‘Cabras bombeiras’ no monte veciñal de Meira

Esta comunidade de montes do concello de Moaña introduciu no 2016 un rabaño cabrún coa idea de que axudase no control do mato. Habilitou tres cercados, que suman unha trintena de hectáreas, e os animais tamén pastorean outras partes do terreo comunal

‘Cabras bombeiras’ no monte veciñal de Meira

Cabras pastando no lateral dunha pista forestal do monte veciñal de Meira, baixo a vixilancia dun dos pastores que as atende.

O monte veciñal de Meira, en Moaña (Pontevedra), conta cunha singular cuadrilla antilumes, un rabaño de 120 cabras que pastorean a diario distintas zonas do terreo comunal. O proxecto iniciouse coa intención de que os animais axudaran no control do mato das arredor de 400 hectáreas das que dispón a comunidade. A iniciativa, que cumpre en setembro dous anos, está pensada para chegar nun futuro ós 300 animais.

A introducción das cabras en Meira fíxose ao ano seguinte de que o monte veciñal sufrise o último lume de certa relevancia, un incendio que en total calcinou arredor de 25 hectáreas. Daquela, os comuneiros viron nas cabras unha axuda para controlar o mato e reducir os riscos dos incendios, así que puxéronse mans á obra. Visitaron distintas explotacións de cabrún, contactaron con Ovica, a asociación de produtores de ovino e cabrún de Galicia, que os asesorou no proceso, e en setembro do 2016 introduciron no monte veciñal un cento de cabras galegas procedentes dun rabaño dos Ancares (Cervantes, Lugo).

Chegada das cabras a Meira, en setembro do 2016. / Arquivo da comunidade de montes.

Chegada das cabras a Meira, en setembro do 2016. / Arquivo da comunidade de montes.

A adaptación do rabaño a Meira foi boa, aínda que os animais tiveron que afacerse ó novo terreo e ó novo clima. “Nos Ancares, o rabaño estaba nun monte no que se alimentaba sobre todo de uces e no que tiña un clima máis frío e máis seco. No noso monte, hai toxos e pasto arbustivo, que é do gusto das cabras, pero o que máis predomina é o fento, que as cabras só comen cando é pequeno”, explica Jesús Collazo, un dos directivos da comunidade de montes de Meira.

Manexo e instalacións
O rabaño, que está na actualidade nunhas 120 cabezas, dispón dunha nave con base de formigón e estrutura metálica e de madeira, así como de dous cercados de monte, ós que se sumará en breve un terceiro que se está a executar co apoio da Xunta. En total, os cercados engloban unhas 30 hectáreas que facilitan o manexo dos animais, aínda que o alimento que lles proporciona esa superficie é aínda limitado.

Nave gandeira na que pernoctan os animais.

Nave gandeira na que pernoctan os animais.

“O monte veciñal, en xeral, ten zonas con penedos e moita pendente nas que o mato máis habitual é o fento. Pensamos que co paso do tempo as cabras irán moldeando o terreo e lograremos máis pastos nos peches, xa que non é posible implantar pastizais de xeito mecanizado”, valora Jesús Collazo.

O manexo das cabras nos cercados compleméntase coas sáidas que fai o rabaño guiado por algún dos dous traballadores que ten a comunidade de montes, así como por aportes de palla e herba seca na nave na que pasan a noite.

Durante o día, os animais percorren pastando distintas zonas do monte coa vixilancia dun traballador, se ben o control do mato baixo o arborado é unha tarefa complicada. “O mato pódese controlar ben nas zonas con peches, pero é máis complicado noutras partes do monte, pois precisase que as cabras actúen nunha zona concreta un tempo continuado para que se note o resultado”, sinalan na comunidade de montes.

Un dos peches do monte veciñal.

Un dos peches do monte veciñal.

Perspectivas
De cara ó futuro, o obxectivo pasa por aumentar animais, ata os arredor de 300 que pode albergar a nave construída para o descanso nocturno das cabras. “Este é un proxecto que naceu co obxectivo de mellorar o control do mato, non priorizamos o obxectivo económico en si. Se fixeramos números, está claro que non nos meteriamos no proxecto porque levamos gastados arredor de 200.000 euros e non é unha cifra que poidamos recuperar no curto prazo”, explica Jesús Collazo.

Jesús Collazo, atendendo ós cabritos no interior da nave.

Jesús Collazo, atendendo ós cabritos no interior da nave.

Os cabritos que produce a comunidade adícanse en parte á recría e outra parte teñen boa saída comercial, pois Meira (Moaña, Pontevedra) ubícase nunha das zonas máis poboadas de Galicia, no entorno de Vigo e Pontevedra. A comunidade tamén ten prevista a comercialización do esterco producido polos animais, outra vía que xerará ingresos, pero bota en falta apoios da Administración que axuden a cadrar as contas.

“Polo de agora, non tivemos axudas directas polo rabaño. O ano anterior a que nós meteramos as cabras había unha axuda de 30 euros por cada cabeza da raza cabra galega, pero esas axudas desapareceron e de momento non temos ningún apoio directo”, sinala Jesús Collazo.

Lote de cabras próximo ó parto no interior da nave.

Lote de cabras próximo ó parto no interior da nave.

Organización do traballo
Un dos aspectos que máis obrigou a cambiar a introducción das cabras en Meira é a planificación do traballo das dúas persoas contratadas no monte veciñal, que agora teñen que adicar a diario parte da súa xornada laboral ás cabras. “Antes podiamos acometer máis traballos forestais de podas e plantacións, pero agora eses traballos contrátanse case na súa totalidade” -apuntan na comunidade de montes-. “O manexo dun rabaño grande é complicado, sobre todo na época actual de partos, pois hai que estar pendente de separar ós animais que van parir, que quedan na nave, a fin de non perder cabritos no monte”, valoran

Esta primavera, o tempo que deixan as cabras estase centrando en traballos forestais de roza do mato no entorno das vivendas co obxectivo de reducir os riscos de posibles lumes para os núcleos de poboación. É un traballo inxente, que hai que executar manualmente, pois trátase de zonas non mecanizables. As cabras, entre tanto, aportan o seu traballo no resto do monte.

Souto de castiñeiros en Meira.

Souto de castiñeiros en Meira.

Proxecto forestal
A comunidade de montes de Meira ten a maior parte da súa superficie con arborado de piñeiros e eucalipto. Hai anos estaba moi orientada ó eucalipto, se ben ante os fortes ataques da praga do gorgullo, o monte veciñal, reorientouse ó piñeiro e tamén creou un souto de castiñeiros enfocado á produción de madeira. Outras áreas adicáronse a bosque de ribeira e a outras frondosas, coma o bidueiro, entrecruzado con castiñeiros nunha plantación mixta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información