A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Forest Pioneer presenta a nova cortadora de cizalla TMF 600, especial para eucalipto e made in Galicia

Deseñada e fabricada na súa totalidade en Galicia, destaca pola súa rapidez de corte, permite acumular varios pés e ser usada na mesma máquina que a procesadora

A empresa Forest Pioneer, especializada en mecanización forestal, comercializa a súa nova cortadora TMF 600, que foi presentada o pasado venres nunha demostración realizada nun monte da localidade mariñá de Xove. O novo cabezal está deseñado e fabricado integramente en Galicia por TECMAF e, aínda que pode cortar calquera tipo de árbore, está pensado expresamente para traballar con eucalipto.

Emilio Bravo, propietario de Forest Pioneer, destacou as vantaxes da nova cortadora: “É unha cortadora moi forte e robusta pola estrutura que ten, deseñada para o eucalipto, que é unha madeira moi dura, e para a que se precisa de cilindros e coitelas moi fortes e resistentes para que duren. Pero ao mesmo tempo é unha máquina moi rápida cortando e que permite ademais acumular varios pés, o que optimiza os tempos, ao poder xuntar, dependendo do seu grosor, até tres árbores sen rompelas, antes de depositalas no chan”, destaca.

Conta cunha estrutura moi forte e resistente, fabricada en aceiro reforzado, para garantir a súa durabilidade e as coitelas son intercambiables

Outra das vantaxes da nova cortadora TMF 600 respecto de outras cortadoras de cizalla existentes no mercado é a súa versatilidade e manobrabilidade. “É a primeira que existe con xiro 360º, o que permite colocar de xeito moito máis preciso no chan a madeira para a procesadora”, destaca Emilio.

O deseño da estrutura fai que traballe máis perto do brazo e a súa xeometría permite ter un terceiro punto de apoio, o que aporta máis seguridade e un mellor agarre tanto á hora de traballar cos pés no monte como á hora de manexar as árbores unha vez cortadas.

Cortadora e procesadora nunha mesma máquina

Unha mesma góndola pode transportar a cortadora e a procesadora, aforrando en desprazamentos

Unha mesma góndola pode transportar a cortadora e a procesadora, aforrando en desprazamentos

A nova cortadora comercializada por Forest Pioneer non leva electrónica o que fai que poida ser usada indistintamente coa procesadora na mesma máquina. “Ao non ter informática no cabezal permite ir dunha máquina a outra e tamén que unha mesma cabeza tractora con dous implementos, a taladora e a procesadora, cumpla con todas as funcións no monte, de maneira que se aforra en desprazamento da maquinaria, xa que nunha mesma góndola pódense levar as dúas máquinas”, indica Emilio.

A substitución da cortadora TMF 600 é doada, polo que mediante un intercambio rápido (unha persoa soa pode facer o cambio en 15 minutos) pódese colocar posteriormente a procesadora na mesma máquina para realizar todas as funcións no monte sen necesidade de desprazamento de máis maquinaria e ter lista a madeira para o seu transporte posterior.

En 15 minutos unha soa persoa pode desenganchar a taladora e substituila polo cabezal procesador

Deste xeito, para as empresas forestais que xa contan cun cabezal procesador supón un importante aforro, dado que simplemente terían que adquirir o novo cabezal TMF 600 sen ter que gastar, por exemplo, nunha nova retroexcavadora. Ademais, para o manexo da cortadora úsanse os mesmos mandos da procesadora, o que evita un desembolso a maiores duns 10.000, que sería o que custaría a colocación a maiores dunha instalación electrónica básica. “Cunha soa máquina con dous cabezais (cortadora e procesadora) e un autocargador calquera empresa forestal tería completamente mecanizado o proceso no monte”, destaca o propietario de Forest Pioneer.

Fabricación ‘made in Galicia’

Emilio Bravo, explicando o funcionamento do novo cabezal TMF 600

Emilio Bravo, explicando o funcionamento do novo cabezal TMF 600

A presentación da nova cortadora de cizalla tivo lugar cunha demostración in situ levada a cabo nun monte do concello de Xove, a escasos 30 quilómetros de onde se fabrica a taladora TMF 600, na veciña localidade de Barreiros, na mesma comarca da Mariña.

