“Galicia é a primeira comunidade en montes certificados FSC en España”

Marcos Estévez, xestor de proxectos da certificación forestal FSC, explícanos a importancia destes certificados, cada vez máis presentes nos montes galegos

“Galicia é a primeira comunidade en montes certificados FSC en España”

Marcos Estévez, de FSC. / Arquivo.

Galicia conta con 1,4 millóns de hectáreas de arborado e desa superficie unha parte dela está recoñecida coa certificación forestal FSC (siglas en inglés do Consello de Administración Forestal), un selo que lle outorga valor e garantías ó monte e á súa madeira. Falamos con Marcos Estévez, xestor de proxectos de FSC España, sobre a evolución e presenza destas certificacións nos montes galegos.

Que cifras manexa Galicia en certificación forestal?
En Galicia, hai máis de 59.000 hectáreas certificadas FSC. Galicia é a segunda comunidade por superficie e a primeira por número de montes, con máis de 10.170, un 83% dos montes certificados FSC en España. E no referente á cadea de custodia de comercialización da madeira, Galicia é a segunda comunidade con 189 titulares certificados FSC -empresas madeireiras-, o que supón o 21% do total de España. Por provincias, A Coruña contaría con 105 titulares de cadea de custodia (o 55% de Galicia); Lugo, con 49 (25%), namentres que Pontevedra ten 29 (15%) e Ourense seis.

Estes datos demostran que Galicia é moi importante no mercado da madeira e dos produtos forestais en España, principalmente co eucalipto e o piñeiro. Tamén é destacable que o 78% das empresas certificadas FSC de España que se dedican a cortar e comercializar madeira en toradas, leña e biomasa están en Galicia.

Que presenza teñen as certificacións forestais en montes veciñais, ben sexan con convenio coa Xunta como nos que xestionan directamente as comunidades de montes?
Preto da metade desas 59.000 hectáreas estaría en montes veciñais en man común e a práctica totalidade destes, máis do 95%, pertencerían a montes que non teñen convenio coa Xunta.

E os pequenos propietarios forestais, optan polas certificacións forestais?
Si, desde logo. A certificación FSC ten un sistema de certificación en grupo polo que os propietarios se incorporan como membros a un grupo FSC existente especializado en certificación, normalmente nunha empresa vinculada á madeira ou nunha empresa de enxeñaría forestal. En España hai 28 certificados FSC de xestión forestal, dos que doce teñen presenza directa en Galicia e deses a meirande parte son certificados de grupo. Promacer, Xefosnor ou Tenzas traballan con pequenas superficies (menos de 100 hectáreas) namentres Selga, Cerna ou Asefor fano con pequenas superficies e tamén con superficies maiores, en moitos casos montes veciñais.

“As certificacións FSC permitiron que moitos propietarios coñezan e respeten a normativa forestal autonómica”

Que implica unha certificación forestal?
Implica a realización de auditorías sobre o terreo por parte dunha entidade de certificación acreditada internacionalmente para realizar evaluacións e emitir certificados FSC. Esas entidades corroboran que se cumpra a normativa FSC, o que garante o cumprimento da lexislación vixente. Ademais inclúe unha serie de indicadores sociais e ambientais. A modo de exemplo, no referido ó apartado social, procúrase mediar en calquera conflito con axentes sociais que poidan usar o territorio na zona de xestión forestal (cazadores, pescadores, asociacións de veciños…). Inténtase que a xestión forestal nunca prexudique á comunidade local e a poder ser, que a beneficie.

Que garantías aporta a certificación a nivel de sostibilidade?
Ten moitos indicadores de tipo ambiental que procuran aumentar a biodiversidade. A xestión forestal debe ser economicamente viable pero tamén socialmente beneficiosa e ambientalmente axeitada, son tres pilares da sostibilidade e en FSC trabállase sobre o terreo: procúrase que sempre se cumpra a lexislación, o  que ten favorecido que moitos pequenos propietarios coñezan a normativa forestal autonómica. E en cuestións sociais e ambientais, vai máis aló das leis estatales e autonómicas.

Serve como unha ferramenta para mellorar a xestión?
Ó final o que está acontecendo é que os propietarios particulares e de montes veciñais que xestionan o territorio, que teñen madeira e fan aproveitamentos, chegan á certificación porque, nalgúns casos, obteñen primas no prezo de venda, o que mellora a comercialización. Desa maneira é unha ferramenta que promove unha xestión forestal activa e que mellora os rendementos. Outro dos piares fundamentais de FSC é que obriga a dispoñer dun instrumento de xestión e iso leva a que haxa unha reflexión sobre como se está a traballar co monte agora e como se prevé facelo nun futuro, o que sempre é positivo.

