Galicia consolida a mellora do piñeiro do país con tres hortos sementeiros de alta calidade xenética

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán obtivo o máximo recoñecemento para dúas parcelas de ensaios en Gomesende e As Neves, que se suman ó horto sementeiro xa establecido fai uns anos en Cedeira. Poderase facer recollida de sementes previa autorización

Galicia consolida a mellora do piñeiro do país con tres hortos sementeiros de alta calidade xenética

Horto sementeiro de Gomesende (Ourense). / Imaxes: CIF de Lourizán.

A mellora xenética do piñeiro do país (Pinus pinaster Aiton) está agora a culminar tras un proceso de máis de medio século de investigacións e de ensaios. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán logrou a máxima cualificación para dous novos hortos sementeiros ubicados en Gomesende (Ourense) e As Neves (Pontevedra).

Os piñeiros das dúas parcelas, que suman máis de 8 hectáreas, teñen unha superioridade xenética que foi contrastada a través de ensaios comparativos de proxenie. Lourizán comprobou que das sementes alí recollidas van nacer árbores con maior rectitude de fuste, maior volume de madeira e cunha maior distancia entre nós, tres criterios clave para a obtención de madeira de calidade.

Selección das mellores familias
O Ministerio de Agricultura está a confirmar estos días a inscripción dos hortos sementeiros de Gomesende e das Neves como produtores de material forestal de reproducción controlado (etiqueta azul), que é aquel que garante melloras comparativas. Esta é a máxima categoría á que poden optar os hortos sementeiros, tamén lograda pola finca da Braxe (Cedeira) no 2009.

O traballo de mellora xenética do piñeiro do país iniciouse hai décadas, cando os investigadores de Lourizán seleccionaron máis dun cento de xenotipos de piñeiros de toda Galicia que presentaban as mellores características (maior crecemento, mellor forma do fuste, menor ramosidade e menor espesor de casca). Con semente dese material, plantáronse diversas parcelas de ensaios, nas que se estudiou o comportamento das familias dos distintos xenotipos seleccionados.

O traballo de mellora iniciouse hai décadas coa selección de máis dun cento de xenotipos de piñeiros de toda Galicia

Os actuais hortos sementeiros de Gomesende e As Neves, que Lourizán desenvolveu coa colaboración de Inditex, son o resultado final da selección dos mellores pés en dúas desas parcelas de ensaio, en tanto as peores familias e os peores individuos das mellores foron eliminados a través de rareos

Recollida de sementes
O director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez, incide en que as sementes de A Braxe, Gomesende e As Neves están a disposición da Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Xunta. Pódese solicitar autorización ante esta Subdirección para a recollida de sementes nos tres hortos sementeiros.

Horto sementeiro das Neves.

Horto sementeiro das Neves.

Con este material, os viveiros teñen a posibilidade de ofrecer plantas da máxima categoría xenética, de etiqueta azul, e orixinarias de Galicia, que é a procedencia máis axeitada para a plantación de piñeiros na comunidade, segundo diversos estudos comparativos realizados tamén por Lourizán no pasado.

O habitual ata o de agora nos viveiros é que ofrecesen ben piñeiros de fóra, ben plantas galegas de etiqueta amarela -aquela que identifica ó material de procedencia coñecida-, ou de etiqueta verde, un distintivo que identifica ás plantas obtidas a partir de sementes de rodais selectos pero sobre os que non se fixo ningún estudo.

De cara a próximos anos, Lourizán proxecta lograr a calificación de material controlado (etiqueta azul) para máis hortos sementeiros, tanto de Pinus pinaster como de Pinus radiata.

Estratexia forestal

A estratexia forestal galega, que se plasmará este ano no Plan Forestal de Galicia, en elaboración, concédelle gran importancia á reforestación con piñeiro, pois de proseguer a actual tendencia á baixa da superficie da especie, en moitos casos sustituida por eucaliptos, a industria galega da madeira pode atoparse cunha insuficiente oferta de piñeiro nun prazo de 25-30 anos.

O uso de planta de calidade para a reforestación ofrece garantías de resultados, se ben parte dos propietarios opta tamén a miúdo por favorecer a rexeneración natural do piñeiro nas parcelas cortadas, co que se aforran custos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información