Forest Pioneer Tecmaf eucaliptoA empresa Tecmaf, especialista en adaptación e reparación de maquinaria forestal, realiza nas súas instalacións do polígono industrial de Barreiros todo o proceso de deseño e fabricación da nova cizalla. “A fabricación é 100% nosa, facemos todo, incluídos os cilindros”, explica Manuel Lombardero, un dos responsables da empresa afincada en San Cosme.

A compañía barreirense, que conta con 14 persoas traballando na planta, xa participara no deseño da primeira cortadora de cizalla desenvolvida en Pontevedra e, en base a esa experiencia, logrou agora un deseño mellorado para facilitar a súa versatilidade, mantemento e durabilidade.

A cercanía ao punto de fabricación garante un servizo técnico eficiente á hora de ter que realizar calquera reparación

“O deseño está pensado para que os esforzos sexan liñais, que non haxa torsións para evitar roturas, que era un problema que tiñan as cizallas que había no mercado até agora. Nesta a estrutura é reforzada e as coitelas son intercambiables, do mesmo xeito que son planas pola parte de abaixo, o que evita problemas con troncos e raíces e permite cortar máis abaixo”, engade. “Este cabezal é o resultado de moitos anos de desenvolvemento e traballo no monte”, resume Manuel.

Maquinaria adaptada ás condicións da cornixa cantábrica

Unha das especialidades de Tecmaf é a adaptación de maquinaria forestal ás condicións orográficas, de tamaño das parcelas e de sistema de carga da cornixa cantábrica. Este Centro Técnico de Maquinaria Forestal situado en San Cosme de Barreiros (Lugo) é o principal taller colaborador co que conta Forest Pioneer na Península Ibérica e un dos referentes en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal, con 15 anos de experiencia no sector.

Forest Pioneer é empresa líder en comercialización de marcas tan coñecidas no sector como Timber Pro, Logset ou AFM

Ademais de presentar a nova cortadora de cizalla TMF 600, Forest Pioneer aproveitou a demostración feita en Xove, á que asistiron medio cento de empresas e profesionais forestais, para dar a coñecer outra maquinaria da que a empresa con sede en Irún (Guipúzcoa) é distribuidora, como o autocargador Logset 6F GT ou a procesadora Logset 8H GT, tecnoloxía de fabricación finlandesa que logo Tecmaf adapta ás características do traballo no monte en Galicia.

“O rendemento é dunhas 600 toneladas máis de madeira ao mes con respecto ao traballo de dous motoserristas”

Luis Díaz Casariego dirixe unha empresa que procesa entre 400 e 500 toneladas de madeira diarias

Luis Díaz Casariego dirixe unha empresa que dá traballo a 32 persoas

Forestal Díaz Casariego SL mercou fai dous meses a primeira cortadora de cizalla TMF 600 comercializada en toda España. Luis, o propietario da empresa, móstrase contento co resultado. “O rendemento é dunhas 500 ou 600 toneladas de madeira máis ao mes con respecto ao traballo de dous motoserristas”, asegura.

Pero ademais de aforrar en man de obra (uns 6.000 euros ao mes entre salarios, dietas, roupa de seguridade e ferramenta, calcula Luis), minimízase o risco no monte. “Nós todo o que podemos tirar con máquinas tirámolo con máquinas, porque deste xeito evitas accidentes, ou polo menos minimizas o risco, porque non tes motoserristas traballando no monte”, explica o responsable de Díaz Casariego SL.

As empresas temos que mecanizarnos porque cada vez é máis difícil atopar motoserristas

A empresa de Xove procesa entre 400 e 500 toneladas de madeira de eucalipto ao día e dá traballo a 32 persoas. “Temos 20 empregados directos e 12 camións traballando para nós”, explica Luis. Pero non é doado atopar man de obra e os motoserristas escasean. “As empresas temos que mecanizarnos cada vez máis porque cada vez é máis difícil atopar xente para traballar, a falta de man de obra é un problema importante no sector malia que na madeira se pagan salarios altos”, asegura.

