granxas, polas 15.330 coas que comezou o 2017. En Galicia, o ano 2017 comezou con 8.477 e rematou con 8.014, co cal a comunidade perdeu máis da metade de explotacións que pecharon no conxunto de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información