O plan contra o nematodo obriga á corta duns 20.000 piñeiros ó ano en Galicia

Medio Rural elimina todos os exemplares que están secos ou que presentan síntomas de decaímento na zona demarcada das Neves, que comprende un radio de 20 quilómetros. Este ano analizará arredor de 2.000 mostras de árbores

O plan contra o nematodo obriga á corta duns 20.000 piñeiros ó ano en Galicia

Víctor Novo, nas xornadas sobre o nematodo organizadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

A detección de dous casos de nematodo do piñeiro na fronteira con Portugal, en As Neves (2010) e Salvaterra do Miño (2016) obriga a un estricto control da praga no sur de Galicia. O plan de contención contra o nematodo deseñado pola Xunta inclúe a eliminación de todos os pés secos ou que presenten síntomas de decaimento nun radio de 20 quilómetros arredor do positivo das Neves, na coñecida como zona demarcada, dentro da que tamén se ubica o caso de Salvaterra.

O insecto vector do nematodo, o Monochamus galloprovincialis, ten unha especial querencia por alimentarse e por facer as postas de ovos en árbores con problemas, polo que os pés secos ou con ataques de insectos perforadores e fungos constitúen un posible foco de expansión da praga.

O minifundio dificulta a identificación dos propietarios e a comunicación da necesidade de corta

A súa eliminación antes do periodo de voo do insecto, de abril a octubre, constitúe unha prioridade, segundo detallou o xefe de Sanidade Vexetal da Xunta, Víctor Novo, nunhas recentes xornadas sobre a praga celebradas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. No 2015, Medio Rural cortou máis de 18.000 piñeiros na zona demarcada. Esas árbores, consideradas sospeitosas, só poden transformarse en estelas para a súa queima.

O labor de eliminación dos pés non é fácil. O minifundio da propiedade, salvo no caso dos montes veciñais, dificulta a identificación dos propietarios e a posterior comunicación da necesidade de corta, que corre por parte da Administración. Outro atranco radica nos trámites burocráticos para a contratación da corta. Os contratos son de carácter anual, polo que a inicio de cada ano prolónganse os trámites varios meses antes de ter unha adxudicataria do traballo. Para entón, xa está a punto de comezar o periodo de voo do insecto transmisor.

Tomas de mostras
O plan de contención do nematodo complétase coa análise de mostras de árbores, tomadas de xeito sistemático en puntos de mostreo predeterminados, tanto na zona demarcada como en toda a franxa de 20 quilómetros fronteiriza con Portugal. Este ano prevense máis de 2.000 mostras, cada unha delas con material de entre 1 e 5 piñeiros próximos.

A última pata do plan consiste no trampeo masivo do Monochamus galloprovinciallis, en especial na zona demarcada e na franxa fronteiriza con Portugal. Medio Rural ten dispostas máis de 700 trampas, se ben as capturas cada ano son escasas, menos dun insecto por trampa.

Nas xornadas organizadas en Lourizán, unha investigadora en pragas de Castilla y León, Estela Sánchez, apuntou a posibilidade de que esas escasas capturas estean debidas a un mal funcionamento da trampa. En probas de laboratorio, en Castilla y León comprobaron como o Monochamus é capaz de saír da trampa en menos dun minuto, o que levou na comunidade veciña a recubrir o interior de todas as trampas con teflón para evitar a súa marcha.

Costes para os aserradoiros

Toda a madeira de piñeiro cortada na zona demarcada das Neves ten que pasar por un proceso de secado de media hora a 56º centígrados, de cara a evitar que a posible presenza de nematodos no seu interior constitúa un foco futuro de propagación da praga.

A Administración realiza controis móbiles en estrada e nos puntos fronteirizos para evitar o movemento de madeira sen o correspondente pasaporte fitosanitario. Tamén se examinan palés de madeira, colmeas das abellas e serrín. Todas esas pezas teñen que ter pasado o correspondente tratamento térmico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información