Reunión en Ponteareas de comunidades de montes e propietarios forestais afectados polos lumes

A Asociación Forestal de Galicia convocou un encontro para este venres co obxectivo de facer un balance de danos e iniciar un programa conxunto de restauración das áreas queimadas

Reunión en Ponteareas de comunidades de montes e propietarios forestais afectados polos lumes

Danos dos lumes nos montes de Vigo. / Imaxe: Mancomunidade de Montes de Vigo.

Comunidades de montes veciñais e propietarios forestais particulares afectados polos lumes teñen unha cita este venres a partir das 19.30 horas no salón de actos do centro cultural de Xinzo, en Ponteareas. O encontro está convocado pola Asociación Forestal de Galicia, que busca facer un primeiro balance de danos e iniciar un programa de restauración conxunta das áreas queimadas.

“É o momento de traballar de forma artellada buscando o apoio das administracións públicas, sen que unha vez máis caia todo o peso da restauración dos montes queimados sobre os propietarios forestais”, sinala a Asociación Forestal nunha nota de prensa. “Coidamos tamén que unha vez solucionados os problemas máis perentorios, urxe sentarse para levar á práctica medidas efectivas que rebaixen o risco dos lumes para as persoas e os bens patrimoniais dos galegos”

A Asociación Forestal sinala que a catástrofe afectou especialmente aos montes veciñais da provincia de Pontevedra, botando por terra os investimentos e ilusións de comuneiros e xuntas reitoras, que durante os últimos 30 anos fixeron un gran esforzo de capitalización e de planificación destes montes.

Por último, a entidade traslada o seu pesar polo falecemento de catro persoas nos lumes e quere felicitar a todas as persoas que participaron nos traballos de extinción, en especial a todos os traballadores e técnicos do servizo de defensa contra incendios forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información