Galicia demanda unha distribución territorial das autorizacións para novos viñedos

A Xunta defenderá que Galicia xestione as autorizacións de novos viñedos. O sector destaca a importancia de que os Consellos Reguladores tamén teñan capacidade de decisión. Agárdase que para o verán o Ministerio publique a norma sobre o sistema de autorizacións en España.

Publicidade
Galicia demanda unha distribución territorial das autorizacións para novos viñedos

Plantación nova de viñedo.

Xunta e Consellos Reguladores valoran positivamente o novo sistema de autorización de plantación de viñedos, cuxas liñas xerais ven de publicar a Comisión Europea, e que suporá substituír a partir do 1 de xaneiro de 2016 o actual sistema de dereitos de plantación por outro de autorizacións administrativas.

O que máis preocupaba ao sector era unha liberalización da plantación de viñedos, tal como se decidiu na reforma da OCM do 2008 e que suporía unha grave ameaza para sistemas de produción vitivinícola baseados no control da produción, na calidade e nun prezo da uva máis elevado, caso de Galicia, onde o 80% da produción de viño está amparado por Denominacións de Orixe.

Neste sentido, o novo sistema aprobado por unanimidade dos Estados da UE en decembro de 2013, mantén na práctica o sistema de control da produción ao limitar a un 1% o incremento da superficie plantada de viñedo para cada estado membro en cada ano, que se traducirá nun número de hectáreas de novas plantacións. Este sistema de autorizacións administrativas estará vixente ata o ano 2030.

Valoración da Xunta e dos Consellos Reguladores

A valoración do sector en Galicia en xeral é positiva. Así, a directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, Patricia Ulloa afirma que “valoramos a nova norma como moi positiva porque se elimina a liberalización da produción que se tiña pensado nun principio”.

Na mesma liña, o secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, salienta que “co novo sistema, que permitiu reverter a liberalización de plantacións que se decidira na OCM do 2008, evítase o crecemento desordenado de plantacións de viñedo que ésta provocaría”.

“Hai que estar atentos a como se regula a aplicación do novo sistema en España”

“As denominacións de orixe estamos satisfeitas cos resultados, aínda que atentas á lexislación que regule a súa aplicación no noso país”, matiza.

Máis cauteloso ante a nova normativa móstrase o responsable de Viticultura de Unións Agrarias, José Ramón Álvarez, para quen “non é máis que unha liberalización aprazada dos dereitos de plantación”. Neste sentido, dende UUAA defenden que “os cinco Consellos Reguladores deberían facer un mecanismo de control da capacidade de produción tendo en conta aos pequenos viticultores e a idiosincrasia da produción de viño en Galicia”.

A este respecto, José Ramón González demándalle á Xunta e ao Ministerio que “se poñan a traballar xa con todo o sector para garantir a permanencia do modelo vitivinícola galego”.

“O prezo da uva en Galicia é 5 veces maior que na Mancha, e polo tanto non nos podemos rexer pola mesma normativa de autorización de plantación en todo o Estado”, conclúe.

Os Consellos Reguladores demandan unha distribución territorial das novas autorizacións

Nesta liña tamén van as demandas do Consellos Reguladores, que a través da Conferencia Española de Consellos Reguladores (CECRV), reclamaron ao Ministerio que a porcentaxe de superficie anual fixada para novas plantacións conte con algún tipo de distribución territorial.

Ramón Huidobro explica que “trátase de evitar crecementos excesivos da superficie plantada de rexións de produción concretas, que poderían desequilibrar o mercado nesa zona, o que sería contrario ao espírito da norma e ao principal obxectivo do sistema recollido na OCM: controlar a produción para evitar exceso de oferta e unha posible depreciación de notoriedade das denominacións de orixe, para garantir o equilibrio do mercado”.

Pídenlle ao Ministerio que teña máis en conta ás Denominacións de Orixe

Así mesmo, dende a CECRV reclámanlle ao Ministerio que, de entre os criterios de elixibilidade e de prioridade elixibles en caso de que a superficie das solicitudes supere á fixada polo Ministerio, inclúa o criterio destinado a evitar risco de apropiación indebida de notoriedade dunha D.O., como criterio de elixibilidade, e a mellora da calidade dos produtos con DOP/IGP, como criterio de prioridade.

aspecto_viña_nova_en_espaldeira_STANDAR

Viña nova en espaldeira.

A Consellería defende que o reparto das autorizacións administrativas se faga dende Galicia

En canto á territorialización das autorizacións administrativas, a directora xeral de Produción Agropecuaria asegura que “aínda non está definido se a cada comunidade vaille dar o Ministerio unha cantidade de concesións administrativas e elas decidirán de acordo cos Consellos Reguladores ou se o Ministerio vai facer tábula rasa”.

Neste sentido, Patricia Ulloa salienta que “dende o Goberno da Xunta defendemos toda a autonomía posible e sempre que podamos repartir as autorizacións administrativas dende Galicia, mellor, porque temos unha realidade diferenciada no sector vinícola español”.

En todo caso, o que se prevé dende o sector é que será o MAGRAMA a administración que autorizará e decidirá sobre as solicitudes de autorización de novas plantacións de viñedo, e as Comunidades Autónomas, neste caso a Xunta, serán as encargadas de xestionar as solicitudes.

Se hai distribución territorial ou non da porcentaxe de superficie anual fixada para novas plantacións dependerá da normativa que actualmente está elaborando o Ministerio de Agricultura para regular en España o sistema de autorizacións. Segundo fontes do sector, espérase que a nova norma poda iniciar a súa tramitación este mes para ser publicada no BOE no verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información