Galicia consegue tres premios entre as mellores granxas de porcino de España

Galicia consegue tres premios entre as mellores granxas de porcino de España

Galicia alzouse con tres galardóns na XXIII dos Premios Porc d´Or, nunha gala celebrada recentemente en Vic (Tarragona) e coa que se premia ás granxas de porcino máis punteiras de España.

En concreto, a granxa de Manuel Nogueira Vázquez, en Maside (Ourense) e integrada na cooperativa Coren, logrou un Porc d’Or de Ouro. Pola súa banda, a granxa Nudesa Castro San Gregorio, situada no Pino (A Coruña) alzouse co Porc d´Or de Prata na categoría de produtividade numérica. E por último, Expocutrin, unha granxa de porcino situada en Vedra (A Coruña), e integrada tamén en Nudesa, alzouse co Porc d´Or de Bronce na categoría de bacoriños destetados por porca de baixa.

Granxa Marganell álzase coa máxima distinción

Na XXIII gala de entrega dos galardóns Porc d´Or, Granxa Marganell, situada na localidade de mesmo nome, en Barcelona, e da empresa Piensos Grau, S.A., foi a protagonista da noite do 4 de novembro en Vic, ao alzarse co máximo galardón, o premio especial Porc d´Or con Diamante. Unha explotación pertencente á mesma empresa, Granxa Sant Martí, bateu un novo récord en produtividade numérica, recibindo por terceiro ano consecutivo o Porc d´Or á Máxima Produtividade, con 37,26 leitóns destetados por porca e ano.

Porc d´Or do Magrama para Granxa Sanglas, en Zamora

O terceiro premio especial, o Porc d´Or do Magrama a “Sanidade, Benestar Animal e Medio ambiente” foi a parar a Zamora, concretamente á localidade de San Cebrián de Castro, onde se sitúa Granxa Sanglas, da empresa Grup Batallé.

Por comunidades autónomas, Cataluña, aínda que obtivo cinco galardóns menos que a anterior edición, sitúase un ano máis no primeiro posto da clasificación de premiados, con trece figuras (cinco ouros, dúas pratas e seis bronces), das que dez conseguiunas Barcelona, dúas Lleida e unha Tarragona. Séguelle, como é habitual, Aragón, con dez galardóns en total (tres ouros, catro pratas e tres bronces) que se distribuíron da seguinte maneira: cinco para Huesca, catro para Zaragoza e un para Teruel.

Castela e León consegue ascender un posto na clasificación de premiados, situándose en terceira posición, moi preto de Aragón, triplicando o número de premios que obtivo na anterior edición, con nove figuras en total (dous ouros, catro pratas e tres bronces): dous para Segovia, Soria e Zamora; e unha para as provincias de Burgos, Palencia e Valladolid. Navarra, aínda que incrementa o número de galardóns recibidos con respecto ao ano pasado, perde unha posición na clasificación, obtendo seis premios: un ouro, tres pratas e dous bronces.

Pechan a listaxe de premiados Galicia con tres galardóns (dous para A Coruña e un para Ourense); Castela A Mancha con dúas figuras (Toledo e Albacete); e A Rioxa con dous ouros.

En termos xerais, foron premiadas sete comunidades autónomas das oito nomeadas e 41 granxas das 94 que optaban de partida este ano aos premios Porc d´Or.

Os premios Porc d’Or están organizados polo Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA) do Departament d´Agricultura, Ramaderia, Pesca i Alimentació da Generalitat de Cataluña, e contan coa empresa de saúde animal Zoetis como co-organizadora do evento xunto á Interprofesional do Porcino de Capa Branca (Interporc); ademais do apoio do Concello de Vic e a Cámara de Comercio da delegación de Osona e a súa Lonxa de Contratación e Mercado en Orixe de Vic.

Piensos Grau obtén o Porc d´Or con Diamante e o Porc d?Or á Máxima Produtividade

Dúas explotacións barcelonesas da empresa Piensos Grau S.A. obtiveron dúas dos galardóns máis relevantes. Por unha banda, Granxa Marganell, da localidade Marganell, alzouse co Porc d´Or con Diamante.

Cun censo de 1.600 porcas, Granxa Marganell, creada no ano 2000, destaca polo gran nivel produtivo e un moi bo ritmo de reprodución, cunhas medidas de bioseguridade moi elevadas. Tamén cabe mencionar a excelente relación entre os seus traballadores, nos que prima a súa mentalidade organizativa e constancia diaria, grazas aos que alcanzaron excelentes resultados técnicos e de eficiencia.

Mentres que Granxa Sant Martí, en Sant Martí de Centelles, gañadora os dous últimos anos do Porc d´Or con Diamante e Porc d´Or á Máxima Produtividade, volveu a conseguir este último galardón, superando a súa anterior cifra (35,82 leitóns destetados por porca e ano) e batendo un novo récord histórico cun total de 37,26 leitóns destetados por porca e ano.

Granxa Sant Martí iniciou a súa actividade no ano 1994 e conta na actualidade cun censo de 1.200 reprodutoras. Comezou como ciclo pechado, cambiando o seu sistema de produción en 2002 e reorganizándose cara a unha granxa de reprodutoras e leitóns ata 6 kg (Fase I).

As naves de Granxa Sant Martí están acondicionadas ambientalmente e adaptadas ao sistema de aloxamento en grupos das porcas xestantes e sistema de alimentación mediante máquinas electrónicas de identificación individual. É unha granxa que desde os seus inicios foi e mantense PRRS negativa. O xurado destacou a súa extraordinaria eficiencia produtiva e nivel sanitario.

Zamora recibe o Porc d´Or do Magrama

A zamorana Granxa Sanglas, pertencente á empresa Grup Batallé e situada na localidade de San Cebrián de Castro, recibiu o Porc d´Or do Magrama a “Sanidade Benestar Animal e Medio Ambiente”.

Nunhas modernas instalacións, o equipo profesional de Granxa Sanglas produce leitóns semanalmente provenientes de 3.300 reprodutoras. A granxa iniciou a súa actividade a finais de 2012 e dispón da última tecnoloxía en alimentación, control ambiental, sanidade e xestión de xurros. Destaca o uso dunha rede informática centralizada que coordina todos os sistemas da explotación. En definitiva, Granxa Sanglas xungue produción, rendibilidade, respecto ambiental, benestar animal, bo equipo humano, alto nivel de tecnificación e elevados estándares sanitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información