Ten o eucalipto xustificada a súa mala sona?

‘Regueifas na Ciencia’, unha iniciativa de discusión científica da Universidade de Santiago, aborda a cuestión do eucalipto con catro investigadores de prestixio, Francisco Díaz-Fierros, Serafín González, Manuel Marey e Adolfo Cordero

Ten o eucalipto xustificada a súa mala sona?

A iniciativa Regueifas na Ciencia xuntou a catro profesores e investigadores para abordar a cuestión do eucalipto.

A Universidade de Santiago, no marco da iniciativa ‘Regueifas da Ciencia’, vén de organizar un debate sobre o eucalipto, coa participación de catro investigadores de prestixio. En defensa do eucalipto interviron o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Francisco Díaz-Fierros e máis o catedrático de Proxectos de Enxeñería Manuel Marey. En contra, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, investigador no CSIC, e o profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo Adolfo Cordero.

Os debatintes fixeron unha primeira presentación introdutoria sobre a súa posición en torno ó eucalipto e logo iniciaron o debate a partir de catro cuestións: ‘É o eucalipto unha especie invasora?’, ‘Favorece o eucalipto a propagación de lumes forestais?’, ‘É unha especie negativa para a biodiversidade e o solo?’, ‘Proporciona riqueza económica ou hai algunha alternativa?’. Resumimos as principais intervencións de cada cuestión, ofrecendo as posturas a favor e en contra.

Afecta a especie á biodiversidade e ós solos?

Francisco Díaz-Fierros

“O eucalipto ten o mesmo impacto sobre a biodiversidade que calquera cultivo forestal asociado á silvicultura, coma o carballo americano”

Francisco Díaz-Fierros.

Francisco Díaz-Fierros.

O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola recoñece que un eucaliptal presenta menor biodiversidade que outros ecosistemas, pero equipara esa situación á que se produce en calquera cultivo forestal asociado á silvicultura, coma pode ser o do carballo americano.

“Outra cuestión distinta é se o eucalipto reduce a biodiversidade. Para afirmar isto, habería que demostrar que se plantou sobre un antigo ecosistema con maior biodiversidade, como unha carballeira ou un souto. É un tema que non está ben tipificado, pero os estudos do Instituto do Territorio apuntan a que os eucaliptais plantáronse habitualmente sobre antigos piñeirais, sobre mato ou en antigos cultivos agrarios. Non se podería falar entón de reducción da biodiversidade”, valora.

Díaz Fierros manifestou, non obstante, que prefire falar de servizos ecosistémicos, máis que de biodiversidade. “É unha formulación máis actual, que aborda cuestións como a regulación da auga ou o secuestro de carbono, importante para mitigar o cambio climático”.

Solo e auga
Outra das críticas habituais ó eucalipto, o seu impacto sobre o solo e a auga, é tamén cuestionado por Díaz Fierros. “É certo que o eucalipto ten un importante consumo de nutrintes do solo, pero é un consumo compensable coas fertilizacións forestais que se fan con carácter puntual cada moitos anos”, sinala.

“Tamén é verdade que os eucaliptos consumen moita auga, pero se se ubican en solos forestais, de 40-60 centímetros de profundidade, a gran maioría, non representan un problema e consumen cantidades similares a outras especies. O problema prodúcese se se plantan eucaliptos en solos profundos, coma os agrícolas, onde si consumen grandes cantidades de auga, ou en cabeceiras de concas fluviais”, sinala Díaz Fierros. “Sabemos cales son as condicións de solo e hidrolóxicas onde se poden plantar eucaliptos sen causar danos”, valora.

Adolfo Cordero

“Non hai ningún herbívoro que se alimente do eucalipto. É un ecosistema que non transfire enerxía”

O profesor de Ecoloxía na Universidade de Vigo considera, pola súa banda, que os eucaliptais presentan unha baixa diversidade por un motivo claro: “En Galicia, as follas do eucalipto non son comestibles por ningún herbívoro. É un ecosistema que non transfire enerxía. Isto é física e ecoloxía, non opinión”, defendeu.

“O único que se alimenta do eucalipto é o ‘Gonipterus’, pero non temos ningún paxaro que se alimente a súa vez do gorgullo”, sinalou.

Favorece a propagación dos lumes forestais?

Serafín González

“O lume en eucaliptais propágase máis fácil e é máis difícil de combater”

Serafín González.

Serafín González.

