A Fundación Juana de Vega lanza unha nova edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer novas oportunidades de impulso para as empresas do sector primario e derivados de Galicia. Entre as novidades deste ano destaca a ampliación da súa oferta de asesoramento a empresas xa existentes do sector agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro galego

A Fundación Juana de Vega lanza unha nova edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, durante a presentación do programa

A Fundación Juana de Vega presentou este mércores a VIII edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias. Este ano, co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades e demandas do sector, ampliouse o programa acollendo ademais de emprendedores, a empresas xa en funcionamento que queiran poñer en marcha novos proxectos.

Durante a presentación, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, destacou a aposta clara da Fundación polo desenvolvemento rural de Galicia. “Pensamos que o rural ten futuro, que no rural hai oportunidades de xerar riqueza e emprego e que isto ten que facerse aproveitando a magnífica calidade das nosas producións; producións que son valoradas polos consumidores, tanto dentro de Galicia como fóra das nosas fronteiras”, afirmou.

Por este programa, nas sete edicións anteriores pasaron un total de 70 iniciativas empresariais. Desas 70, remataron o programa un 80% das mesmas, e das que remataron continúan traballando ao redor do 60%, que desenvolven a súa actividade en diversos ámbitos do sector agroalimentario coma a produción de mel e derivados, o aproveitamento e comercialización de plantas autóctonas de uso farmacéutico e cosmético ou alimentario; a posta en marcha de adegas para a elaboración de viños de autor ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas de xestión para explotacións de porcino, ou apps para dar solucións á problemática das terras en Galicia, entre outros.

Este ano amplíase a oferta de asesoramento a empresas xa existentes

A diferencia das pasadas edicións, este ano determináronse tres modalidades no programa, no que poderán participar un total de 11 emprendedores ou empresas:

Emprendemento: axuda aos emprendedores a desenvolver as súas ideas empresariais, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

Consolidación: axuda ás empresas existentes a consolidar os seus proxectos empresariais intentando mellorar o seu funcionamento mediante asesoramento na toma de decisións nas áreas de negocio máis estratéxicas.

Crecemento: axuda ás empresas que xa están en funcionamento a xerar novas liñas de negocio e/ou novas propostas de valor, desenvolvéndoas e axudándoas na súa aplicación.

O obxectivo principal é o apoio a aqueles emprendedores cunha idea de negocio no rural, pero tamén ás PEMES galegas, a través dun proxecto con seguimento e titorización personalizada, adaptada ás necesidades particulares de cada caso.

Poderán participar en calquera das tres modalidades, tanto empresas existentes como novas iniciativas empresariais nos campos da industria agroalimentaria, forestal, marisqueira e pesqueira ou outros sectores relacionados co anterior, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Ata o 30 de novembro poden presentarse as ideas de negocio ou proxectos

Ao longo de 2020, empresas e emprendedores seleccionados participarán en seminarios e titorías individualizadas para o seguimento e consulta dos seus proxectos por parte da Fundación Juana de Vega e diferentes especialistas do sector. Dependendo das necesidades de cada iniciativa, o contido de cada proxecto pode ir desde a definición de modelos de negocio, a elaboración dun plan de marketing, ata a asistencia xurídica, ou apoio na tramitación de axudas ou a asistencia na captación de recursos financeiros.

Os emprendedores e empresas interesadas terán ata o 30 de novembro para presentar as súas ideas de negocio ou proxectos de crecemento e consolidación. A inscrición para participar no proceso de selección está dispoñible na web: programa.juanadevega.org.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información