A Fruga demándalle á Xunta que publique as axudas pola couza da pataca

Publicidade
A Fruga demándalle á Xunta que publique as axudas pola couza da pataca

Reunión da Fruga con produtores de patata da Limia

A Federación Rural Galega (Fuga) demándalle á Consellería do Medio Rural “medidas efectivas” contra a Tecia Solanivora ou couza guatemalteca da pataca e a publicación das axudas aos produtores, evitando deste xeito a chegada da praga á Limia, a principal comarca produtora deste tubérculo en Galicia.

Así se puxo de manifesto na xornada que a pasada semana organizou a Fruga en Xinzo cun grupo de produtores, a terceira destas actividades informativas despois das celebradas en Neda, na comarca de Ferrolterra, e en Paiosaco, na de Bergantiños.

“As persoas presentes mostraron a súa preocupación perante o avance da praga, xa que se no ano 2015 eran tres os concellos afectados, pasados dous anos a afectación multiplicouse por dez, pasando dos tres iniciais a trinta e un. De seguir esta progresión, e de no pór os medios necesarios a administración galega, en breve espazo de tempo corremos o risco de que esta praga chegue aos 313 concellos galegos”, advirten dende a Fruga.

Neste sentido, dende a organización agraria aseguran que “é sintomático que para establecer actuacións concretas para loitar contra esta praga tiveramos de esperar a que o Ministerio de Agricultura de España publicara a súa normativa, cando o goberno galego ten plenas competencias en materia de agricultura”.

Reclaman á Xunta que publique o decreto coas axudas

A este respecto, reclaman que, pasados 15 días da publicación do Decreto do Ministerio, a Xunta publique como van ser as axudas, quen vai ter dereito e a contía das mesmas.

Nesta liña, dende a Fruga sinalan que “as produtoras e os produtores da comarca da Limia coincidían en que para evitar a extensión da praga e que chegue á súa comarca son fundamentais, ademais das medidas establecidas na normativa vixente, as axudas para todas as persoas prexudicadas como garantía de que non planten pataca nas súas leiras e mesmo como xustificación para que quen non respecte esta obriga poda ser sancionada”.

Na reunión de Xinzo a Fruga adquiriu o compromiso de estender a realización de xornadas como esta por toda a xeografía da comarca limiá. En breves días establecerase o calendario a desenvolver.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información