A Fruga critica que “o Craega confíe a comercialización a grandes compañías distribuidoras”

Publicidade
A Fruga critica que “o Craega confíe a comercialización a grandes compañías distribuidoras”

Mercado local de produtos ecolóxicos

A Federación Rural Galega (Fruga) critica o que considera “proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) de entregar as nosas producións ás grandes compañías distribuidoras de alimentos”.

A organización agraria refírese en concreto á xornada sobre comercialización dos produtos ecolóxicos organizadas polo Craega o pasado venres en Monforte, na que un dos convidados foi un representante da multinacional francesa Carrefour.

Neste sentido, para a Fruga “o que propón o Craega como solución para a comercialización das producións ecolóxicas galegas é precisamente a súa principal ameaza, xa que (…..) a grande distribución ten a intención de apropiarse en exclusiva da produción ecolóxica, non por unha cuestión de saúde, ou mesmo ética, senón simplemente por negocio”. Engaden tamén que neste modelo “a ecoloxía fica entón restrinxida unicamente á cuestión técnica da produción e fican de lado a cuestión social, ou a tremenda pegada de carbono (trasporte e embalaxe) que supón o trasfego de mercadorías de unha punta a outra do planeta”.

“Coa entrada na gran distribución os produtores deixan de fixar eles o prezo”

Neste contexto, a Fruga considera que “o Craega pretende introducir aos produtores e produtoras galegas nesa dinámica, para que deixen de ser eles e elas quen fixen os prezos das súas producións e para que en moitos casos os nosos produtos lonxe de ser fonte de alimento e saúde para o noso pobo, aparezan nas mesas de calquera outro país onde haxa alguén disposto a pagar por eles”.

Por último, a Fruga critica o que considera “campaña de ameaza do Craega aos mercados locais -nos que participan moitos produtores non certificados por este organismo- dos que tamén participan os e as súas asociadas, e que contribúen a criar un outro modelo de alimentación e consumo, unhas relacións económicas xustas, que cría emprego e fixa poboación no rural e que ademais contribúe à alimentación saudábel no noso pobo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información