Fruga reclama unha regulación do leite de pastoreo acordada co sector

Considera que "a intención da Consellería de pór colares GPS ás vacas que fan pastoreo fai pensar que non confía nos gandeiros que optan por este modelo produtivo"

Frisonas-pastoreo-Vila-de-Cruces-Bascuas__A Federación Rural Galega (Fruga) reclama á Xunta de Galicia que os futuros cambios normativos para a produción de leite de pastoreo sexan consensuados co sector. “Demandamos do señor conselleiro que calquera tipo de modificación en relación á produción de leite en pastoreo se acorde con todos os axentes do sector”, solicita Fruga, que afirma que “a intención da Consellería de pór colares GPS ás vacas que fan pastoreo fai pensar que non confía nos gandeiros que optan por este modelo produtivo”.

O anuncio da Consellería do Medio Rural sobre a súa intención de regular a produción e comercialización de leite de pastoreo, avanzado polo director xeral de Gandería, José Balseiros, a Campo Galego, foi entendido desde Fruga como un ataque ao sector produtor, cando as críticas vertidas por Balseiros ían dirixidas fundamentalmente ás industrias que están a empregar esta marca sen estar aínda regulada, do mesmo xeito que tamén supeditou os termos concretos da nova normativa á súa aceptación por parte de industrias e produtores.

“Dende FRUGA non nos opoñemos a un regulamento que defina con claridade o que significa esta práctica porque é evidente que é preciso perfeccionar o sistema, o que non entendemos é a intención da Xunta de pór colares GPS ás vacas, algo insólito, que o único que vai supor son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura, ademais dos custos que isto leva aparellado para moitos gandeiros e gandeiras que a día de hoxe estamos a producir en base ó pastoreo”, insiste Elías Somoza, coordinador da Federación Rural Galega en Lugo.

800 explotacións practican pastoreo na actualidade en Galicia

“Actualmente en Galicia, hai perto de 800 explotacións lácteas producindo leite de pastoreo, práctica que se está estendendo a outras comunidades do Estado, mesmamente en Baleares. Igualmente parécenos unha falta de respecto pór en dubida estas marcas, cando realmente a produción de leite de vacas que saen a pacer é o fenómeno máis natural que pode existir, e ao mesmo tempo contribúe a reducir os custos de produción. Parece ser que a Xunta non confía nin nos gandeiros e gandeiras que producen este tipo de leite, nin nas empresas encargadas de velar pola súa correcta certificación”, engade.

Non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo. Estamos a falar dun modelo que priman as novas políticas europeas e noutros puntos do planeta a produción de leite vai neste camiño

“Existen marcas de pastoreo, que levan implícito o selo de Galega 100%, co cal non entendemos como se pode dubidar desta trazabilidade. En cambio a propia Xunta debería de preocuparse por axilizar as altas e as baixas no Rexistro de Calidade Diferenciada (RECALDI), que actualmente presenta importantes atrasos na súa xestión”, reclama Elías.

“Si realmente esta produción ten saída nos mercados e Galicia presenta unhas cualidades físicas, orográficas e climáticas propicias para o pastoreo, o que ten que facer o conselleiro de Medio Rural é promover este sistema de produción, e non pór atrancos para a súa consolidación. Estamos a falar dun modelo produtivo do cal viven moitas familias no rural galego, con prácticas sustentables, que cada día son máis primadas nas novas políticas europeas. É evidente que moitas destas explotacións son de tamaño medio, aspecto que parece que non lle gusta á actual dirección da Xunta de Galicia, mais deberían saber que gracias a elas son moitos os postos de traballo directos e indirectos que se crean, e noutros puntos do planeta parece que a produción de leite vai nese camiño. E desde logo non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo”, critican.

“Un novo problema” para as explotacións que están neste tipo de produción

En opinión de Fruga, o mecanismo que está a estudar a Xunta para evitar a fraude na utilización da marca de pastoreo, mediante a instalación de colares GPS nas vacas supón “un novo problema” para as explotacións que están neste tipo de produción. “Nós consideramos que a Consellería tería que promover e facilitar este tipo de producións e non pór trabas para a súa práctica. O sistema de colares nos animais non é preciso para controlar se as reses saen a pacer ou non, chega con outro tipo de controles. Actualmente son frecuentes as visitas das empresas certificadoras ás explotacións para comprobar in situ se o pastoreo se está realizando”, razoa o coordinador da Federación Rural Galega en Lugo.

Poñer colares GPS ás vacas é algo insólito que o único que vai supoñer son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura. Non son necesarios, chega cos controles que fan nas visitas in situ ás explotacións as entidades certificadoras

Fruga argumenta que se a Consellería do Medio Rural quere realmente favorecer este tipo de producións “o que ten que facer é traballar en políticas de mobilidade da terra, como o banco de terras, ou outras iniciativas”. “Vemos como a superficie agraria útil segue a descender en Galicia de forma considerable, cando moitas explotacións aínda que queiran reconverterse ao pastoreo téñeno difícil pola falta de terras, e por parte da Consellería mírase para outro lado, permitindo a forestación de terras agrarias”, considera Elías Somoza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información