A avespiña do castiñeiro consolida a súa expansión a toda Galicia

O sector produtor agarda que a loita biolóxica comprometida pola Xunta para este ano permita conter os danos. A Administración prevé a solta de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, o insecto parasitoide da praga

A avespiña do castiñeiro consolida a súa expansión a toda Galicia

Mapa de expansión da praga, con datos correspondentes ó outono do 2018.

A avespiña do castiñeiro, que xa a finais do 2017 estaba presente en case toda Galicia, consolidou a súa expansión no último ano, gañando peso nas grandes zonas produtoras do oriente ourensán e chegando ás últimas comarcas do occidente galego que quedaban libres da praga, coma o Barbanza ou o Rosal. A avespiña xa causou este ano serias perdas nalgunhas comarcas produtoras, coma o Caurel lucense, e o sector teme que os danos vaian a máis o próximo ano na gran zona de castaña de Galicia, o oriente ourensán.

O principal problema da praga é que logra unha progresión natural meteórica, pois cada avespiña pon ó ano entre 100 e 200 ovos, polo que a infestación masiva dos castiñeiros prodúcese nun curto periodo, en 2-3 anos. Fronte a iso, a única vía de loita pasa pola solta de ‘Torymus sinensis’, un insecto que parasita as postas das avespillas, contribuíndo así ó control das súas poboacións.

Nun inicio, nos primeiros anos da praga, o Ministerio de Agricultura só autorizou soltas experimentais de ‘Torymus’ de carácter puntual, se ben xa o pasado ano permitiu a liberación de maiores cantidades, o que permite encarar o combate da avespiña. No 2018, soltáronse en Galicia uns 700.000 ‘Torymus’, distribuídos en 20.000 viais, con máis dunha trintena de insectos en cada vial. Deses 20.000 viais, 8.500 corresponderon a Ourense, 7.600 a Lugo, 2.500 á Coruña e 1.437 a Pontevedra.

Para esta campaña, a Administración prevé dobrar a loita biolóxica, coa liberación no medio de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’. As soltas, segundo a metodoloxía deseñada pola Xunta, deberanse facer cando as bugallas causadas pola avespilla teñan entre 1 e 3 centímetros de diámetro. Os preavisos para programar a solta faranse con antelación, en canto os castiñeiros estean con folla.

Tratamento de árbores afectadas polo chancro.

Tratamento de árbores afectadas polo chancro.

Chancro do castiñeiro

Outro problema que enfrontan os castiñeiros nos últimos anos, o chancro, que está en vías de remisión, centra tamén un programa específico de combate, mediante a inoculación de cepas hipovirulentas nas árbores afectadas. No último ano, caeron os castiñeiros inoculados ata 7.000, fronte ós 23.000 do 2017, se ben para este 2019, a Administración prevé aumentar de novo a presión sobre a enfermidade para chegar a 18.000 pés tratados.

2 ideas sobre “A avespiña do castiñeiro consolida a súa expansión a toda Galicia

  1. Alberto

    Entendo queo dato do que se botou e Pontevedra está erroneo. Eu persoalmente botei mais de 400 viais non sendo o único que traballou na provincia.

    Contestar
    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Certo, quedou correxido. O dato que puxemos inicialmente, 126, era do 2017. No 2018 foron máis de 1.400 viais. Graciñas polo apunte.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información