A Fonsagrada celebra esta fin de semana a Feira do Butelo

O evento, declarado Festa de Interese Turístico, prevé superar os 5.000 quilos de produtos cárnicos comercializados. Haberá un mercado con 63 postos de alimentación e artesanía, así coma actuacións de música tradicional

Publicidade
A Fonsagrada celebra esta fin de semana a Feira do Butelo

Edición anterior da Festa do Butelo. / Arquivo.

A Feira do Butelo da Fonsagrada, unha das citas gastronómicas máis asentadas na montaña lucense, celebra esta fin de semana a súa XXIII edición. Durante o sábado e o domingo, a Praza do Concello da Fonsagrada acollerá un mercado con 63 postos centrados nos produtos cárnicos, se ben tamén haberá artesanía e outras gamas de alimentos (queixos, viños, etc.). No mercado, que abrirá en horario de 10 a 20 horas, estarán representadas as tres industrias cárnicas da Fonsagrada, que acadaron unha importante dimensión a partir de elaboracións tradicionais.

O evento, no que está previsto que se vendan 5.000 quilos de produtos cárnicos, contará tamén con actuacións de música tradicional na xornada do domingo, onde a partir das 12.30 horas actuará o grupo Illa Pancha. Para as 13 horas está prevista a entrega do Butelo de Ouro, unha distinción que este ano recae en Gumersindo Rego, médico xubilado natural da Fonsagrada e que chegou a ser xefe de neumoloxía no Hospital Central de Asturias, en Oviedo. Despois, ás 13.30 horas, terá lugar a actuación da asociación cultural Antaruxas e Sorteiros. Pódese consultar nesta páxina o programa completo da Feira.

A cita conta co apoio da Deputación de Lugo, que achegou 6.000 euros para a celebración. A sede do organismo provincial acolleu precisamente a presentación da Feira, coa participación do alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e da deputada provincial Pilar García Porto. “É unha cita que axuda a reforzar as nosas raíces e cultura e trátase dunha experiencia única da provincia lucense. É un turismo de experiencia que encaixa co que tratamos de promocionar desde a Deputación”, subliñou García Porto.

Acto de presentación da Feira do Butelo.

Acto de presentación da Feira do Butelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información