Baseándose na ‘Fotoguía dos combustibles forestais de Lourizán’, González comparou a velocidade de avance do lume en tres arborados distintos: carballeira, eucaliptal e piñeiral. A conclusión que deixa ese estudo é que onde o lume avanza a menor velocidade é na carballeira, en tanto nun eucaliptal propágase ó dobre de velocidade, sendo aínda maior esa velocidade de avance nun piñeiral.

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural destacou tamén a capacidade dos lumes en piñeirais e eucaliptais para xerar focos secundarios. Eses focos, no caso dun piñeiral, poden orixinarse a medio quilómetro do frente de lume, en tanto nun eucaliptal ata a 1,9 quilómetros.

O último punto no que incidiu González foi a dificultade de combater os lumes en eucaliptais e piñeirais. “En dous terzos deses lumes non é posible o ataque directo polo risco que hai para as persoas, en tanto nas carballeiras pódese combater con medios directos. O lume en eucaliptos é fácil de propagar e difícil de combater”, concluíu.

Manuel Marey

“En 50 das 77 parroquias galegas de alta actividade incendiaria non hai ningún eucalipto”

O catedrático da Escola Politécnica de Lugo Manuel Marey botou man das estatísticas de lumes en Galicia para descartar unha correlación entre incendios forestais e eucalipto. “Das 77 parroquias catalogadas en Galicia como de alta actividade incendiaria, en 50 non hai eucalipto e nas restantes, a parroquia que máis eucalipto ten non pasa do 8% da súa superficie”, detallou.

Pola contra, se se analizan as máis de 200 parroquias galegas que teñen máis da metade da súa superficie con eucaliptos, atópase que 58 delas non rexistraron ningún incendio na última década. “A presenza dos eucaliptos non está ligada á causalidade dos incendios”, concluíu.

Marey tamén fixó alusión á ‘Fotoguía de combustibles forestais de Lourizán’ para precisar que o ecosistema no que o lume avanzaba a maior velocidade era a matogueira, por riba de piñeirais e eucaliptais.

É o eucalipto unha especie invasora?

Francisco Díaz-Fierros

“Preocúpame que non se fale da domesticación das especies, que poden ser controladas polo home”

A capacidade invasora do eucalipto é cuestionada por Francisco Díaz-Fierros. “O eucalipto globulus ten unha capacidade invasora pequena, que segundo os estudos, ronda os 15 metros de dispersión na primeira xeración, podendo chegar ata 80 metros de distancia como máximo”, explica. “Esa capacidade invasora depende ademais do ecosistema próximo, pois por exemplo, nun bosque nativo, unha planta de eucalipto tería unha capacidade escasa de supervivencia por factores como a falta de luz”.

“Preocúpame que non se fale da domesticación de especies, que poden ser controladas polo home”, expón o catedrático. “Para catalogar unha especie como invasora, hai que demostrar que produce danos sobre os servizos ecosistémicos, non sobre unha biodiversidade divinizada en moitos aspectos”, conclúe.

Adolfo Cordero

“O eucalipto globulus é unha especie perigosa. Como invasora, está só por detrás da mimosa e da robinia”

Adolfo Cordero.

Adolfo Cordero.

O profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo fixo referencia a un estudo que cataloga a capacidade invasora en Europa de diversas especies e que sitúa ó eucalipto globulus como terceira especie do listado. “Só está por detrás da mimosa e da robinia pseudoacacia”, apunta Cordero, que destaca a capacidade de proliferación do eucalipto despois dun incendio. “Fálase sempre dos 15 metros en que se pode diseminar o eucalipto en condicións normais, pero iso cambia radicalmente despois dun incendio. Teño falado con comunidades de montes que teñen toda a súa superficie inzada de eucaliptos sen ter plantado ningún”, cuestiona.

Proporciona o eucalipto riqueza económica ou hai alternativas?

Adolfo Cordero

“Os beneficios do eucalipto son privados e os gastos públicos”

O profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo recoñece os beneficios económicos do eucalipto e apunta que os eucaliptos non son malos. “Non hai árbores boas nin malas, depende do uso que se lle dean. Se excedemos a ocupación de superficie dunha especie, será negativo”, valora. “O problema co eucalipto é que os beneficios que proporciona son privados, pero as perdas públicas”, cuestiona en alusión ós fondos públicos que se invisten no apartado forestal en aspectos como o combate da praga do gorgullo ou os incendios forestais.

