Galicia dispara a súa produción de leite e xa supón máis do 39% do total de España

No que vai de ano a produción de leite en Galicia incrementouse de forma notable aumentando o seu liderazgo no conxunto de España. Así, malia que a comunidade representa o 39% da produción de leite nacional, no que vai de ano de cada 100 litros que se aumentaron 57 corresponderon a ganderías de Galicia.

Así se reflicte no último informe da Asociación Terra e Leite, no que se analizan as entregas e prezos do leite en Galicia e España ata xullo 2018, último mes do que publicou datos o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

Respecto a ese mes, os autores do estudo conclúen que “Galicia continúa liderando os incrementos das entregas en xullo do 2018 (8.940 ton) seguida a moita distancia de Castela León (1.088 ton). Pola contra, sete Comunidades Autónomas diminúen as entregas nese período, liderando as reducións Cantabria con 1.340 ton menos e Cataluña con 1.207 ton menos”.

As entregas en xullo en Galicia medraron o dobre que en España

As entregas de leite en xullo de 2018 continúan a tendencia alcista aumentando en relación a xullo de 2017 tanto en España +9.157 ton (+1,55 %) como en Galicia 8.940 ton (+3,92 %) o que supón o 97,62 % do incremento total de España neste mes.

Un dato máis relevante é da evolución no que vai de ano. Así, dende Terra e Leite salientan que “se analizamos as entregas no período xaneiro-xullo de 2018 fronte a xaneiro-xullo do 2017, Galicia segue liderando o aumento das entregas no que vai de ano con 61.103 ton, seguida moi de lonxe por Castela León (15.517 ton), segunda comunidade en aumento de entregas nese período”. “O aumento das entregas no conxunto de España nese período foi de 107.080 ton, representando Galicia o 57,06 % do total do aumento”, destacan os autores do informe.

TERRA_LEITE_2 TERRA_LEITE_1

O prezo do leite en Galicia é un 10% inferior á media europea

En canto ao prezo do leite, dende a asociación conclúen que “o prezo medio do leite en xullo de 2018 en Galicia situouse en 30,30 céntimos/litro, o que supón unha diminución de 0,10 c/litro (-0,33%) en relación ao mes anterior, sendo 0,40 c/litro superior ao de xullo do 2017 o que supón un incremento do 1,34%”.

Porén, o prezo en Galicia continúa sendo dos máis baixos de España despois do de Cantabria (30,10 c/litro) situándose moi lonxe do acadado en Asturias (33,60 c/litro), que tamén diminúe en relación ao mes anterior en 0,30 c/litro (-0,88%).

Ao igual que en Galicia, o prezo en xullo en España redúcese con respecto ao mes de xuño, situándose nos 31,20 c/litro (-0,32%), sendo un 0,65 % superior ao de xullo de 2017.

Por ultimo, o informe de Terra e Leite sinalan que “os prezos de xullo expresados en c/quilo (30,29 en España e 29,42 en Galicia) son un 7,76% e un 10,42% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28 que no mes de xullo de 2018 rompe a tendencia baixista iniciada en decembro de 2017 aumentado 0,53 c/quilo en relación a xuño de 2018, situándose en 32,84 c/quilo (+1,64%)”.

TERRA_LEITE_3

Descarga aquí o informe completo da Asociación Terra e Leite

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información