Un monte que produce máis que madeira

A comunidade de montes do Carballo, en Friol, convertiuse nunha referencia en Galicia na diversificación de aproveitamentos con proxectos de cabalos, cebo de porco celta, apicultura e recollida de cogomelos

Un monte que produce máis que madeira

Os cabalos dispoñen de 270 hectáreas acoutadas no monte do Carballo. / Imaxes: CMV do Carballo e Campo Galego.

Cando a actual xunta rectora da comunidade de montes do Carballo (Friol, Lugo) entrou na dirección, no 2007, atopouse cun monte veciñal como tantos que hai en Galicia. A comunidade estaba conveniada coa Xunta, que se limitaba a facer un aproveitamento madeireiro e a repartir beneficios cos veciños. Daquela, a xunta rectora optou por retomar o control do monte, un proceso que se dilatou dous anos, e por facer da comunidade un proxecto vivo no que participase toda a parroquia.

“Cando tiñamos o convenio coa Xunta, a xente non vía o monte como propio. Nós propuxémonos facer un monte vivo coa participación de todos”

O convenio que se mantivera coa Xunta para o aproveitamento madeireiro do monte non convencía á nova xunta rectora. “Analizamos o proxecto de ordenación e decatámonos de que estaban sen facer a maioría dos traballos forestais comprometidos pola Administración, como claras” -lembra o presidente da comunidade, José Manuel Iglesias.- “Outra cousa que apreciamos era que, no aspecto social, a xente non vía o monte como propio”.

A comunidade de montes veciñais preguntouse entón que recursos tiña no monte e como valorizalos, sempre coa participación e visto bo da maioría de comuneiros, que hoxe en día son arredor de medio cento. A regulación do aproveitamento madeireiro continuou a ser a principal actividade e a vía de ingresos máis importante no Carballo, pero xa no 2008 emprenderon outros proxectos.

Porcos celtas, no monte do Carballo.

Porcos celtas, no monte do Carballo.


Cabalos en peches con pastor

A primeira iniciativa foi a introducción de cabalos de pura raza galega no monte. Para o control dos equinos, pecháronse tres zonas arboradas, ata sumar 270 hectáreas, de xeito que os aramios do peche, conectados a un pastor alimentado por placa solar, impedían a saída dos animais.

Nun inicio, as zonas acoutadas con electricidade foron tamén efectivas para evitar incursións do lobo, aínda que nos últimos anos o lobo xa aprendeu a sortear os aramios e os danos sobre a cría de poldros volvéronse importantes.

“O ano pasado foi un ano bo e sobreviviron máis da metade dos poldros, pero iso non é o habitual. Este ano xa estamos vendo máis danos” -recoñece José Manuel Iglesias.- “Antes había máis gando nos montes da zona, pero agora xa case quedan só os nosos cabalos e pensamos que é un dos factores que explica a presión do lobo”.

Os cabalos xenéranlle cada ano recursos á comunidade pola venda de poldros, se ben o seu principal interese é o mantemento do monte libre de mato, sobre todo nas plantacións novas. Tamén cada verán celébrase no monte do Carballo unha rapa das bestas, un evento festivo que congrega a toda a parroquia e a máis dun milleiro de visitantes.

Rapa das mestas do monte veciñal.

Rapa das mestas do monte veciñal.

Piñeiros e frondosas
A comunidade de montes do Carballo suma en total 710 hectáreas, das que unhas 450 se adican á explotación forestal. O resto da superficie resérvase para pastos e terras de labor, que se lle ceden de xeito gratuito ás explotacións gandeiras dos comuneiros.

A parte arborada do monte repártese principalmente entre as tres especies de piñeiro máis habituais de Galicia, o piñeiro do país (pinus pinaster), o insigne (pinus radiata), habitual en zonas do interior de Lugo, e o silvestre, propio de áreas de montaña.

Paso canadiense para acceder a unha masa valada.

Paso canadiense para acceder a unha masa valada.

A intención da comunidade é manter esa liña de traballo cos tres tipos de piñeiro e tamén se está a estudiar o inicio dun proxecto experimental para a recollida da resina, un aproveitamento que nos últimos anos se está a retomar na zona sur de Galicia pero do que aínda non hai experiencias na provincia de Lugo.