O sector madeireiro leva décadas botando man de traballadores inmigrantes. Primeiro foron os portugueses, máis tarde os marroquíes e máis recentemente os rumanos, pero “nos últimos tempos moitos deles marcharon para Alemaña a traballar na construción e quedamos sen xente”, conta Luis.

O eucalipto é unha riqueza para a comarca da Mariña. Só a nosa empresa necesita entre 15.000 e 20.000 euros de materia prima todos os días

A súa empresa conta con tres cortadoras mecánicas, dúas máquinas forestais con cortadora de disco e unha retroexcavadora coa cortadora de cizalla TMF 600. “Son utilidades distintas, o disco é bo para algunhas cousas, é máis rápido e logras maiores rendementos, pero para montes accidentados é moito mellor a cizalla”, explica. Ademais, “para o disco precísanse máquinas máis potentes e de máis caudal, polo que para as excavadoras, que son a maioría das máquinas que hai porque son máis económicas, funciona mellor a cizalla”, engade.

O custo tamén é distinto. Unha cortadora de cizalla pode rondar o 60% do investimento necesario para adquirir unha taladora de disco, polo que o desembolso económico necesario para a súa adquisición é moi inferior. “O disco só é rendible en empresas grandes, pero nunha pequena ou mediana non se xustificaría a compra dun disco porque hai que ter un certo volume para rendibilizar o investimento feito”, asegura Emilio Bravo.

Algúns dos profesionais do sector forestal que acudiron a presenciar a demostración da nova cortadora

Algúns dos profesionais do sector forestal que acudiron a presenciar a demostración da nova cortadora

Crecemento exponencial

Todos estes factores fan que o mercado en Galicia se estea a decantar polas cizallas. “Coido que na actualidade haberá uns 20 discos e unhas 40 cizallas”, calcula o responsable de Forest Pioneer, que estima en 500 os potenciais clientes para a cortadora TMF 600 só na nosa comunidade. “É unha tecnoloxía recente en Galicia, fai tres anos comezou a haber as primeiras cizallas, así que é un mercado novo pero en plena expansión”, avanza.

A cizalla é máis versátil que o disco e traballa mellor en terreos accidentados, ademáis de ser moito máis económica

A escaseza de man de obra, e sobre todo a falla de motoserristas profesionais, está a empurrar a moitas empresas forestais cara a mecanización dos distintos procesos. Comezouse coas procesadoras e o seguinte paso son agora as cortadoras. “Cunha cortadora de cizalla tírase máis madeira que cunha procesadora e dous motoserristas no monte”, asegura Emilio.

Pero aínda que deste xeito se suple en parte o traballo dos motoserristas, as cortadoras mecánicas non van acabar coa profesión. “Necesitámolos igual para determinadas zonas, por exemplo preto de camiños ou en lugares nos que pola orografía non pode entrar a máquina”, aclara Luis.

O minifundio é un hándicap para a mecanización dos traballos, pero os donos dos montes cada vez están máis concienciados das vantaxes de igualar os turnos de corta cos propietarios lindeiros para poder vender en conxunto e reducir custos

Un factor que xoga en contra da mecanización dos procesos forestais en Galicia é o minifundio, pero a introdución de maquinaria nos distintos traballos no monte está a facer cambiar os hábitos dos propietarios para superar o hándicap do pequeno tamaño das parcelas. “A conciencia dos donos dos montes cada vez é maior a prol de igualar os turnos de corta cos propietarios lindeiros e cada vez máis se tende a vender en conxunto, porque os custos son distintos e se tes que ir a un monte só por 100 toneladas das 4 semanas do mes traballas 3 e perdes 1 andando coas máquinas polos camiños”, argumenta o dono de Díaz Casariego.

Una idea sobre “Forest Pioneer presenta a nova cortadora de cizalla TMF 600, especial para eucalipto e made in Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *