“Galicia Calidade convertiuse nunha marca rendible para as empresas”

O director xerente do selo Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, analiza a evolución que tivo nos últimos anos a marca de garantía, así coma os retos de futuro

“Galicia Calidade convertiuse nunha marca rendible para as empresas”

Alfonso Cabaleiro, director xerente de Galicia Calidade.

O selo Galicia Calidade cumpriu recentemente 25 anos con máis de 120 empresas e 400 produtos amparados. É unha marca de garantía que ten o seu sentido principal na promoción dos produtos agroalimentarios galegos, un foco que se acompaña da promoción doutros sectores económicos con identidade propia na comunidade, como o turístico, o téxtil ou o xoeiro. Falamos co director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, que leva máis de 6 anos ó fronte da marca.

Galicia Calidade mantén nos últimos tempos unha dinámica constante de incorporación de novas empresas e sectores. Cóntanos cal é a situación actual do selo e as súas perspectivas.
– Este ano realmente queremos que sexa o ano do sector agroalimentario en Galicia Calidade. Se facemos balance, nos últimos exercicios fíxose un traballo potente tanto de impulso da marca como de apertura da marca a outros sectores. Por que houbo esa apertura?. Porque tratábase dunha cuestión que estaba na filosofía de Galicia Calidade. Galicia é o sector alimentario, pero temos outros sectores económicos con identidade propia, como a moda, a madeira ou o naval. Son sectores que tiveron a iniciativa de demandarnos o selo e que decidimos amparar.

O sector turístico cobrou tamén un gran impulso nos últimos anos en Galicia Calidade porque cremos que é o gran escaparate do sector alimentario, xunto cos establecementos comerciais. Por iso nos abrimos a certificar hoteis, casas de turismo rural e restaurantes que traballan con produtos galegos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Falas de que este é o ano do sector alimentario en Galicia Calidade. Que novidades proxectades nesa liña?
– Este ano estamos traballando en facer accións promocionais de xeito colectivo xunto coa Consellería do Medio Rural e coa Dirección Xeral de Turismo. A idea é acometer accións promocionais no estranxeiro, noutros puntos de España e tamén en Galicia. Son accións que se enfocarán principalmente pola nosa parte a abrir mercados para os nosos produtos agroalimentarios, como pode ser o viño e outros.

Por outra banda, o reto de incorporar empresas mantense. Comezamos ben o ano porque xa incorporamos a Viña Costeira, da DO Ribeiro, unha das principais cooperativas vitivinícolas de Galicia, e tamén entrou a marca Berberecho de Noia, no ámbito pesqueiro.

“O sinal de identidade de Galicia Calidade é o sector alimentario. O debate de ata onde se debe abrir o selo a outros sectores sempre estivo e estará aí”

O selo Galicia Calidade naceu como un selo alimentario pero convertiuse cos anos nun selo multisectorial. Ata que punto se pode abrir o abano de sectores representados?
– O sinal de identidade principal do selo está no sector alimentario, está no noso ADN. O debate de ata onde se debe abrir a outros sectores sempre estivo aí e seguirá. De momento, está tomada a decisión de que Galicia Calidade debe ser un selo multisectorial de sectores que sexan moi representativos da economía galega, dunha forma de facer as cousas en Galicia.

É certo tamén que tivemos demandas de sectores que querían entrar no selo e que non vimos pertinente atender. Galicia Calidade é un selo moi ‘goloso’ porque ofrece un respaldo importante en dous sentidos: á hora de proporcionar unha ubicación xeográfica clara e tamén para asociar un produto ou servizo ó concepto de calidade.

Si que estamos abertos a sectores relacionados coa innovación ou con novas enerxías, por exemplo entrou recentemente o Cluster de Empresas de Xeotermia, pero evidentemente hai límites.

Falabas do atractivo do selo para as empresas e un caso recente témolo nos viveiros de planta ornamental, que teñen manifestado a importancia que representa para eles diferenciarse no mercado europeo do resto da planta española.
– Efectivamente, o sector da planta ornamental quería o selo Galicia Calidade para posicionarse en Europa. Nalgúns mercados de Centroeuropa, a planta mediterránea considérase como unha planta de menor calidade. En cambio, a planta galega si tiña unha imaxe de calidade, o que se está a potenciar co noso selo.

“O sector da planta ornamental entrou na marca porque necesitaba un posicionamento fronte á planta mediterránea, considerada no mercado de menor calidade. O mesmo pasou co granito”

Pasounos o mesmo co granito. É un sector no que as clases de granito teñen unha denominación internacional, aínda que sexan de calidades moi distintas. Entón, o sector galego quería a marca Galicia Calidade para posicionarse no mercado e evitar equívocos con granitos de menor calidade doutras procedencias.

Volvendo ó sector alimentario, no caso dos viños, cres que ‘Galicia Calidade’ podería funcionar a modo de marca paraugas das cinco denominacións de orixe galegas?
– Nós temos claro que non somos unha marca competidora, somos efectivamente unha marca paraugas. Temos boas relacións coas Denominacións de Orixe e si é certo que algunha delas, que fóra de Galicia ten un menor grao de coñecemento entre os consumidores, pode beneficiarse de que o selo Galicia Calidade é un identificador claro. Pode axudar ó consumidor a ubicar a xeografía do viño, o que é moi interesante.

Tedes medido o impacto da marca Galicia Calidade entre os consumidores?
– É unha das cuestións que temos previsto medir este ano. Queremos acometer este ano tres estudos. Un primeiro será un libro branco sobre o que representa a marca a través dos datos das empresas que están no selo (emprego, facturación, internacionalización, etc.). Os outros dous abordarán o impacto que ten ‘Galicia Calidade’ no consumidor e o grao de coñecemento da marca en Galicia e fóra de Galicia, pois para nós é fundamental que a marca sexa rendible para as empresas.

Que valoración vos chega desde as empresas que utilizan o voso selo?
– As empresas valoran o esforzo que se fai para que Galicia Calidade sexa unha marca rendible. Aprecian moito ir acompañados da marca e percíbese nos últimos tempos unha aposta maior polo selo, por exemplo, posicionándoo nas etiquetas con logos máis grandes.

Iso encaixa coa nosa mentalidade de dirixirnos ó consumidor e de lograr que Galicia Calidade axude a vender máis. Teño dous exemplos de empresas que están no selo, unha é multinacional e outra é un negocio principalmente de ámbito local, e estas dúas empresas transmitíronos que no primeiro ano de funcionamento coa nosa marca duplicaran a súa facturación. Estou seguro de que non foi por nós, pero si que é certo que Galicia Calidade convertiuse nunha marca que axuda a vender.

A parte da compoñente xeográfica, que compromisos lle esixides ás empresas no ámbito da calidade?
– Galicia Calidade é unha marca de garantía, pero non queremos que se nos vexa como unha marca de certificación nin competidora de esquemas de certificación. A nivel de calidade, pedímoslle ás empresas candidatas uns compromisos previos.

No sector turístico, por exemplo, unha esixencia é o selo Q de calidade; no caso dos viños, que se trate de viños amparados por denominacións de orixe e o mesmo nos lácteos ou noutros produtos alimentarios cubertos por unha indicación xeográfica protexida. A maiores, pedimos un sistema de calidade interno que garanta uns servizos ou unha calidade do produto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información