A Fiscalía pide que se anulen os carnets de fitosanitarios realizados online no Bierzo

A Fiscalía pide que se anulen os carnets de fitosanitarios realizados online no Bierzo

O Fiscal do Estado pide aos gobernos autonómicos de Galicia e de Castela e León que anulen os ao redor de 7.000 carnés de manipulador de produtos fitosanitarios impartidos na modalidade online no Bierzo durante os anos 2015 e 2016. A decisión final adoptaráa previsiblemente a Audiencia Provincial de León, que será a que xulgue esta causa.

Así o adiantou hoxe Radio Bierzo, quen tivo acceso ao escrito da Fiscalía, onde pide penas de ata seis anos e medio de prisión para os seis implicados na denominada operación “ Fito” que se abriu no ano 2016 no xulgado de Instrución número 4 de Ponferrada contra as empresas Rabcor, a asturiana Sanea Control e o grupo galego Lucaser pola programación en Villafranca de cursos de formación para a obtención do carné de manipulación de Fitosanitarios, uns cursos cos que supostamente se estafou a uns sete mil agricultores aos que se lle cobraban entre 100 e 150 euros por obter o carnét.

Gran parte destes agricultores procedían de Galicia, onde a falta de oferta formativa, e en concreto na modalidade online, e a desinformación sobre quen debía ou non ter o carné para seguir comprando produtos fitosanitarios ( antimildius, herbicidas, antioídio…etc) , favoreceu esta suposta fraude. Baixo a promesa de “comprar” o carné, miles de persoas eran desprazadas en autobús as fins de semana ata O Bierzo para realizar o exame, dado que a Junta de Castilla y León si permitía entón realizar os cursos na modalidade online, con menor necesidade de desprazamento para o usuario ao poder realizar a parte teórica por internet.

A investigación do SEPRONA conclúe que os alumnos non fixeron a parte teórica

Segundo puido saber Radio Bierzo, o Ministerio Fiscal considera que se lles debe xulgar por un delito continuado de estafa, como delito de masa, en concurso cun delito de falsidade en documento oficial. Para os seis investigados pídense penas de prisión que van entre 48 e 75 meses, segundo a implicación no caso, ademais da restitución das cantidades estafadas.

O caso destapouse en 2016 a instancias dunha investigación aberta polo Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil en coordinación coa Fiscalía de Medio Ambiente de Ponferrada e o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da capital do Bierzo, que contaron coa colaboración dos técnicos en Sanidade e Produción Vexetal do Servizo de Agricultura e Gandería da Junta de Castilla y León e Xunta de Galicia.e co Servizo de Agricultura e Gandería da Delegación Territorial de León da Junta de Castilla y León.

Os cursos estaban compostos por unha primeira fase on- line cunha carga lectiva de 16 horas e unha segunda fase práctica con 9 horas. A maior parte dos estafados eran persoas de avanzada idade sen computadores, o que levou a un uso masivo das mesmas direccións IP desde as que as propias empresas contestaban con robots informáticos aos test que se gardaban como realizados polos contratantes dos cursos. É dicir, as empresas realizaban a parte teórica polo alumno, que só tiña que desprazarse ata O Bierzo para asinar e recibir o certificado que lle daría acceso ao carné de manipulador de produtos fitosanitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información