Galicia aumentou a produción de leite en abril nun 2%

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) corrixe os datos provisionais que publicara hai 15 días, dos que se desprendía unha redución das entregas na comunidade

Galicia aumentou a produción de leite en abril nun 2%

O aumento da produción de leite está a xerar dificultades nas industrias.

Galicia, finalmente, sae ben parada nos datos de entregas de leite do mes de abril. De acordo coas últimas estimacións, a comunidade aumentou a súa produción en abril, primeiro mes sen cotas, en torno a un 2% en relación a abril do 2014, unha porcentaxe similar á media de aumento estatal, que se sitúa no 3%. As entregas galegas en abril foron de 225.000 toneladas, fronte ás 220.000 de abril do 2014.

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de correxir os datos provisionais de entregas que fixo públicos hai 15 días, dos que se desprendía un freo á produción de leite na comunidade e un aumento significativo noutras áreas con pouca tradición leiteira, caso de Andalucía ou Castilla La Mancha.

Finalmente, nin Galicia perde peso na produción a nivel estatal nin o aumento das entregas noutras comunidades foi tan elevado como indicou o Fega nun principio. Andalucía pasa só de 41.000 a 44.000 toneladas (non a 48.000 como se indicara) e Castilla La Mancha de 20.000 a 22.000 (non a 26.000); se ben os datos actuais son aínda provisionais e suxeitos a variación.

O enredo coas cifras de abril débese a que co fin da cota láctea, desapareceu a obriga de industrias e primeiros compradores de leite de comunicar os datos de entregas ó Ministerio, polo que foi precisa a publicación dun novo decreto que restablecese o protocolo de traslación de datos á Administración. Eses cambios levaron a problemas no procesamento da produción do mes de abril, o primeiro sen cota láctea, pero agárdase que as estatísticas se vaian normalizando nos próximos meses.

As cifras iniciais de entregas, coñecidas hai 15 días, suscitaran preocupación no sector produtor, que advertira dunha posible deslocalización da produción de Galicia a outras zonas con menos tradición gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información