A maiores do piñeiro, nas ribeiras dos regatos, o monte veciñal mantén franxas de protección de frondosas autóctonas, en tanto que nas valgadas, outra zona habitual de frondosas, optouse pola plantación de árbores de froito como castiñeiros, cerdeiras e nogais. Todas as actuacións están deseñadas no correspondente plan de ordenación e contan co aval das certificacións FSC e PEFC.

A comunidade valora un proxecto experimental para o aproveitamento da resina

De cara ó futuro, O Carballo conta tamén cunha zona do monte na que as características do terreo non permiten a instalación dunha masa consolidada de coníferas nin de frondosas para froito, polo que se planificou a plantación de eucalipto. “Probamos co piñeiro, pero fracasou, así que decidimos cambiar de especie e probar co eucalipto, que si prevemos que se adapte ás condicións da zona, o que permitirá a obtención de maiores rendas madeireiras”, explica José Manuel Iglesias.

Apicultura e porco celta
A diversificación de aproveitamentos no Carballo colleu un forte pulo nos últimos dous anos coa introducción das abellas e do cebo do porco celta. Primeiro foi a apicultura, que comezou no 2014 con 25 colmeas. Para este ano, prevese a ampliación do apiario ata 40 colmeas pola alta demanda do produto, un mel multifloral, claro, suave e con alta presenza de mel de silva.

Colmeas no monte do Carballo.

Colmeas no monte do Carballo.

O último proxecto en iniciarse é un dos máis ambiciosos, o cebo en extensivo de porco celta, coa colaboración da Asociación de Porco Celta (Asoporcel). A comunidade habilitou unha zona de arborado de 15 hectáreas, acoutada cun valado de malla electrificada, na que os animais pasan o día, en tanto á noite pernoctan nun curro equipado con comedeiro e auga.

A primeira campaña, na que se introduciron un cento de animais, está a rematar, e xa comezou a planificación da próxima, na que a comunidade quere ampliar a superficie a disposición dos porcos e facer unha rotación de terreos.

O Carballo disporá en breve de embutidos propios de porco celta

Os animais chegan ó monte do Carballo con 3-4 meses e unha vez cebados, a súa venda diríxese principalmente a particulares, ben por porco enteiro, ben por medio porco, e tamén á industria. As persoas interesadas poden contactar coa comunidade no correo electrónico montedocarballo@gmail.com. En breve, O Carballo disporá tamén de embutidos propios de porco celta.

Cogomelos
O abano de usos do monte veciñal do Carballo complétase coa recollida de cogomelos, que se están a comercializar en establecementos da cidade de Lugo e que contan coa certificación de agricultura ecolóxica do Craega. Os aficionados ós cogomelos tamén poden acudir directamente ó monte do Carballo, onde previo pago e coa autorización pertinente, poden facer recollida dos fungos.

“É importante explicar en detalle o que se fai, como se xestiona e ofrecer un balance económico, social e ambiental”

Para acometer todos estes proxectos, a comunidade de montes do Carballo autoorganizouse en grupos que se fan responsables de distintas tarefas e tamén bota man de profesionais e de veciños contratados para tarefas específicas, como poden ser os desbroces e podas nas zonas arboradas.

Consenso social

O método de traballo para cada un dos proxectos que se emprendeu no monte foi sempre o mesmo. “Estudiámolo, falamos con xente con experiencia no tema e expoñémosllo coa máxima información posible ós comuneiros” -explica o presidente da comunidade, José Manuel Iglesias.- “A partir daí, a comunidade valora e decide por maioría”.

“Tamén é moi importante ofrecer resultados detallados da explotación de cada proxecto, do que se fai, de como se xestiona e do balance a nivel económico, social e ambiental”, valora o presidente do monte veciñal do Carballo, unha comunidade que se convertiu nos últimos anos nunha das principais referencias en Galicia no aproveitamento multifuncional do monte.

Grupo de voluntarios do Carballo.

Grupo de voluntarios do Carballo.

A comunidade distínguese ademais por unha importante actividade social, coa programación habitual de xornadas e cursos relacionados coa súa actividade. Conta tamén cun grupo de voluntarios que se xunta cada sábado para acometer tarefas varias, como a preparación dos distintos eventos sociais que organiza a comunidade, caso da festa do comuneiro ou da rapa das bestas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información