Primeiro foron as masas de eucaliptos e piñeiros pero, amplíase tamén esa certificación a outras especies como o castiñeiro, carballo…? En que medida se estenden en Galicia as certificacións cara esas especies?
Hai moitas especies incluídas na certificación FSC a nivel internacional, e por suposto, en España e en Galicia. Hai grupos industriais importantes en España que están a traballar co castiñeiro. Xa hai empresas galegas que fan obra pública e privada con esa madeira. Incluso o carballo ten cada vez máis presenza. Impórtase moita madeira de frondosas de Europa e Norteamérica, pero tamén hai mercado nacional, aínda que polo de agora é pouco  importante en comparación coas especies principais pero agárdase que medre.

“Inditex ou Ikea esixenlle ós seus proveedores madeira con certificación FSC e iso repercute nos produtores forestais”

Que demanda de madeira certificada hai por parte da industria? Obsérvase un crecemento?
Dende 2012 hai unha demanda crecente dos produtos certificados. Obsérvase un crecemento sostible da superficie certificada e do número de cadeas de custodia, o que implica que cada vez hai máis empresas que piden produtos FSC e se hai demanda, esta acaba chegando ó monte. Grandes empresas como Inditex ou Ikea esixen xa ós seus proveedores que a madeira, o cartón, o papel… conte con certificación FSC. Isto repercute na cadea de valor dos produtores forestais.

Hai a penas un mes, denunciábase que os portos de Galicia servían como porta de entrada a Europa da madeira ilegal
A importación de madeiras tropicais entraña riscos cando se fala de certos países onde hai moita corrupción como Brasil, e o problema fundamental neste caso foron os documentos legais que acompañan a esas partidas de madeira, que fan moi difícil detectar unha posible ilegalidade tanto para as empresas importadoras como para as autoridades competentes.

“En Galicia tiñamos construcións tradicionais que usaban madeira, pero esa práctica perdeuse, cando ten moitas posibilidades”

Fai pouco máis dun mes, celebraban en Lugo un curso sobre a madeira FSC en Galicia, onde a madeira estrutural tiña un papel importante. ¿Por que decidiron centralas nun tema tan específico?

Manuel Guaita (Director da Plataforma de Ingeniería de la Madera Estructural, PEMADE) e Manuel Touza (Técnico de GAIN-CIS Madeira) explicaron que a madeira é un material máis sostible polo seu ciclo de vida, posto que almacena carbono e axuda a mitigar as emisións. A obtención da madeira e o seu uso en construción, en moitos sentidos, mellora a outros materiais.

“Moitas construccións están volvendo a usar madeira porque ofrece unhas condicións superiores ós materiales convencionais”

En Galicia tiñamos unhas construcións tradicionais que empregaban moito a madeira, sobre todo na parte estrutural, nas cubertas e vigas. Pero esa práctica perdeuse en gran medida hoxe. Moitas construcións están volvendo agora a empregar a madeira porque ben utilizada, con coñecementos, é un material que ofrece unhas condicións superiores ós materiais convencionais. Ademais, o impacto sobre o medio e a contaminación da madeira é menor á par de ser reciclable e biodegradable. A madeira ten futuro e presente, non só en Galicia ou España. A nivel internacional estanse construíndo rañaceos con madeira contralaminada e en España hai varios edificios de máis de seis alturas con madeira e incluso edificios de máis de 40 vivendas. Hai unha tendencia en crecemento e a nosa proposta responde a unha demanda dos profesionais da construción que reclaman información.

É un tipo de madeira que ten posibilidades en Galicia?
Si, de feito nesta xornada en Lugo boa parte dos relatores como Manuel Guaita, que traballan dende o Máster da Madeira Estrutural, unha titulación punteira a nivel español, así como a arquitecta María Sánchez, de The Cambium Design, especializada en madeira, e empresas como Estelar ou Finsa ofrecen solucións construtivas en madeira e evidencian que en Galicia ten posibilidades.

As xornadas tamén serviron para constatar que hai un futuro esperanzador para a madeira en España e en Galicia, onde ademais contamos cun tecido empresarial xa para asumila e deixarlle beneficios ós galegos. Ademais púxose de manifesto que tanto a Dirección Xeral de Ordenación Forestal como a Axencia Galega da Industria Forestal están traballando para mellorar a produción de madeira en monte, que cada vez se fai dunha maneira máis tecnificada, e abordar tendencias actuais como a Economía Circular na primeira e segunda transformación da madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información