A formación dos operarios e materias primas de calidade, claves para conseguir granxas bioseguras

Case 150 representantes da alimentación animal en Galicia participaron na XXI Xornada Técnica Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso organizada por Agafac

A formación dos operarios e materias primas de calidade, claves para conseguir granxas bioseguras

Como mellorar a produtividade das granxas e fábricas reducindo á vez o seu impacto no planeta é posible se a industria de produción animal conta con toda a información necesaria para optimizar recursos e ser cada vez máis eficiente. Así o afirmaron esta mañá en Santiago os expertos que participaron na XXI Xornada Técnica Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso e que reuniu no Hostal dos Reis Católicos a case 150 representantes do sector.

O foro, organizado pola Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, creada pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), celebrouse baixo o título “Bioseguridade, pegada de carbono e certificacións gandeiras” e puxo sobre a mesa os últimos avances e novidades en benestar animal da man de destacados especialistas.

O responsable de tecnoloxías e seguridade de Qualivet, Pere Borrell, abriu a quenda de intervencións co relatorio “Bioseguridade nas fábricas de penso composto”. O experto destacou a importancia da formación dos operarios e, sobre todo, a calidade das materias primas dos pensos como aspectos fundamentais en materia de seguridade. “O alimento que sae das nosas fábricas non só debe cumprir con todas as especificacións nutricionais, tamén ten que ser un produto inocuo e moi seguro para os animais que alimentamos”. Neste aspecto, fixo fincapé na necesidade de introducir no vocabulario do sector o concepto “calidade total” non só nas fábricas senón tamén “como estilo de vida”.

En busca dunha gandaría sustentable

“Emisións e pegada de carbono no sector de fabricación de alimentos compostos” foi o título da conferencia de Almudena Hospido, profesora do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A experta explicou aos asistentes que antes de buscar fórmulas para reducir a pegada de carbono “é necesario identificar e medir con métodos xa avaliados pola Unión Europea”.

Hospido destacou o papel do sector produtivo na redución de emisións á atmosfera. “Xa só no proceso de aprovisionamento das materias primas a decisión de elixir unha e outra non debería ser só económica senón tamén ambiental”, matizou tras cualificar a eficiencia enerxética como un indicador fundamental para fomentar unha gandaría cada vez máis sustentable.

Acto de clausura

Así mesmo, Ernesto Sánchez, de Producións Ecolóxicas de Coren, centrou a súa presentación nos aspectos máis relevantes das producións agrícolas, mentres que Francisco Rivas, de Nestlé España, disertou sobre as certificacións en granxas de vacún leiteiro.

O presidente de Agafac, Javier Barcia, presidiu o acto de clausura da XXI Xornada Técnica Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso xunto co director de Agafac e xerente de Galis, Bruno Beade. Na súa intervención, Barcia agradeceu a elevada participación no foro e apelando á importancia da formación e a innovación como alicerces para superar os novos retos en beneficio dun sector responsable. O foro concluíu cun cóctel no Hostal dos Reis Católicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información