Galardoados nos Premios Magnum 2017 do Instituto Galego do Viño

Eduardo Camiña recibe o Premio Magnum ao Mellor Sumiller de Galicia e Cristino Álvarez o Mágnum Honorífico

Publicidade
Galardoados nos Premios Magnum 2017 do Instituto Galego do Viño

Foto de grupo dos Premios Magnum 2017 Autor: Instituto Galego do Viño

Cristino Álvarez recolleu esta noite de mans do director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, o Premio Mágnum Honorífico 2017 ‘Vinolvidable’ polo seu traballo a prol do viño galego nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia.

Os Premios Mágnum que concede o Instituto Galego do Viño teñen por obxectivo fomentar a excelencia no sector vitivinícola e afianzar a imaxe de Galicia como referente mundial de viños e profesionais de máximo prestixio.

Como novidade, nesta edición dos Premios Mágnum incorporouse un novo galardón: o Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, que vén a recoñecer o mérito das mellores propostas encamiñadas a desenrolar o enorme potencial do enoturismo en Galicia. A maiores, este ano o número de nomeados en cada categoría tamén se modificou, pasando de catro a cinco, para dar cabida á gran cantidade de proxectos de calidade que están a xurdir no sector.

Adegas Guímaro, premio á Mellor Adega Galega

O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa sétima edición, nomeou a Eduardo Camiña como o Mellor Sumiller no Tratamento do Viño Galego, destacando que «poucas persoas atesouran tanta xuventude e tanto talento».

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Guímaro, adega con historia e percorrido sendo durante moitos anos un referente mundial.

Pola súa banda, Caíño Finca Genoveva 2014, de Forjas del Salnés, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que se trata «dun clásico de referencia cheo de frescura e lonxevidade».

En canto ao Mellor Viño Revelación Galego recaeu en Finca Lobeiras 2014, de Sílice Viticultores, destacando que se trata «dun proxecto de finca dunha das adegas que están dando máis que falar na zona».

De entre os nominados ao Mágnum á mellor iniciativa de Enoturismo, Casal de Armán resultou o seleccionado, «pola súa proposta turística de calidade, que mellora ano a ano».

O Premio Mágnum á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego recaeu en A Emoción dos Viños!. «Este recoñecemento ven a valorar a defensa de productores orixinais de calidade e dalos a coñecer ao gran público».

Todos eles recibiron unha escultura realizada por Alejandra Sampedro, que consiste nunha revisión da botella mágnum á que incorpora as crebas que arrastra o mar en torno ao faro Silleiro e que outorgan exclusividade a cada peza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información