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, incide na falta de produción en Galicia de madeiras de calidade, “que se teñen que importar”. “Producimos o 47% da madeira de España, pero só o 13% en valor”, destaca.

Manuel Marey

“O eucalipto é para Galicia un sector económico equiparable ó automóbil”

Manuel Marey.

Manuel Marey.

Os beneficios económicos que proporciona a cadea do eucalipto atinxen a milleiros de persoas en Galicia, segundo destaca Manuel Marey. “O eucalipto galego representa o 30% da madeira de España e é o que está tirando do sector forestal, é un tractor do monte, como pode ser a Citröen de Vigo para o sector do automóbil galego”, destaca Marey.

Que modelo de territorio queremos? “A especie máis en perigo de extinción no rural galego é o ser humano. A traxedia de Galicia é que faltan alternativas económicas para o territorio. Hai milleiros de parcelas que ou quedan abandonadas ou se adican ó sector forestal para xerar rendas. Sería ideal que houbera máis alternativas, pero os sectores económicos non se improvisan da noite para a mañá”, subliña o catedrático da Escola Politécnica.

Conclusións

Serafín González

“É necesaria unha moratoria para o eucalipto e erradicalo das zonas nas que está prohibido”

As conclusións dos dous equipos a debate son diverxentes. Desde o equipo que advirte dos efectos negativos do eucalipto, propóñense as seguintes medidas, enumeradas polo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González:

– Moratoria para novas plantacións de eucalipto, pois tense sobrepasado en moito a superficie prevista para a especie no Plan Forestal de Galicia de 1992.

– Erradicación total da especie en terreos públicos, incluído dominio público marítimo, hidráulico e servidumes das estradas.

– Erradicar as especies das zonas nas que está prohibida polas leis, coma zonas de concentración parcelaria, terras agrarias ou franxas de protección de vivendas.

– En Rede Natura, facilitar a retirada ó chegar a turno de corta e a súa sustitución por outras especies.

Francisco Díaz-Fierros

“Desaléntame que se repitan unha e outra vez os mesmos debates e tópicos, sen chegar a acordos”

O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola, Francisco Díaz-Fierros, fixo nunha das súas intervencións un repaso histórico do debate sobre o eucalipto, que en Galicia se remonta alomenos a 1978. “Durante os anos 80 e 90 houbo moitos estudos científicos a nivel mundial sobre o impacto ambiental do eucalipto. Un dos primeiros foi o da FAO -a organización das Nacións Unidas para a agricultura-, que concluía que había tantos argumentos a favor coma en contra”, expón.

“En moitos traballos estudáronse cuestións como o efecto dos eucaliptais na avifauna ou na biodiversidade e houbo un debate serio e un achegamento de posicións. Había un consenso en que o eucalipto había que ordenalo e definir en que solos e condicións se podía plantar, pero todo iso perdeuse”, lamenta Díaz-Fierros.

“O que máis me desalenta -continúa- é que na actualizada volveuse a comezar o debate e a repetir as mesmas cuestións e tópicos, ignorando todos os traballos das décadas dos 80 e dos 90, que é un problema moi xeralizado na ciencia”. Díaz-Fierros conclúe destacando que “hai moitos acordos posibles sobre o eucalipto”.

2 ideas sobre “Ten o eucalipto xustificada a súa mala sona?

  1. Juan Castro Insua

    Que necesidade Sr D Fierros de prestarse a facer o ridículo? sinto decir que non ten nin idea de biodiversidade, e que non respeta o traballo doutros científicos, que por unanimidade declararon a o eucalipto como especie invasora. En Lugo o vacún ainda convive cas paisaxes de maior biodiversidade do Estado, pero as plantacións nas agras, en terreos de alto valor agrícola, con eucaliptos, si que eliminan os ecotonos e polo tanto a biodiversidade, (que hai que entendela tamén como paisaxe, aquel que tan bén estudou o fráncés Abel Bouhier). As plantacións nas agras deberían ser “un delito contra a seguridade alimentaria” na terra do minifundio, aquela que eu supuña que defendía.

    Contestar
    • Mar do Val

      Seguro que ti sabes mais dos efectos do eucalipto nos solos de Galicia, que este catedrático despois de toda unha vida estudando no laboratorio. Hai que ser mais modesto neste tipo de critica, pois o que pesa son os argumentos e o coñecemento científico. Non os rebuznos de burro. Os berros dos necios non deben tapar as palabras dos sabios.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información