As franxas de protección contra o lume prenden a polémica

Xunta, oposición e a Federación Galega de Municipios e Provincias enrédanse nun cruce de acusacións sobre a obriga das rozas arredor dos núcleos de poboación

As franxas de protección contra o lume prenden a polémica

Monte calcinado preto dun núcleo habitado. / Arquivo.

A obriga legal de manter rozados e sen piñeiros nin eucaliptos os 50 metros circundantes arredor de vivendas e núcleos de poboación está a xerar nos últimos días unha intensa polémica. O debate iniciouse este martes na comisión de Agricultura do Parlamento, cando o deputado do Bng Xosé Luis Rivas ‘Mini’ acusou á Xunta de “chantaxear en toda regra” ós Concellos coa creación dun sistema público de xestión de biomasa.

O sistema público de xestión de biomasa, que se propón rozar 4.000 hectáreas anuais, ofreceralle ós veciños dos Concellos que se adhiran rozas bonificadas a un prezo de 350 euros por hectárea. Desde a perspectiva do Bng, as esixencias da Xunta deixarán ós Concellos que participen no sistema entre a espada e a parede.

“Se se suman ó sistema, teñen un evidente risco de colapso, pois estarán obrigados á execución subsidiaria das rozas nas franxas de protección, un proceso que pode esixir ata cinco meses de trámites legais de notificacións a cada propietario individual. Os Concellos non teñen persoal para afrontar ese proceso e moito menos persoal preparado” -criticou Rivas.- “Claro que se un Concello non se adhire ó sistema, pobre del se lle pasa unha desgraza cos lumes, pois vaille ir todo enriba. Estamos ante unha chantaxe en toda regra”.

En resposta ó deputado do Bng, interviu no Parlamento o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, que se amosou sorprendido polas críticas do Bloque: “Estou sorprendido. Parece que foi un Goberno do PP o que decidiu no 2007 este reparto competencial que fai responsables ós Concellos de controlar as franxas de protección contra incendios”, cuestionou. Fernández Couto foi máis alá e declarou que había Concellos con recursos suficientes que non estaban facendo nada para a prevención contra os lumes.

Tal acusación levou nos últimos días a un pronunciamento público da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que acusou á Xunta de usar ós Concellos “como escudo para licuar responsabilidades políticas”. Desde a Fegamp destacouse que en xuño do 2017 pedíronlle axuda á Xunta para a limpeza das franxas de protección e “recibimos como resposta unha copia do que di á lei ó respecto”, critican. Logo daquelo, chegaron os lumes de outubro, nos que arderon 50.000 hectáreas de monte e morreron catro persoas.

Que vai resolver o sistema público de xestión das franxas contra o lume?

En Galicia, calcúlase que hai arredor de 150.000 hectáreas de monte afectadas polas franxas de protección, o que da idea da dimensión do problema. Manter rozada toda esa superficie é unha tarefa titánica que desde o sector forestal se ve como un imposible a nivel de recursos humanos e materiais. O sistema público de xestión de biomasa promovido por un acordo entre Xunta e Fegamp aspira a rozar 4.000 hectáreas ó ano entre o 2018 e o 2021, o que representa un total de 16.000 hectáreas.

Dos 315 Concellos de Galicia, arredor de 140 solicitaron participar no sistema, segundo publicou esta semana ‘Faro de Vigo’. Unha comisión mixta integrada por Xunta e Fegamp terá que determinar agora cales e cantos deses Concellos se integran no sistema, pois resulta evidente para o sector forestal que deberán ser mínimos ou, en último caso, afrontar rozas mínimas.

Se os 140 Concellos se integrasen no sistema, poderían afrontar cada ano a roza de menos de 30 hectáreas, cando de media, en cada concello galego hai arredor de 500 hectáreas que integran as franxas de protección contra os lumes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información