Galicia inicia a loita experimental contra a avespa do castiñeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha solta piloto dun insecto parasitoide que combate a praga. A avespa, que se detectou na comunidade no 2014, afecta á produción de castaña

Bugallos da avespa do castiñeiro nunha folla e nun amento. / Imaxe: Areeiro.

Bugallos da avespa do castiñeiro nunha folla e nun amento. / Imaxe: Areeiro.

A avespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) é un insecto orixinario de China que se foi extendendo de xeito progresivo por todo o mundo. A América chegou nos anos 70 e a Europa fíxoo no 2002, vía Italia, onde causou serias perdas na produción de castaña. En España está presente desde o 2012 e en Galicia detectouse no 2014, suscitando a preocupación dos produtores de castaña de Lugo e Ourense. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra) efectuou este ano unha solta experimental dun insecto parasitoide, o ‘Torymus sinensis’, que é un inimigo natural da avespa do castiñeiro. Se todo vai ben, esta será a vía para combatir a gran escala a praga nos próximos anos.

A entrada da avespa do castiñeiro en Galicia causa preocupación no sector produtor, xa que a praga ocasiona danos nos castiñeiros, reducindo a súa capacidade fotosintética, e provoca tamén unha baixada na produción de castaña. A presenza da avespa nos castiñeiros afectados é detectable de xeito sinxelo en polas e follas das que saen pequenos bugallos de cor verde ou avermellada. Daí emerxerán as avespas a partir de finais de maio e ata o mes de xullo.

Esta primavera verán é o segundo ano da praga en Galicia, polo que aínda é cedo para valorar a difusión da avespa e o seu posible impacto, segundo apunta o responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Pedro Mansilla. Areeiro ten previsto facer mostraxes esta primavera para valorar a presenza e distribución da praga. No 2014, detectouse sobre todo en diversas comarcas de Ourense e de Lugo.

Solta en Ourense
A principal vía de loita contra a avespa do castiñeiro pasa pola solta de insectos parasitoides que son inimigos naturais da avespa, se ben o Ministerio de Agricultura decidiu este ano non autorizar soltas masivas do parasitoide, o ‘Torymus sinensis’, xa que se trata dun insecto exótico procedente de China e a Administración é partidaria de valorar os posibles efectos no medio do animal. Areeiro si foi autorizada a facer unha solta experimental, que executou no entorno de Ourense, nunha das zonas nas que se detectara a avespa o pasado ano.

O parasitoide da avespa é un insecto exótico, polo que o Ministerio denegou por agora a súa solta masiva

Desde a Estación de Areeiro, Mansilla entende a precaución da Administración, pero agarda que para o 2016 si se poidan realizar xa soltas masivas que permitan controlar a praga de xeito eficaz. Mansilla lembra que o ‘Torymus sinensis’ xa se utilizou con eficacia en países como Francia e Italia, cun clima e unha fauna similar á española, polo que confía en que non haxa problemas e en que non se dilate de máis a autorización para a solta do insecto parasitoide.

A medio prazo, outra vía a explorar pasará polo estudo das variedades autóctonas de castiñeiro que presenten unha maior tolerancia ós ataques da avespa, un proxecto no que están implicados tanto Areeiro como o veciño Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

MÁIS INFORMACIÓN
Díptico informativo da Consellería de Medio Rural sobre a avespa do castiñeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información